Saltar

Se non sabes como decorar a mesa de Nadal, non podes perder estas ideas!

Quen dixo que o Nadal soamente tiña un estilo definido? A nós encántanos amosar que hai incluso tantos estilos como persoas cando se trata de sentar á mesa. Por iso esperamos que atopes inspiración nestas 5 ideas de decoración para a túa mesa de Nadal.

Decoración de mesa de Nadal en diferentes estilos
Decoración de mesa de Nadal en diferentes estilos

1. Unha mesa de Nadal sofisticada e elegante

Esta é a máis romántica das nosas mesas: completamente vestida en diferentes tonalidades verdes e brancas. Empregamos manteis individuais estampados con debuxos de follas, combinados co prato fondo. Iso si, coidado con non recargar demasiado o espazo elixindo todos os pratos estampados. Neste caso, o prato chan que fai ás veces de base elixiuse en completo branco para darlle un pouco máis de aire e luminosidade.

Aínda que se hai un elemento protagonista nesta mesa de Nadal, esas son as campás de cristal. Vemos que ao longo desta mesa conforman unha gama de padróns repetidos: a combinación de cúpulas con decoración branca no seu interior con outras que conteñen grilandas de luz para iluminar a mesa. Nada máis.

Esa é unha das claves na decoración de calquera mesa de Nadal: aínda que vexamos gran cantidade de elementos, non debemos mesturar moitos diferentes. Moito mellor optar por repetir os mesmos ao longo de toda a mesa!

Ah! Hai algo que se repite en todas as mesas, aínda que en distintos formatos: un detalle para agasallar os convidados e marcar onde deben sentarse (se así o queres). Neste caso, os panos de mesa de fío van suxeitos cunha pinza cunha flor de papel que despois poden levar á casa.

2. Unha mesa escocesa: a aposta para os máis clásicos

A peculiaridade desta mesa de Nadal son os seus materiais: mesturamos moitos padróns e texturas naturais cun mantel de Nadal estampado de raias escocesas que é impresionante! Este Nadal topámonos coa tendencia de mesturar mil e un tipos de padróns, sempre cun equilibrio e un porqué.

Unha mesa ideal para todos os amantes do estilo máis clásico destas datas, en tons vermellos e verdes, pero sen deixar de lado as últimas tendencias.

Tamén vemos varios detalles para darlle un pouco máis de calidez, como a coroa do centro, o mantel individual feito á man cun material como o xacinto de auga ou os cuncos en madeira.

Outro truquiño que nos encanta é engadir algo de iluminación na decoración tanto desta mesa coma do resto. Por que? Porque deste xeito brilla reflectindo na cristalería e axúdanos a conseguir aínda máis luminosidade e ambiente de Nadal.

3. A mesa de Nadal ideal para os amantes da natureza

Cando miramos esta mesa, a priori non parece demasiado de Nadal, pero ten moitísimos detalles espectaculares e é sen dúbida unha das nosas favoritas.

Inspirada completamente no bosque, o único que necesitas son unhas cantas piñas. Garda polo menos unhas 20 completas para despois ir colocándoas ao natural (ou pintadas con spray) ao longo deste camiño entre os dous centros principais, tamén feitos con piñas e unha candea. Un camiño feito con anaquiños de piñas esnaquizadas e sobre o que pasean uns adorables insectos en prata... Non che parece xenial?

Os tons azuis contrastan moi ben coa madeira; e volvemos atopar ese detalle para cada comensal, neste caso con forma de piña, como non podía ser doutro xeito!

4. A mesa máis escandinava: pastel, ouro e luz

Estas tonalidades pastel e estes materiais lévannos directamente aos países nórdicos, cun estilo moi acolledor. Aquí, os pratos son xeométricos, pero cunha disposición diferente para cada comensal co fin de darlle un maior dinamismo, achegando volumes distintos.

Neste caso o detalle é outro insecto, unha mosca dourada (quen diría que unha mosca podía ser tan elegante?) que podemos colocar dentro do prato, tal e como viñamos facendo. Debaixo podes colocar un papeliño co nome do comensal ou ben co menú.

Nestes centros de mesa xogamos con luz, verde e ouro entre os que destacan estes froiteiros de tres pisos que poden servir para colocar estas candeas LED ou os canapés, por exemplo. Anímaste?

5. A mesa de Nadal máis atípica

As liñas desta incrible mesa en tons brancos e negros son moitísimo máis marcadas e rectas que nas anteriores. Comezando polos manteis individuais con estampado xeométrico e seguindo pola "frialdade" e minimalismo dos seus materiais e formas.

Como centro de mesa, unicamente o cristal é protagonista a través destas pequenas árbores que lle dan ese toque de distinción. Unha mesa práctica, funcional, sen complicacións.

E ti? Con que mesa quedarías?  

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Pero debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou utilizar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.