Saltar

Como gardar a decoración de Nadal

Chegou o momento de quitar a decoración de Nadal? Tanto se es dos que cumpren iso de "ata San Antón, festas son" como se recolles todo o mesmo 6 de xaneiro, non che virán nada mal estes consellos para gardar de xeito fácil e efectivo os adornos de Nadal. Que che parece? Acabarás nun chiscar de ollos!

Quita a decoración de Nadal nun só día

Sabemos que gardar os adornos de Nadal non é tan divertido como poñelos, pero nós intentamos velo como un novo comezo. Porque ordenar a casa é unha maneira de empezar con bo pé o ano novo. Ademais, a decoración de Nadal non sería tan especial se estivese posta os 365 días, non si?

O noso primeiro e máis elemental consello é gardares os adornos de Nadal nun só día. Reserva unha mañá ou tarde, ponte mans á obra e faino dunha tirada. Facéndoo de vez poderás gardar correctamente cada obxecto, retirar os que xa non vas volver usar e facer unha limpeza xeral. Crenos: halo agradecer. Ah! Outro consello antes de empezar. Prepara unha boa lista de reprodución para que a maxia da música e os altofalantes che axude coa tarefa. Será máis entretido!

Prepara caixas de diferentes tamaños

É posible que a túa decoración de Nadal teña uns cantos anos e as caixas orixinais estean algo desgastadas ou sinxelamente se tiraran por algún motivo (perdoámosche se foron ao contedor de reciclaxe, claro). Sexa como for, recomendámosche que consigas moitas caixas variadas para gardar os adornos segundo o seu tamaño ou volume.

Nós utilizamos, por un lado, caixas organizadoras, para gardar os adornos (quer as tradicionais bólas de Nadal quer outros con formas máis variadas), e, por outro, caixas de almacenaxe transparentes, a modo de contedores máis grandes nos que meter cada caixiña que se vaia enchendo. Se tes na casa algunha caixa de sobra, por exemplo, unha caixa de zapatos, podes reutilizala perfectamente para gardar os adornos de Nadal. Ademais, é moito máis económico!

Como gardar as bólas da árbore de Nadal e os adornos con volume

Como verás, imos ir do concreto ao xeral, do máis pequeno ao máis grande. Así que empecemos por algunhas ideas para gardar as bólas e os adornos de Nadal con volume.

Hai moitos xeitos de gardar os adornos, pero o máis importante é protexelos ben. Por exemplo, no caso das bólas de Nadal ou outros adornos cunha forma voluminosa ou máis complexa, como os de cristal ou as figuriñas do Belén, que adoitan ser os máis delicados, nós recomendámosche metelos nunha caixa e separalos envolvéndoos cun pouco de plástico de burbullas ou colocando uns separadores entremedias.

Se non queres gastar nin un euro, podes facer os separadores ti mesmo. Só terás que recortar unhas tiras de cartón dun ancho similar ao alto da caixa e facer uns cortes nas que vaias cruzar por encima, para formar os espazos nos que gardar os adornos. É cuestión de crear filas e columnas, tendo en conta o espazo da caixa e o tamaño dos adornos.

Unha idea infalible para gardar os adornos planos

Tras retirar os adornos de Nadal máis complicados, gardar o resto será coser e cantar. Para os adornos de Nadal planos, seguiremos o método da caixa, pero cun engadido.

Que che parecería clasificar cada complemento segundo a forma ou a colección á que pertenza? É unha maneira xenial de gardar con orde os adornos de Nadal para que o ano que vén resulte máis fácil elixir a decoración. Para facelo, propoñémosche utilizar unhas bolsiñas de plástico con peche, como as nosas bolsas ISTAD para a cociña, xa que permiten ver o contido sen necesidade de abrilas; ademais, ao vir en diferentes tamaños, son perfectas para os diferentes complementos.

Nas bolsiñas poderás meter os adornos ordenados por tipo (estreliñas, animais, casas...) ou por cor, por exemplo. Iso xa depende de ti!

Como gardar as luces e grilandas de Nadal sen enredos

Algunha vez botaches media hora intentando desenredar as grilandas que gardaches o ano pasado? Pois con este sinxelo e económico método non che volverá pasar. Mira que fácil! O erro principal é, basicamente, enrolar as grilandas ou tiras de luces LED sen ningún tipo de seguro nin base para que non se movan.

Moitas veces utilizamos a man para debuxar un círculo con elas ao enrolalas, o cal non sempre é efectivo de todo.

Algo tan básico como un anaco de cartón pode axudar a gardar nun chiscar de ollos as luces de Nadal de xeito que se manteñan perfectas e sen enredos ata o ano que vén. Recorta un rectángulo de cartón ou utiliza o rolo baleiro do papel de cociña para enrolar arredor cada tira. Ao final, podes poñer un anaquiño de precinto transparente ou atar un cordón para que non se mova a tira. Cando remates, mete os rolos nunha caixiña ou nunha bolsa de tea como as de gardar os zapatos na maleta, para protexelos un pouco.

