Como organizar e distribuír a cociña dun piso compartido
Nos pisos compartidos cada centímetro pódese aproveitar, e máis en zonas comúns como a cociña e o baño, nas que un oco de calquera andel, estante ou caixón é máis que apreciado. Queres ver como organizar a cociña para gañar máis espazo para as túas cousas? Anota estes consellos e compárteos cos teus compañeiros de piso.
Como repartir o espazo dunha cociña compartida
A cociña de cada casa é un mundo, e por iso non hai ninguén mellor ca ti para saber exactamente canto espazo tes na túa. Porén, verás que hai truquiños máis ou menos sinxelos que poden ser a guía perfecta para a vosa cociña.
O ideal é que primeiro repartades equitativamente os caixóns e armarios dispoñibles para almacenar a comida persoal de cada compañeiro. Sede xustos! Reservade, ademais, un adicional (ou polo menos algún estante) para colocar todas as cousas de uso compartido, coma o aceite, os paquetes de sal e azucre, as especias…
Ah! E un consello, xogade coa altura. Se repartides os armarios e os andeis en función da altura de cadaquén, resultaravos máis doado acceder ás vosas cousas e reduciredes o uso do tallo para chegar a ese último tarro de fabas que quedou esquecido ao fondo.
Non dupliquedes o enxoval
Sede sinceros, de verdade precisades sete tixolas do mesmo tamaño? Se compartides os utensilios de cociña, o mellor é que non dupliquedes en exceso o número de potas e tixolas. O importante en toda cociña (compartida ou non) é ter os utensilios adecuados para a nosa forma de cociñar. Sabes que hai unha tixola perfecta segundo o teu xeito de cociñar e frecuencia de uso? Descubre cal é a túa neste artigo:
Xa que falamos de almacenaxe, as potas sempre é mellor telas en armarios baixos, pero coas tixolas teredes algunhas opcións máis. Estas podedes gardalas de tres xeitos distintos: Amontoadas unhas enriba doutras de maior a menor tamaño (sempre é mellor usar un protector para que non se raien), verticalmente nun soporte ou separador de tapas ou, por último, colgadas de ganchos. Este último método é unha opción coa que decoraredes a parede ao tempo que a aproveitades. Consello: poñede só un par na parede para que o efecto sexa favorecedor e non saturedes a parede.
Máis espazo en armarios e caixóns
Moitos pisos de aluguer son un pouco antigos, e algo que caracteriza ás súas cociñas son os seus armarios altos. Neste caso, o que vos recomendamos, tanto para os de uso persoal coma os comunitarios, é que confiedes nos accesorios de almacenaxe para sacarlle todo o partido posible a ese espazo que nun principio parece inservible.
Por exemplo, un clásico que sempre vai ben é un estante adicional (coma o noso VARIERA) co que conseguir dobre altura. Deste xeito, podedes agrupar e amontoar todo o enxoval, coma os vasos, as cuncas, os pratos e os cuncos dentro dun mesmo armario. Tamén podedes utilizar un portapratos para colocalos un enriba doutros.
E que podemos facer cos caixóns? Neste caso, recomendámosvos que, para os cubertos, coloquedes un separador sinxelo de cubertos. Este permitiravos ter sempre os cubertos ordenados e diferenciados. Para os caixóns que son un chisco máis altos (e tamén incluso para andeis e armarios), podedes utilizar caixas, coma as da serie VARIERA, para agrupar diferentes obxectos, coma os trapos e panos de cociña, ou tarros e botes con alimentos.
Ah! Se tedes algún estante ao aire libre, unha cesta colgante permitiravos ter un espazo adicional perfecto para as patacas ou outras verduras e froitas que queirades ter na despensa.
Tedes demasiadas friameiras? Mirade como ordenalas neste vídeo de menos dun minuto.

Aproveitade as paredes
Algo que nos encanta e sempre queremos aproveitar é a almacenaxe en altura. Parástesvos a pensar no potencial das vosas paredes? O certo é que ao colocar algo tan sinxelo coma un andel adicional (sempre co consentimento previo do dono ou dona do voso piso), quizais consigades ese espazo adicional que precisades.
Existen moitos accesorios para aforrar espazo nas paredes. Por exemplo, se nunca atopades un lugar específico para o pano da cociña, podedes poñer un colgadoiro con adhesivo (coma os que se utilizan para a toalla de man do baño) para non ter que facer buracos ou deixalo enriba do mesado ou entre os pomos. Outro accesorio moi práctico e bonito por igual é unha barra magnética na que deixar colgados os coitelos máis grandes. Así non ocuparán espazo nos caixóns e os teredes sempre a man.
Tamén podedes colocar unha guía e colgar ganchos dela para colocar os principais utensilios, coma os culleróns, as espátulas, as pinzas… Si, tamén poden ser guías con ventosas para non tradear nada (nós, por exemplo, temos a nosa fiel GLÖMSTA cunha bandexa e catro ganchos instalados, que é moi útil para a zona de cociña e do vertedoiro).
Sempre se pode aproveitar a parede dalgún xeito. Se non o tes claro, mira como o fixemos nestas tres cociñas en función do seu espazo e a súa distribución. Seguro que ti tamén podes na túa!
A zona do vertedoiro
Como xa adiantamos, é mellor que sempre vaiades lavando aquilo que gastedes e non saturedes o vertedoiro, malia que sabemos que isto ás veces non é doado. Esta zona é moi propensa a quedar chea de pratos, montóns de vasos e algunha tixola, para lavar ou secar. Aínda máis ao vivir en compañía! Por iso, se non tedes un gran espazo para deixar que escorregue todo ben antes de gardalo e precisades de axuda adicional, recomendámosvos que coloquedes un escorredoiro pregable. É marabilloso porque podedes colocalo no sitio que vos veña mellor no momento e gardalo de todo cando remate a súa función, polo que vos devolve todo o espazo que ocupara. Asegurámosvos que é tremendamente útil.
E onde colocamos o xabón, a esponxa e todos os complementos para fregar a man? Nós dámosvos tres opcións: a primeira e máis común é colocalos xusto a carón do vertedoiro, con algún recipiente coma unha cestiña; a segunda é colocalos nun soporte na parede (coma o que comentamos no punto anterior); e a terceira é colocalos no interior da porta do armario que hai debaixo do vertedoiro cun cesto con ventosas (o noso TISKEN irá xenial porque é un chisco máis pequeno que GLÖMSTA). Deste xeito terás toda a superficie despexada e máis bonita.
Como organizar a cociña e as tarefas
A cociña precisa organización, así que, se non tedes un cuarto de lavandaría, non vemos un sitio mellor no que colocar o voso calendario de tarefas de limpeza, os horarios para o voso momento de cociña para a semana e a lista da compra. Aproveitade para facelo de xeito decorativo! A porta do frigorífico pode ser o voso lenzo en branco perfecto, pero tamén pode selo unha bonita lousa a carón dunha planta alegre, ou incluso un oco na parede se o pintades especialmente para poder escribir con xices de cores. Quedará organizado e precioso!
Ah! E falando de tarefas, non vos esquezades da reciclaxe! Se non tedes espazo para un caldeiro enteiro para cada tipo de residuo, unha boa solución é colocar un separador para o interior do caldeiro de lixo. Deste xeito, teredes sitio para varios obxectos dentro dun mesmo recipiente. Queredes ver como queda en menos dun minuto? Facede clic no seguinte vídeo:

Gustouche este artigo? Segue a inspirarte con estas ideas:
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.