Que é o hygge en decoración
Que é o hygge? Unha tendencia que leva meses pisando firme en España pero que ten as súas raíces en Dinamarca, país no que é practicamente un estilo de vida. Pronunciámolo máis ou menos como “hu-guee” e podémolo traducir como “acolledor”. E é que en decoración o hygge é unha tendencia decorativa que se basea sobre todo en facer os espazos máis acolledores e agradables a través dos téxtiles e a iluminación. Un estilo que te invita a gozar do tempo na casa, que te axuda a sentirte máis feliz no teu fogar, sen necesidade de grandes cousas. Por iso, queremos ensinarche as claves desta, para que consigas facer o teu fogar máis acolledor e agradable agora que chega o frío. Goza dos pequenos praceres e coñece a fondo o hygge!


1. O hygge son os pequenos detalles que nos fan máis felices
Moito, moito máis alá da decoración como mera estética, está o que nos fai sentir. E se nos sentimos felices na casa, todo flúe! Por suposto, hai pequenos detalles que nos fan estar máis cómodos, máis tranquilos, gozar máis do noso fogar.
Por iso, se segues preguntándote que é o hygge, pensa en detalles como un bonito xogo de café para recibir aos nosos convidados (e mentres expoñelo na nosa cociña), ter as galletiñas clasificadas en tarros para que se conserven o mellor posible, termos para levar a nosa bebida favorita onde queiramos... Dinos se isto non te fai superfeliz, sobre todo no inverno!
Así que pensa que tipo de decoración che fai máis feliz na casa, que che fai sentir a gusto, confortable, case sen ganas de saír máis alá das súas paredes... Pois precisamente todo iso que se che veu á cabeza, esa decoración acolledora, é o famoso hygge. Apetecible, verdade?
2. A tendencia hygge pon "o foco" na iluminación
Como che contabamos antes, no estilo hygge a iluminación ten un peso espectacular. Sobre todo a luz natural! Por iso nos países nórdicos non teñen persianas nin grosas cortinas.
Así que deixa que entre a luz natural a cachón no teu fogar na medida que poidas. Ollo, non dicimos que prescindas das túas cortinas ou persianas, senón que as abras todo o que poidas para deixar entrar a luz e o aire. Algo que sempre nos fai sentir ben.
Por outro lado, a iluminación decorativa e ambiental tamén ha de ter unha presenza importante nos fogares: á fin e ao cabo é a que consegue que as diferentes estancias se vexan máis cálidas e acolledoras, precisamente o que buscamos con este estilo.
Unhas tiras de luces como estas colocadas sobre a cabeceira da túa cama, no recibidor, salón ou corredor, farán moito máis hygge o teu fogar. A que esperas?
3. Un estilo que busca a maxia dos momentos
especiais que vivimos na casa (e fóra dela)
Hygge é unha palabra nórdica para definir ese concepto de gozar da comodidade e os praceres sinxelos da vida.
Referímonos a tomar un café ou unha copa de viño cos nosos amigos ou a nosa parella na casa, a acender unhas candeas unha noite porque si!, a escoitar música tombados no sofá ou bailando pola casa, a darnos un baño de auga quente ata arriba de escuma...
Todos eses momentos son hygge porque nos fan vivir o noso fogar. Porque nos fan ser conscientes da maxia dos momentos máis sinxelos. Por algo Dinamarca conseguiu superar países como Suíza e Islandia como o país máis feliz do mundo, non cres?
4. No estilo hygge os téxtiles son fundamentais
As cortinas grosas en materiais como poden ser a felpa ou o veludo, crean unha sensación cálida e acolledora en calquera cuarto. Ábreas de par en par nos días de sol para que a casa se inunde de enerxía. Pola noite, péchaas para illar mellor o teu fogar do frío.
Para sentir unha sensación de confort e calidez inigualable cando esteas na cama ou no sofá, non dubides en facerte cunha manta de pelo longo, coxíns amolecidos, alfombras... Todos eles axudan a conseguir ese estilo hygge que estamos a buscar.
Enche a túa casa de téxtiles suaves e cálidos que te fagan sentir un pouquiño máis feliz se cabe!
5. Goza da comodidade tamén no chan!
Colocar alfombras é fundamental para conseguir máis calidez no fogar durante os meses de frío. Pero, e se mantemos ese plural en alfombras e usamos varias?
Combinar varias alfombras de varios tecidos, estampados e materiais fai que a sensación sexa aínda máis reconfortante e agradable tanto esteticamente coma á hora de andar por casa.
Este é outro sinxelo pasiño máis na busca desta tendencia decorativa que tanto nos gusta (e estamos seguros de que a ti tamén).
6. En definitiva: o hygge non sempre se ve, pero séntese
Aínda que a nós nos encanta mostrarche as bondades do estilo hygge en decoración para facer a túa casa máis acolledora, como xa terás podido comprobar é un mundo enorme máis alá diso: é unha tendencia que mesmo podemos ver en bares e restaurantes, nalgunhas tendas. Lugares que conseguen facernos sentir ben e gozar do momento sós ou acompañados.
Por suposto, é pasar tempo coas persoas ás que queremos, recordar ás que xa non están, tomar un café, tombarte no sofá e arrouparte cunha manta suave, é comer algo que che gusta. É saber que te enche interiormente e que é o que te fai máis feliz. E buscalo. E apartarte do resto.
Por iso o hygge forma parte da túa decoración, do teu fogar, do teu confort na casa. Porque estarás a buscar o que faga máis acolledor e “apetecible” o teu fogar de tal forma que cada día que entres pola porta, sexas un pouquiño máis feliz.
Benvido a un estilo de vida e decoración!
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Pero debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou utilizar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.