4 ideas para converter o teu balcón nun oasis relaxante
Un pequeno balcón ou unha terraza poden ser a vía de escape na que gozar da tranquilidade se sabes como sacarlles partido. Desde aquí queremos axudarche a que o consigas e por iso propoñémosche varias ideas para o converteres o teu balcón ou terraza no recuncho máis relaxante da túa casa.
O obxectivo é crear un espazo no que che apeteza estar, ese lugar único para ti e os teus. Comezamos?
1. Ambienta o balcón como se estiveses na praia
Se es desas persoas que vivirían permanentemente na praia, baixo o parasol, lendo un libro e tomando algo fresquiño, por que non emulas ese ambiente no teu balcón?
O teu balcón pode converterse no teu anaco de praia particular. Si, sabemos que non é exactamente o mesmo porque non hai mar, pero podes recrear a sensación de estar tombado relaxadamente como se estiveses na praia sen moverte do teu fogar. A vantaxe é que non terás que sacudirte a area cando decidas entrar a casa. Así, o tempo que teñas que estar na cidade durante o verán será moito máis levadío, non cres? Pasar un momento nel será como facer unha pequena escapadela á costa.
Para iso, necesitarás uns básicos imprescindibles: unha hamaca e un parasol. Podes conseguir que sexa aínda máis especial e cómodo cunha gran toalla, coxíns coloridos, plantas e algún que outro detalle decorativo. Se ademais pos un altofalante coa túa música favorita e levas unha bebida refrescante cun rico aperitivo, non quererás saír de alí.
Por suposto, tampouco pode faltar un bo sombreiro, unhas gafas de sol e protección solar. Hai que coidarse!
2. Un pequeno salón no exterior
Crear un espazo relaxante no balcón ou a terraza tamén é posible para aqueles que non cambian o sofá por nada do mundo. A nosa idea é crear un pequeno salón para trasladarnos ao exterior neses momentos do verán nos que apetece estar ao aire libre, pero sen perder a comodidade.
Para iso, necesitarás un sofá ou unha cadeira de brazos de exterior, coxíns, unha lámpada para cando caia o sol (tamén podes poñer grilandas) e unha mesiña na que colocar todo o que necesites: desde unha revista ata unha bebida ou o kit para facer a manicura.
Como sabemos que a intimidade é algo que non pode faltar nun espazo como o salón, no que queremos sentirnos completamente a gusto e ao noso aire, propómosche colocares unha cortina grosa ou unha cortina fina que tape a zona na que coloques o sofá. Así estarás no exterior, pero protexido do sol e as miradas dos veciños. Que che parece?
Como imaxinarás, é unha idea improvisada que podes substituír por un elemento específico para cubrir zonas exteriores como un toldo, unha pantalla para a varanda, unha pérgola ou un parasol.
3. Dá protagonismo á natureza
A natureza non pode faltar nun lugar no que queremos que se respire paz e relax. Por iso, o noso consello é que as plantas e as flores abunden no teu balcón ou terraza. Incluso podes montar unha horta urbana en casa.
E se non tes tempo para coidalas, non te preocupes! Podes optar por plantas artificiais, que tamén achegarán un toque moi agradable ao teu recuncho no exterior. As flores en cores claras ou pastel, en contraste coas plantas verdes, poden formar a combinación ideal se o que buscas é un espazo tranquilo.
Non obstante, tamén podes optar por cores máis rechamantes se quixeres un resultado máis festivo e alegre. Ti elixes!
Queres facer unha horta urbana? Neste vídeo explicámosche como nun chiscar de ollos.

4. Monta un pequeno recuncho gourmet
Comer ao aire libre é un dos grandes praceres cando chega o bo tempo. Para facelo non é necesario que esperes a saír a comer fóra da casa, podes montar a túa propia terraza de restaurante no teu balcón e así facelo moito máis decotío.
O principal é que consigas unha mesa e unhas cadeiras de exterior, ás que lles podes poñer coxíns para que sexan moito máis cómodas. Ademais, se o espazo cho permite, propoñémosche que montes unha pequena cociña para que prepares alí mesmo as túas comidas ou ceas. No verán adoitamos comer moitos máis pratos fríos e lixeiros, así que só necesitarás uns estantes, algo de enxoval básico, unha táboa de cociña e un caldeiro do lixo.
E se quixeres conseguir un ambiente máis especial, podes coroar o recuncho cunha grilanda de luces. Aposta por unha con eficiencia enerxética como as de IKEA.
Incluso se queres cociñar algo, podes facelo cunha placa de indución portátil. Como ves, montar unha pequena cociña ou recuncho gourmet no balcón é moito máis fácil do que semella.
O mellor é que preparar a túa comida ao aire libre fará que goces aínda máis da experiencia e te sintas como se estiveses nun chiringuito. Ademais, non terás que pasear ata a cociña cada vez que necesites algo, porque terás ao teu alcance todo o básico.
Necesitas máis ideas? Bótalle un ollo a estes artigos!
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.