Saltar

5 receitas para unha grellada perfecta e diferente

Encántannos as grelladas! Pero aínda máis as grelladas que se distinguen un pouco das receitas clásicas e van un paso máis alá, para convertelas nunha auténtica experiencia culinaria ao aire libre. Se a ti te pasa o mesmo, toma nota destas ideas para a próxima que organices.

Cando pensamos nunha grellada, rapidamente nos veñen á mente unha serie de pratos coma as espetadas mouras, o chourizo ou o touciño entrefebrado, a que si? Porén, as posibilidades que ofrece a cociña na grella son moito máis variadas e deliciosas. Así que se queres sorprender aos teus convidados esta vez, propoñémosche varias receitas de grella coas que chucharán os dedos.

E non te preocupes, porque o feito de que sexan máis orixinais non implica que sexan máis complicadas. De feito, como verás, en moitos casos só supón darlle un xiro a algunhas propostas clásicas para que sexan máis especiais. Ao choio!

1. Zanquiños de polo bañados con salsa barbacoa e piña

 

Ingredientes:

  • 10 zancos de polo
  • 1 piña
  • 6/7 culleradas de salsa barbacoa
  • 1 culleradiña de salsa de soia
  • 1 culleradiña de azucre moreno
  • Pementos do piquillo

 

Preparación:                                                         

  1. Lava os zancos de polo e sécaos.
  2. Mestura nun cunco a salsa barbacoa coa salsa de soia e o azucre moreno.
  3. Coloca todos os zanquiños de xeito que estean cubertos pola salsa e déixaos sobre media hora no frigorífico.
  4. Un pouco antes de cociñar, corta en rodas a piña e lava os pementos.
  5. Leva todo á grella e cocíñao ata conseguir o punto desexado.

2. Hamburguesas cheas de cor

 

Ingredientes:

  • Hamburguesas de tenreira ou polo
  • Pans de hamburguesa
  • 1 col lombarda grande
  • 3 ou 4 aguacates grandes
  • Tomates cereixa
  • 2 ou 3 ceboliñas
  • 1 ou 2 limóns
  • Pementa
  • Sal
  • Salsas (ketchup, mostaza…)

Preparación:                                                         

  1. Cociña as hamburguesas na grella.
  2. Pica a cebola en xuliana e cocíñaa tamén na grella.
  3. Lava a col lombarda e córtaa en tiras curtas.
  4. Abre os aguacates e córtaos en rodas non moi grandes.
  5. Alíñaos con limón, pementa e sal.
  6. Parte en dous os tomates cereixa.
  7. Cando a carne e a cebola estean listas, monta as hamburguesas: coloca unha base de col lombarda, aguacate, a carne, os tomates cereixa e a cebola.
  8. Deixa que os teus convidados lles dean o toque especial coas súas salsas favoritas.

3. Espetadas de peixe mariñadas con salsa de aneto e limón

 

Ingredientes:

  • 3 tacos de peixe firme por espetada (peixe sapo, mero, atún…)
  • ½ limón por espetada
  • A nosa salsa de aneto e limón
  • Ceboliño
  • Pementa
  • Sal

Preparación:                                                         

  1. Pide na peixería que te corten o peixe en anacos para facer espetadas.
  2. Lava o peixe.
  3. Pon a salsa nun cunco e somerxe os anacos de peixe a mariñar durante 2 horas no frigorífico.
  4. Cando pase ese tempo, corta en anacos os limóns.
  5. Coloca tres anacos de peixe e tres cachos de limón alternados en cada espetada.
  6. Bota sal e pementa ao gusto e decora co ceboliño.

  7. Cociña as espetadas na grella por ambos lados ata que douren.

4. Burritos veganos

 

Ingredientes:

  • Salchichas veganas
  • Tortillas de trigo
  • Gromos variados
  • 2 ou 3 aguacates grandes
  • 2 cebolas moradas
  • Aceite de oliva virxe extra
  • Pementa
  • Sal

Preparación:                                                         

  1. Cociña as salchichas na grella.
  2. Cando estean case listas, pasa as tortillas tamén pola grella para tostalas.
  3. Abre os aguacates e párteos en rodas.
  4. Lava os gromos e pica a cebola.
  5. Mestura todos os vexetais nun cunco e alíñaos ao teu gusto con aceite de oliva, pementa e sal.
  6. Monta os burritos veganos. Para iso, podes deixar as salchichas enteiras ou cortalas en cachos.

5. Salmón con mostaza e alcachofas

 

Ingredientes:

  • 6 lombos de salmón
  • 100 ml de aceite de oliva virxe extra
  • 2 limóns
  • 2 culleradas de mostaza granulada
  • Pementa negra
  • Sal
  • Alcachofas

Preparación:                                                         

  1. Espreme os dous limóns.
  2. Prepara un cunco co aceite, a cebola, o zume de limón, a mostaza, a pementa e o sal.
  3. Pon os lombos de salmón no cunco, tápao con filme transparente e deixa mariñar durante un mínimo de dúas horas no frigorífico.
  4. Un pouco antes de cociñar, parte as alcachofas e bótalles sal e pementa.
  5. Leva todo á grella e cocíñao ata conseguir o punto desexado.

Cal destas receitas prepararás? Antes de que comeces a cociñar, recomendámosche ler estes artigos para que á túa grellada non lle falte ningún detalle. Por unha banda, algunhas receitas de verán como ensaladas que podes servir como acompañantes, e por outra, ideas de decoración. Toma nota!

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.