Como organizar un cine de verán na casa
Os plans de verán son o mellor do mundo, non é? E un dos nosos plans favoritos son as noites de cine de verán. Esas noites de flocos de millo, "á fresca", despois dun día de calor, con amizades e familia. Por iso queremos ensinarche como facelo na casa! A túa terraza ou xardín pode converterse nunha acolledora sala de cine ao aire libre.
Contámosche como organizar un cine de verán na casa, e incluso che damos unha alternativa divertida para os máis peques. Así, unha noite calquera pode converterse nunha noite de película.
Como montar un cine de verán na casa
Comecemos a montar o noso cine de verán na casa! Ademais dun espazo cómodo no que sentar a ver a película, necesitaremos o máis importante: a pantalla. Nós fixémola cunha saba branca que enganchamos nun burro para roupa. É superfácil de poñer e quitar! Ademais, ten en conta estes consellos:
- Prepara uns ricos petiscos para tomar mentres vedes a película: os flocos de millo non poden faltar!
- Utiliza bandexas, cestos e caixas para levar a comida, os pratos e os vasos ata a terraza. Así non teredes que levantarvos para nada durante a peli e estará todo perfectamente organizado. Un carriño auxiliar tamén é unha idea xenial!
- Se o espazo nas cadeiras de brazos for reducido, pon no chan coxíns grandes ou pufs para ter máis sitio para os convidados.
- A iluminación indirecta é fundamental para crear un ambiente agradable, ademais de non reflectir na pantalla. Para iso, a mellor opción son unhas pequenas lámpadas solares e grilandas.
Téxtiles para maior comodidade
Os téxtiles son fundamentais á hora de preparar a terraza, pero non só no que respecta a este cine de verán na casa que estamos a montar, senón tamén a calquera cea na que se alonga a sobremesa, para estar cómodos e crear un ambiente verdadeiramente acolledor.
Elixe fundas de coxín con cores estivais e frescas, como estas en azul e branco, así como alfombras de exterior que fagan o espazo máis cómodo. Por outra banda, non esquezas polo menos unha mantiña fina para as noites que máis refresca na azotea, terraza ou xardín.
Un cesto axudaranos a organizar todos os téxtiles de exterior.
Alternativa con nenos: eles son os "protas"
As películas son fantásticas, pero nada comparado cunha actuación en directo, non che parece? Ademais, a moitos peques cústalles estar sentados durante moito tempo vendo unha película. Por iso, esta idea parécenos xenial tanto para substituír o cine de verán como para un previo ou un pospelícula no que se recreen as escenas que máis lles gustasen.
Como facelo? Moi fácil:
- É fundamental poñer unha alfombra no chan con coxíns e pufs para que xoguen con toda a comodidade do mundo.
- Utilizando o mesmo burro para roupa que viamos antes e unha cortina de ducha ou saba vellas, podemos facer un teatro de monicreques no que os nenos xoguen a representar un conto, unha peli ou simplemente o que a súa imaxinación lles diga.
- Prepara unha cea especial para toda a familia que teña un pouco de todo: dende alternativas máis saudables ata un pequeno capricho en forma de lambetadas para os nenos.
- Sacade todos os xoguetes que fagan falla. Despois haberá que recollelos, pero de momento… a gozar!
Un posto de lambetadas na terraza
Esa merenda ou cea especiais tamén poden ter unha colocación especial. Usa unha reixa (a que limita a terraza ou unha posta especificamente para iso) para pendurar todas as diferentes lambetadas, zumes, contos e mesmo premios para esta tarde-noite de verán tan divertida. Con diferentes tipos de organizadores, podes ir colocando todos os extras que se che ocorran para os teus peques pasaren un anaco divertidísimo.
Así, os peques tamén poderán xogar a ter o seu propio posto de lambetadas, algo que á maioría lles encanta.
Ei! Agarda! Se queres máis plans para o verán, non perdas:
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.