Saltar

Renova a túa cociña por pouco diñeiro

Gustaríache ter unha cociña nova, pero non dispós de moito tempo nin diñeiro para facer reformas? Descubre algúns trucos sinxelos e económicos para renovar con facilidade a túa cociña. E sen necesidade de facer obras!

Nesta cociña centramos a nosa atención no estilo e a funcionalidade. A funcionalidade conseguímola poñendo guías de parede para ter o mesado despexado, solucións de reciclaxe prácticas e solucións de almacenaxe adicionais. En canto ao estilo, apostamos por unha decoración monocromática (tea por metros, marcos, pósteres e cadeiras). Queres ver o resultado? Sigue connosco.

1. Libera espazo no teu mesado

A necesidade principal de toda cociña é ter máis espazo na zona de traballo principal: o mesado!

Se queres aproveitar esta parte ao máximo e gañar un pouquiño máis de amplitude, un dos trucos máis sinxelos e eficaces é sacarlle partido á almacenaxe vertical. 

Como podemos conseguilo? Moi doado. Engade guías colgantes para colocar os teus utensilios, secar os pratos e moito máis. Para isto, aproveita ao máximo a altura da cociña, tanto o oco entre o mesado e os armarios como a parte superior da campá extractora. Calquera zona libre é válida. Deste xeito, terás os artigos que máis utilizas sempre á man e perfectamente organizados.

2. Mellora as túas rutinas de reciclaxe e limpeza

Podemos gañar máis espazo na cociña se reorganizamos o armario de debaixo do vertedoiro? Por suposto. De feito, é unha das zonas máis desaproveitadas de toda a cociña.

Existen moitos xeitos de organizar este recanto e aproveitar ao máximo o espazo. A nosa recomendación é que destines unha parte aos caldeiros, e outra aos produtos de limpeza que queiras gardar. 

Para a parte da reciclaxe, non hai nada como uns caldeiros extraíbles. Como están colocados sobre guías, podemos extraelos sen problemas e aproveitar todo o fondo do armario. 

Para os produtos, o mellor é colocar un estante a maiores con varias alturas e unhas cestas para telo todo organizado. Ademais, podes aproveitar as portas dos armarios para gardar outras cousas, como os artigos pequenos para reciclar. Para iso, por exemplo, virache ás mil marabillas unha cestiña sinxela con ventosas. Efectiva e moi accesible!

3. Potencia a luz da túa cociña

Gustaríache ter un punto extra de luz na cociña sen ter que colocar unhas lámpadas de teito novas? Temos unha solución perfecta e moi económica!

A luz LED integrada é unha grande opción para ter máis iluminación na cociña sen necesidade de ocupar espazo de máis. Só tes que colocar as tiras LED debaixo do armario da cociña e ocultar os cables para que non queden á vista.

4. Multiplica a almacenaxe na túa cociña

Engade armarios abertos nunha parede lateral onde poidas gardar os teus libros de cociña preferidos e recipientes. Podes colocar dende estantes ata andeis e adaptalos como mellor se axeiten ao teu espazo. Xa che advertimos do tremendo potencial das túas paredes...

Queres outra idea para conseguir máis espazo na cociña sen ter que gastar demasiado? O carriño auxiliar de toda a vida chega de novo para amosarnos o seu potencial. Ofrecen unha superficie de traballo adicional e moito espazo para gardar cousas. Por que pensas que non había casa sen carriño?

5. Dá un toque de engado

Sigue estes consellos e verás como tes tempo e espazo dabondo para darlle un toque decorativo á túa cociña.

Neste caso, xogamos cunha combinación de fotografías e servizos de mesa dun mesmo ton para conseguir un aspecto minimalista.

Na vitrina de enriba da mesa podes gardar e amosar as cousas básicas para o momento da comida. Deste xeito, non terás que levantarte tantas veces da mesa. Enxeñoso, non si?

6. Dálle un novo aire á túa mesa de comedor

Para rematar cos cambios na cociña, recomendámosche experimentar cos téxtiles da mesa. 

A forma máis rápida e sinxela é cun mantel novo. O certo é que cunha combinación de manteis individuais, camiños de mesa e outros elementos, podemos ter unha mesa diferente para cada ocasión por moi pouco diñeiro. 

Se prefires algo máis arriscado, animámosche a utilizar unha combinación de cadeiras distintas. Daralle un toque moi especial. 

Que che pareceu? Descubre máis ideas sobre decoración e organización de cociñas coa seguinte selección especial. 

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.