Solucións para distribuír e aproveitar un baño pequeno
Gustaríache aproveitar todo o espazo do teu baño? Inspírate con estas solucións prácticas e enxeñosas, e consigue que o teu baño pareza máis grande e amplo sen gastar unha fortuna e sen necesidade de facer reformas.
1. Planificación do baño
Nun cuarto de baño pequeno é necesario conseguir metros. Temos que aproveitar ao máximo o espazo dispoñible para gardar e organizar a gran cantidade de obxectos que temos sen que isto implique renunciar ao espazo funcional, non si? Ben, como podemos conseguilo? Explicámoscho.
Antes de amoblar e levar todos os produtos a esta estancia, tes que planificar o espazo. En canto teñas unha visión clara de todo o espazo do que dispós, saberás moito mellor como aproveitalo. Mide o oco das paredes e os recantos que queden baleiros, fíxate nas zonas nas que necesitarás cousas adicionais e vai anotándoo todo.
2. Almacenaxe vertical para ter máis espazo
Despois de inspeccionar o lugar, comprobamos que unha das primeiras cousas que podemos facer para gañar espazo nun baño pequeno (e, en particular, neste) é aproveitar o espazo das paredes. Para iso, non hai nada como a almacenaxe vertical.
Unha solución interesante, por exemplo, son os famosos mobles multifuncionais "2 en 1". É o caso dos armarios de baño con espello: de portas para fóra son un espello, pero podemos abrilos e atopar no interior un marabilloso armario de parede con andeis para gardar todos os nosos complementos. Ademais, como non están á vista, potenciamos a sensación de orde.
Non obstante, e se xa temos un espello enriba do lavabo? Non te preocupes. No caso deste baño, por exemplo, recorremos a unha estrutura con andeis para aproveitar o espazo da parede e ter máis solucións de almacenaxe.
Como podes observar, podemos colocar e organizar sen problemas todos os nosos produtos de aseo neste moble. Tes a opción de engadir cestas, caixas de almacenaxe e outros accesorios para o baño para telo todo máis organizado. Son unha solución moi económica e supereficaz para ter o baño ordenado. Viches o que colocamos nun dos laterais? Pensa ao grande e non te limites. Engade todos os complementos que consideres necesarios para telo todo ben organizado no baño, como fixemos nós con este recipiente para o secador.
3. Carriños e estantes para zonas inaccesibles
Para ter máis espazo nun baño pequeno, hai que aproveitar ata os lugares máis estreitos e inaccesibles. Por iso, ademais das solucións para pendurar na parede, recomendámosche que utilices outras como, por exemplo, estantes estreitos, igual que o que amosamos na imaxe. Son estupendos para o espazo que hai entre o lavabo e a parede ou, como vemos na foto, para colocar o champú, o xel e os demais produtos na ducha. Grazas ás súas distintas alturas, poderás distribuír os obxectos como máis che conveña.
Fixácheste nas rodas do estante do que falamos antes? Si, os carriños tamén serven para aumentar o espazo do baño e de almacenaxe e, ademais, para telo todo organizado.
Fixemos o mesmo nesta zona do baño. Completamos un espazo baleiro cun carriño auxiliar de baño algo máis ancho.
Grazas a este moble, aumentamos o espazo dispoñible e temos todo o que precisamos á man. Ademais, é posible movelo onde queiramos. Tamén podemos gardar nel todos os obxectos da nosa rutina diaria: toallas, papel hixiénico, e mesmo decoralo cunha bonita planta na parte superior.
4. Accesorios de parede con ventosa
Por último, imos falarche duns accesorios marabillosos para aproveitar o espazo do baño. O seu segredo? O poder das ventosas. Os accesorios con ventosa para baño son unha alternativa estupenda para colocar obxectos pequenos na parede, en especial se non podemos facer buratos ou, simplemente, se non queremos arriscarnos. Son unha opción económica, moi práctica e sinxela de colocar.
No caso deste baño pequeno con porta corrediza, non puidemos colocar un colgadoiro detrás da porta, como normalmente recomendariamos. Por iso, os colgadoiros con ventosa foron a solución perfecta. Con estes accesorios podemos gañar unha chea de espazo no baño. Iso si, é importante non sobrecargalos. Como podes observar na imaxe, utilizamos uns ganchos deste tipo para pendurar as toallas, aínda que tamén podes colocalos xunto ao lavabo e no caso das cestas con ventosa, no interior da ducha.
E xa! Que che pareceron estes consellos? Se quedaches con ganas de máis, non hai nada como esta selección especial de artigos para aprender a decorar e organizar a túa casa, independentemente do tamaño que teña e do orzamento do que dispoñas.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.