5 agasallos de bricolaxe para facer con crianzas sen gastar moito diñeiro
Gustaríavos facer agasallos personalizados a esa persoa que tanto queredes? Non perdades estas ideas de bricolaxe para facer agasallos de Nadal bonitos, económicos e cargados de agarimo cos máis pequenos.
Os agasallos feitos á man ou personalizados sempre son un acerto, sobre todo, se queres que ese obxecto sexa único. Por iso, este ano especialmente, queremos animarte a facer agasallos de bricolaxe e non só polo económicos que poden chegar a ser (que nunca está de máis aforrar un pouco de diñeiro), senón porque terás a oportunidade de regalar pezas con alma, que conten un pouco máis o moito que che importa esa persoa. Apúntaste? Inspírate con esta lista de agasallos de Nadal económicos e personalizables, e crea cos peques da casa agasallos de Nadal inesquecibles.
1. Un coxín personalizado con borlas
Empezamos cun agasallo superbonito e económico para decorar calquera dormitorio ou sala de estar: unhas fundas de coxín con borlas de cores. Para esta idea, pode que o teu peque non saiba ou non poida coser (esa tarefa tócache a ti), pero non te preocupes, poderá participar igualmente.
Gústavos? Aquí tivemos como inspiración a nosa funda KLARAFINA, pero para engadir borlas a calquera funda de coxín (ou outro téxtil, como unha manta) tan só precisaredes fío (ou la), cartón, unhas tesoiras e un lapis ou boli.
Mira como se fan:
- Cun cartón dobrado pola metade, enrolamos o fío sobre un pequeno treito ata conseguirmos un espesor desexado. Deseguido recortamos o fío sobrante. Ese aro que formamos será a borla. Lembrade que cantas máis voltas lle deades, máis gordiña quedará a borla.
- Cortamos outro anaco de fío (duns 20 cm) e con el facemos un nó para agarrar ben o aro que fixemos. Non recortes os lazos sobrantes.
- Sacamos o aro do cartón con coidado para que non se desfaga.
- Agora, meteremos un lapis xusto debaixo do nó que suxeita todo o aro e, cun dos lazos que deixamos, dámoslle voltas xusto debaixo do lapis. Unhas 5-6 voltas serán dabondo.
- Sen soltar ese lazo, atámolo cun nó e unímolo co outro lazo sobrante.
- Sacamos o lapis e recortamos o aro por baixo para abrir a borla.
- Repetimos o proceso co resto das cores.
- Cosemos as borlas e a funda de coxín, e listo!
2. Un mantel colorido que alegra calquera mesa
Se o teu peque é un artista e está todo o día pintando e debuxando, seguro que lle gustará regalar unha das súas obras de arte. Neste caso, é algo tan sinxelo como un mantel ou camiño de mesa personalizado que alegre calquera comida familiar. Que vos parece? Seguro que aos avós lles encanta!
Para este agasallo, só precisaredes un mantel (aconsellámosvos que sexa branco para que non teñades problemas coas cores), pintura para teas e un lapis.
- Colocamos o mantel ou o camiño sobre a mesa para traballar mellor. Consello: axúdate dun plástico ou protector debaixo para non estragar a mesa.
- Cun lapis debuxamos suavemente o contorno do debuxo que queremos plasmar para que teñamos unha guía feita. Podedes facer unhas flores nas esquinas, un debuxo central… A imaxinación ao poder!
- Unha vez debuxado, será o momento de darlle cor, así que a pintar! Podedes utilizar pinceis de diferentes medidas para ser máis precisos.
- Deixamos que seque ben (se pode ser toda unha noite, mellor) e asegurámonos de que non queden zonas frescas.
3. Uns imáns para as lembranzas da familia
Non hai nada como un agasallo que nos transporte a unha lembranza agradable, como unha viaxe. Quizais por iso en tantas casas vemos os tradicionais imáns de neveira, non si? Dalgunha forma, son un xeito de repasar todo ese percorrido. Así que, por que non reconvertemos esas lembranzas para facelas aínda máis memorables?
Propoñémosche facer uns imáns de neveira con fotos. Como? Moi sinxelo. Mira:
- Collemos un cartón, debuxamos dous cadrados (un chisco máis grandes cás fotos que queiramos colocar) e recortámolos.
- Nun deles, recortaremos o interior, deixando o bordo que máis nos guste, a xeito de marco de fotos. Pode ser un perfilado fino ou do estilo das fotos instantáneas.
- Pintamos o cartón da cor que máis nos guste. Cando estean secos, colocamos a foto entre as dúas partes e pechámolo cun pouco de pegamento.
- Unha vez montado e selado, pegaremos pola parte traseira un imán e deixaremos secar ben.
- Repite o proceso con todos os que queiras.
4. Unha cunca con mensaxe para non perder o sorriso
Un agasallo perfecto, económico e para todas idades. Seguro que este ano houbo algunha que outra frase memorable que merece ser lembrada ou, simplemente, haxa algo tan característico dunha persoa que debe inmortalizarse en algures. Por que non poñer esa frase na súa propia cunca?
Personalizar unha cunca é moi fácil e divertido. Ademais está moi ben de prezo. Anotade todos os pasos para que vos saia perfecta:
- Elixide unha cunca dunha cor lisa e sen relevo.
- Pensade no deseño para esa frase e practicade o seu debuxo nun papel. Cantas máis veces practiquedes, mellor e máis fácil será despois.
- Tombade a vosa cunca e suxeitádea da asa cunha man para que non se mova mentres facedes o debuxo coa outra.
- Coa axuda dun rotulador para cerámica, escribide a frase que practicastes. Truco: cun bastonciño mollado poderedes borrar os pequenos erros.
- Deixade que seque un mínimo de 24 horas.
- Metede as cuncas no forno durante unha hora e media a uns 160 º.
- Este paso, sempre cun adulto supervisando. E a gozar dunha cunca única!
Gustouvos esta técnica? Podedes aplicala en diferentes obxectos máis aló dunhas cuncas. Por exemplo, en tarros de cristal para a despensa ou para un peto diferente, nun supertarro para as galletas, nun cunco… O que sexa, a condición de que esteamos a falar de obxectos feitos de cerámica ou vidro.
5. Un testo decorado
Por último, despedímonos con esta proposta final para facer agasallos de bricolaxe cos pequenos da casa: un precioso testo decorado! É xenial para decorar as plantas da casa e para ter un gobelete novo, e tamén moi orixinal. E o mellor, é supereconómico.
Non tedes testos? Entrade na nosa sección especial e elixide o que máis vos guste. Temos unha gran variedade de estilos e tamaños.
Podedes decoralo como máis vos guste. Nós fixémolos así:
- Cubrimos o espazo de traballo con protectores ou papel de xornal.
- Enchoupamos o pincel de pintura e, desde a parte superior do testo, deixamos que caia un chorriño de pintura e que escorregue pola parede.
- Repetimos o proceso en diferentes partes do testo, variando a cantidade de pintura.
- Unha vez feitos os "chorriños", pintamos o resto do bordo e falseamos as demais pingas ata que teñamos o deseño que queremos.
- Deixamos secar completamente.
- Se queredes, podedes deixar que seque a man de pintura e repetir o proceso cunha cor diferente para combinar varias tonalidades nun mesmo testo.
Que vos pareceu? Esperamos que estas ideas vos inspirasen para os vosos próximos agasallos. Non perdades máis consellos e propostas para facer agasallos orixinais e económicos cos que aforrar un pouco de diñeiro.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.