3 receitas de sobremesas caseiras para gozar cociñando
Se a cociña te relaxa e nunca rexeitas un doce, isto é para ti. Ofrecémosche varias receitas de sobremesas caseiras que non poden faltar entre os teus pratos habituais, para te dares un capricho de cando en vez ou sorprender os invitados.
Buscar un momentiño para cociñarmos tranquilamente unha receita que adoramos é todo un pracer. Nesta ocasión animámoste a probares cun destes doces: un biscoito, unha torta de arandos ou unhas esponxosas madalenas caseiras. Resultan ideais tanto para a sobremesa como para o almorzo ou a merenda. Elixe a que máis che guste e... a cociñar!
1. Torta de arandos
Ingredientes:
- 350 g de fariña
- 250 g de manteiga
- 100 g de azucre
- Marmelada de arandos
- 1 ovo
- 100 ml de auga fría
Preparación:
1. Peneira a fariña co azucre nun cunco.
2. Engade a manteiga á fariña e lígaa coa fariña pouco a pouco. É importante que a manteiga estea fría, acabada de sacar do frigorífico.
3. Incorpora a auga fría aos poucos (se for preciso, métea previamente no conxelador) e sigue amasando ata acadar unha mestura homoxénea.
4. Divide a masa en dúas partes iguais e esténdeas cun rodete ata conseguires un diámetro duns 15 cm en cada unha.
5. Gárdaas no frigorífico durante, polo menos, media hora.
6. Pasado este tempo, sácaas e colócaas sobre o mesado cunha pouca fariña para que non se apeguen.
7. Estíraas cun rodete ata conseguir que queden redondas, midan uns 30 cm de diámetro e teñan un grosor de entre 3 e 4 mm.
8. Coloca unha das masas no molde como base. Recorta os bordos sobrantes.
9. Reenche a torta coa marmelada de arandos.
10. Corta a outra masa en tiras de 1 cm aproximadamente.
11. Monta un enreixado coas tiras sobre a marmelada e sélaas coa axuda dun garfo.
12. Refrixera a torta durante 30 minutos.
13. Prequenta o forno a 190 ºC.
14. Bate a xema do ovo e pinta a torta cun pincel.
15. Enforna a torta durante uns 40 minutos ata que estea dourada.
16. Sácaa, deixa que arrefríe e a gozar!
2. Pan de plátano e froitos secos
Ingredientes:
- 1 plátano
- 2 ovos
- 125 g de fariña de avea
- 100 g de azucre moreno
- 1 presa de noces
- 1 presa de améndoas
- 1 presa de abelás
- 80 g de manteiga
- Canela ao gusto
- 1 sobre de fermento
Preparación:
1. Pela o plátano, tórao e tritúrao nun cunco coa axuda dun garfo.
2. Noutro cunco, mestura cunhas varas a manteiga en pomada (case derretida) co azucre ata quedaren integrados.
3. Incorpora os ovos e o plátano. Sigue mesturando coas varas.
4. Prequenta o forno a 170 ºC.
5. Peneira a fariña xunto co fermento e a canela. Engádeos pouco a pouco ao cunco co resto dos ingredientes. Mestura ata acadar unha textura uniforme.
6. Engraxa o molde con manteiga e verte a mestura.
7. Engade os froitos secos por riba.
8. Enforna durante uns 30 ou 40 minutos. Pasado este tempo, pincha o biscoito cun escarvadentes ou un garfo e comproba que sae limpo para verificar que está cociñado.
9. Déixao repousar durante 10 ou 15 minutos antes de sacalo do molde.
3. Madalenas de limón e vainilla
Ingredientes:
- 3 ovos
- 200 g de fariña
- 180 g de azucre
- 50 ml de leite
- 190 ml de aceite de oliva suave
- 1 limón
- 1 sobre de fermento
- 1 chisco de sal
- Esencia de vainilla
Preparación:
1. Peneira a fariña e pona nun cunco xunto co fermento e o chisco de sal.
2. Rela o limón, incorpórao ao cunco e mestura os ingredientes.
3. Noutro cunco, bate os ovos ata conseguires unha mestura escumosa.
4. Engade o azucre e a esencia de vainilla aos poucos e ao gusto. Despois, continúa a bater ata que estean ben incorporados.
5. Bota o leite e sigue batendo.
6. Incorpora tamén o aceite de oliva e continúa batendo.
7. Engade os ingredientes secos do outro cunco aos poucos sen deixar de bater. É importante que a masa non teña bolborotos.
8. Cando a mestura sexa homoxénea, tapa o cunco con filme transparente e déixaa repousar no frigorífico durante, polo menos, unha hora.
9. Pasado este tempo, pon a prequentar o forno a 210 ºC.
10. Saca a masa do frigorífico e repártea nos moldes para madalenas. Enche as tres cuartas partes de cada unidade, xa que a masa medrará no forno. Recomendámosche colocar cápsulas de papel de forno nos moldes para non se apegaren e sexa moito máis doado retiralas.
11. Ciscalla un pouco de azucre granulado por riba das madalenas para que, ao enfornalas, se forme unha deliciosa cotra.
12. Enforna durante 15 minutos a 210 ºC e comproba cun escarvadentes que a masa está ben cociñada antes de sacalas do forno. Se sae limpo, están listas!
13. Déixaas repousar uns 5 minutos antes de retiralas do molde e despois colócaas sobre unha reixa ata que arrefríen.
14. Sérveas canda unha cunca de café, un té ou a bebida que máis che guste, e a gozar!
Quedaches con ganas de máis receitas? Non perdas estes artigos!
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.