Cociña con IKEA: filloas recheas de nata con noces de macadamia e plátano
Para alegrar o día, nada como unha deliciosa receita de sobremesas ou unha merenda doce. Hoxe, en #CocinaConIKEA, imos directos ao corazón do padal máis galdrumeiro. Ensinámosche paso a paso como preparares filloas recheas de nata con noces de macadamia e plátano.
Que aproveite!

Coñece o noso chef
Desta volta, temos o pracer de presentarche Álvaro Casamichana Moreno, o noso chef encargado de elaborar a receita de hoxe.
Álvaro é, desde xa ben pequeno, un apaixonado da gastronomía e dos produtos da terra. Ese mesmo entusiasmo foi o que o levou a graduarse como Técnico superior de Hostalaría e Restauración, contando á vez coa titulación de Técnico Oficial de Pastelaría e Panadaría. Adquiriu toda esta formación na Escuela de Hostelería de Cádiz, de onde é natural.
E preguntaraste: que nos vai a achegar Álvaro para estas filloas seren, amais de deliciosas, orixinais e diferentes? Pois ben, o seu segredo profesional reside no delicioso acompañamento: unha salsa de caramelo de vainilla e unha terra de chocolate crocante e laranxa. Fíxoseche auga na boca? Si, a nós tamén.
E non te preocupes! O mellor de todo é que esta receita é moi fácil de facer. Así que, sen máis dilación, a cociñar!
Dificultade: baixa
Tempo elaboración: 24 min.
Tempo de espera: 10 min.
Ingredientes para 3 comensais
- 1 filloa PANNKAKOR (pancake)
- Nata en spray
- 110 g de caramelo de vainilla
- 100 g de nata para cociñar
- 1 plátano
- 25 g de noces de macadamia
- 1 pan de chocolate e laranxa
Preparación
Comezaremos esta súper receita explicando como facer a salsa de caramelo. Para iso, sigue estes pasos:
- Introduce a nata líquida para cociñar dentro dunha pota ou cazarola.
- Engade os bloques de caramelo de vainilla para que se derretan.
- Remove regularmente cun batedor manual para que quede todo ben mesturado e non se pegue a salsa á base da pota.
- Derretemos ata termos a salsa pronta. Nota: para evitarmos sustos e problemas, pon o lume a potencia baixa. Deste xeito aseguraraste de que a nata non se corte e de que non se queime ningún ingrediente.
- Cando a salsa estiver preparada, reservámola nun biberón para engadila máis tarde, no momento do empratado.
Pasamos a deixar preparados o plátano e as noces:
- Cortamos o plátano en rodiñas.
- Cortamos tamén as noces de macadamia. Coidadiño cos dedos!
As filloas
Agora, imos coas nosas filloas. Sempre tes a opción de faceres ti a masa das filloas. Só terás que mesturar ovos, fariña de trigo, leite, fermento, manteiga e un chisquiño de sal. No entanto, nós decantámonos por unha opción moito máis sinxela e igual de deliciosa: a nosa filloa ou pancake PANNKAKOR, que xa está practicamente feita. Ao estar conxelada, tan só debemos preocuparnos de quentala correctamente. Para iso:
- Prequecemos o forno a uns 160 °C.
- Colle unha filloa por cada comensal (si, quen queira poderá repetir despois).
- Colócaas nunha bandexa e enfórnaas durante uns 4 minutos. Nota: non esquezas de pór un anaco de papel de forno para que non se pegue a masa.
É moi sinxelo!
Como facer terra de chocolate
Continuamos explicando como facer terra de chocolate crocante e laranxa. E, aínda que soe moi profesional, non te deixes intimidar por este nome tan elaborado, pois verás que non ten ningún misterio. Só terás que:
- Deixar deshidratar o pan durante uns días para que se poña reseso. Tamén podes torralo un chisco no forno (durante uns 15 min e partido en anacos).
- Cun relador ou robot de cociña, trituramos o pan de chocolate e laranxa. Tamén podes facelo cun simple morteiro dos de toda a vida.
- Nota: non fai falta que quede demasiado fino. Se deixas anacos máis grandes, dará unha textura máis crocante á filloa. Ah! E se tes que facelo cun batedor ou robot, aconsellámosche facelo en diferentes quendas para non saturares o aparello con demasiado pan.
- Colocamos nunha bandexa de forno o pan relado e enfornamos a 160 °C durante uns 2 minutos aproximadamente.
Empratado
Como verías nas nosas anteriores receitas de #CocinaConIKEA, tentamos coidar ata o último detalle porque, ademais do padal e o estómago, queremos namorarche tamén a vista. E é que, nestes casos, a primeira impresión si conta! Así que, o empratado destas filloas tamén vai ter un toque especial.
Existen mil e un xeitos de empratar as túas receitas pero, esta vez, Álvaro ensínanos como facelo neste molde.
- Sobre o molde, colocamos a masa da filloa aberta (previamente quecida no forno). Para non manchar a masa, vai unha por unha.
- Coa axuda dunha manga pasteleira, introducimos a nata montada no interior.
- Engadimos os anacos de plátano de forma graduada para enchela.
- Bota os toros finos de noces de macadamia.
- Engade a salsa de caramelo por riba do recheo de nata, plátano e noces.
- Pecha a filloa.
- Verte de novo un chorriño de salsa de caramelo e vainilla.
- Por último, pon por riba da salsa un pouquiño de terra de chocolate e laranxa.
Consello do chef: dálle o toque final colocando tres noces de macadamia enteiras por riba da filloa a xeito de peche.
E listo! Xa temos preparadas as nosas deliciosos filloas recheas. Que che pareceu? Experimenta con máis sabores, como cunha das nosas deliciosas marmeladas (que, por certo, son orgánicas), e mesmo con sabores salgados. Pasa pola nosa tenda sueca para descubrir todas as opcións que che ofrecemos.
Se quedaches con ganas de máis receitas, non perdas o resto das ideas da nosa web. E se te animas, comparte as túas creacións nas redes sociais a través do noso hashtag #CocinaConIKEA. Faranos moita ilusión!
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.