Consellos para gardar e manter as candeas

É importante saber como gardar as candeas de Nadal (ou doutro tipo) para que non se deterioren co paso do tempo ou, aínda peor, acaben por romper.

O mellor, tanto para as candeas aromáticas como para as normais, sexan do tamaño que foren, é gardalas deitadas nunha caixa, nun ambiente seco e fresco. Se queres, podes colocar na base un anaquiño de papel para evitar manchar a superficie.

Como gardar os manteis e outros téxtiles

Ademais dos adornos, a decoración de Nadal inclúe téxtiles: manteis e camiños de mesa, panos de mesa de tea, fundas de coxín, mantas e incluso calcetíns de Papá Noel… Se queres agrupar e gardar correctamente todos os manteis e demais téxtiles de Nadal, recomendámosche que, ademais de lavalos e dobralos ben antes, poñas unha bolsiña antihumidade na caixa onde os metas.

Como gardar as coroas de Nadal

Pode que este ano decidises adornar a casa en Nadal cunha coroa. Se non sabes como gardala para que non se estrague, principalmente debes evitar esmagala para que non haxa risco de que perda a forma. Podes facelo de dúas maneiras: gardándoa nunha caixa, de xeito que non haxa perigo se pos algo enriba, ou ben utilizando unha percha para colgala. Se optas por esta última idea, podes cubrila cunha bolsiña de tea ou plástico para que non colla po. Se é algo pequena, sempre podes utilizar unha percha infantil para que ocupe menos.

Garda a decoración nunha caixa xenérica etiquetada

Agora que xa rematamos de agrupar todos os pequenos adornos de Nadal tanto en caixiñas como en bolsas, o máis recomendable é etiquetalas para saber que conteñen sen ter que abrilas, especialmente as caixas.

Propoñémosche un truco práctico e moi económico: poñerlles unhas etiquetas adhesivas cun nome ou unha referencia que describan o contido (como "bólas vermellas", "estrelas brancas", "figuriñas Belén", "adornos azuis", etc.). Se queres que sexa aínda máis económico, podes escribir o rótulo na propia caixa cun rotulador. Verás canto agradeces este pequeno xesto o ano que vén.

Ademais, para que non corras o risco de deixar cada caixiña ou bolsa nun sitio diferente, recomendamos agrupares todos eses bultiños nunha caixa máis grande e resistente, a modo de contedor; así terás a certeza de que absolutamente toda a decoración está nun único sitio. A nós encántanos o prácticas que son as caixas de almacenaxe transparentes, pero sempre podes elixir unhas opacas para que non se vexa o contido.

Trucos para gardar a árbore de Nadal

Moitas veces pensamos que, por ser o obxecto máis voluminoso, a árbore de Nadal vai ser o máis difícil de gardar. Pois xa verás como non é para tanto.

Para gardar a árbore de Nadal, o mellor é conservares a caixa orixinal na que viña, que será máis grande do normal e estará deseñada especificamente para iso. Segundo o modelo de árbore de Nadal que teñas, poderás separar as ramiñas ou non. Se este for o caso, vai quitándoas piso por piso e péchaas canto poidas; agrúpaas por niveis para que non se mesturen ao gardalas. Podes poñerlles un cordón ou un anaquiño de tea de cor para identificalas máis facilmente.

Cando xa non poidas separar máis partes da árbore de Nadal, e antes de gardala, recomendámosche que poñas unha tea na caixa para envolvela unha vez dentro e así protexela do po. Tamén podes usar un plástico grande, sobre todo na parte superior, para protexela da humidade. Outra opción, sobre todo se non podes separar as ramas, é poñer a tea no chan, colocar a árbore deitada encima, pregar as ramas e envolvelo todo coa tea. Antes de soltar a árbore, átaa cunhas cordas para que non se mova, e xa poderás metela la caixa.

Non esquezas limpar ben a casa

Xa case o conseguiches! O último paso de recoller a decoración de Nadal é limpar un pouquiño a sala de estar para eliminar os restos de sucidade, especialmente na zona da árbore, que é onde máis se acumula.

Non fai falla facer unha limpeza exhaustiva, basta con limpar un pouco para deixalo todo ben recollido. Unha vez que a sala de estar volva á normalidade, poderás descansar como mereces, sen pensar en nada máis que en relaxarte, coa tranquilidade de que o ano que vén terás toda a decoración de Nadal organizada e lista para colocala sen complicacións.

Resultáronche útiles estas ideas? Non esquezas que, ao igual que poñelos, gardar os adornos de Nadal tamén é unha tarefa para facer en familia. Ademais, acabaredes moito antes. Se queres máis inspiración, non perdas estes artigos.

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.