Manualidades e actividades fáciles para facer na casa cos teus fillos
Cando pasamos tempo en casa, especialmente durante fins de semana ou vacacións, necesitamos momentos para que nosos peques entretéñanse e mantéñanse ocupados. Así que, por que non deixamos voar a súa imaxinación e lles facemos unha lista con diferentes manualidades e actividades para que se entreteñan e saquen a súa faceta máis creativa? Non necesitarás materiais moi rebuscados para que os teus peques sexan grandes artistas.
Toma nota y xa sabes… os pais estades máis que convidados a facelas tamén.
Adapta o espazo para a actividade
Antes de deixarnos levar pola maxia da pintura, é mellor tomar algunhas precaucións para non poñelo todo perdido. Así que adecúa unha zona para os teus fillos estaren cómodos e non haxa perigo de manchar nada que non se queira.
Podes poñer un protector na mesa ou no chan; se non tes, usa papel de periódico, un mantel desgastado ou unhas sabas vellas.
Ponlles aos teus peques un mandilón, un mandil ou algo de roupa vella. Calquera cousa para que eles, pero en especial vós, esteades ben tranquilos. Non queremos trabucarnos de lenzo e pintar o que non toca, verdade?
Artistas ao poder!
Rotuladores, pegamento, lapis de cores, tesoiras, acuarelas, pintura de dedo… Toda técnica e material están permitidos para os teus pequenos artistas. Verás como, con cousas sinxelas e un pouco de imaxinación, se poden facer creacións bonitas e divertidas. Imos ir enumerando diferentes ideas para que elixas a que máis che guste.
- Paisaxes metalizadas: utiliza papel de aluminio, unha base perfecta para pintar cadros (máis aínda se case non quedan folios brancos na casa). Ademais, cando seque a pintura, crearase un contraste moi orixinal, de estilo galáctico. Poden pintar tanto con pinceis coma cos dediños. Seguro que lles encanta!
- Pintar con obxectos: se non tes pinceis ou se quedaches sen pintura de dedo, non te preocupes. É unha ocasión perfecta para experimentar con calquera outro obxecto e ver o efecto que se crea. Por exemplo, poden mollar en pintura a parte dianteira de tapóns de botellas e pintar coma se fosen selos ou tan só bañar o bordo con relevo e imprimir con el o papel. Un cepillo de dentes vello pode ser xenial para pintar a choiva. Tamén se poden utilizar outras cousas, coma boliñas de algodón para as follas das árbores ou as esponxosas nubes.
- Marcapáxinas personalizados: é tan sinxelo coma debuxar e recortar un rectángulo nunha folla en branco e decoralo ao gusto. Poden darlles a forma que queiran, colgarlles algunha cinta bonita... e decorar así todos os seus libros. E, por que non?, tamén os teus! Despois pódenos reutilizar para o cole e presumir de libros. Lembra que se poden utilizar outros materiais, coma cartolinas, goma eva, revistas... Se queres que perduren, fórraos como fas cada ano cos libros do colexio!
- Figuriñas de dedo: perfectas para darlles vida aos seus personaxes favoritos e xogar con eles. Tan só deberán debuxalos a pequena escala, do tamaño do dedo índice aproximadamente. Recortádeos e cortade ademais unha pequena tira para facer un anel que pegaredes na figura (con pegamento de barra) para colocala no dedo. Gústache? Podes utilizar esta idea para crear, ademais, un teatro de monicreques caseiro. Fai clic aquí para ver como.
- Broches con recortes: se tes recortes de teas ou feltro na casa, é unha ocasión perfecta para os teus fillos deseñaren os seus propios broches. Terán que debuxar na tea as formas que máis lles gusten e despois recortalas e pegalas (non fan falta agullas!).
- Bonecos con calcetíns vellos: pódeselles dar unha nova vida aos calcetíns vellos ou desemparellados. Tan só fai falta o calcetín e un pouco de imaxinación. Poden pegarlle uns botóns para facerlle ollos e incluso atarlle unhas cintas ou la para poñerlle unha bonita melena.
- Máscaras de papel: hai moitísimos modelos en internet para descargar e pintar. Poden utilizar estes modelos e centrarse só en pintar e recortar ou ben crealas de cero.
Pinta a casa!
Tranquilos, non queremos que os peques acaben pintando as paredes e os mobles. Pero, por que non darlle un pouco de cor a estes debuxos? Seguro que lles encanta deseñar a súa casa ideal e pintala con ceras de cores, lapis ou rotuladores chulos. Se vos gusta algunha destas imaxes, podedes descargala nun ficheiro PDF e imprimila. Tan só facede clic nela.
Xogar a "Academia de detectives"
Necesitamos os peques máis agudos e intrépidos da casa para resolver un gran misterio! Axudádesnos? Se queredes convertervos en detectives, superade todas as probas destas 22 caixas. Cada unha contén un reto diferente e moi divertido. Poderedes con eles?
Descargade (no botón de abaixo) un ficheiro PDF co taboleiro, as fichas e o dado para recortar e xogar a Academia de detectives. Que o pasedes ben!
Volcáns espumosos
Un bo experimento científico sempre é benvido para divertirse e aprender. Nós propoñémosvos crear un volcán espumoso. Xa veredes que chulo. É moi sinxelo de facer!
Para que a actividade sexa máis interesante, que tal se anotades todas as posibles explicacións á reacción química e despois buscades xuntos a correcta? Así veredes quen estivo máis preto da verdade e aprenderedes xuntos.
Para alongar un pouco a actividade, antes de empezar, esconde os diferentes elementos do experimento pola casa.
Se tes fillos de diferentes idades, poden ser os maiores os que preparen o xogo de busca, de xeito que ti teñas un pouco máis de tempo para adiantar actividades e traballo. Aínda que xa sabes que nós sempre estamos a favor de que participes nestes anaquiños tan especiais coa familia.
Podes descargar tamén as instrucións para este experimento no seguinte botón.
Plasmar os seus pensamentos
Para acabar, deixámosche unha proposta un pouco máis relaxada para o final do día. Como esta experiencia é nova para todos, pode ser un bo exercicio que os teus fillos empecen un diario ou unha memoria deste tempo na casa. Ademais de axudarlles a plasmar os seus sentimentos e pensamentos, permitiralles practicar a súa redacción e gardar un curioso recordo para o día de mañá.
Outra opción, se vos animades todos os da casa, é facer un videodiario no que contedes cada noite o que fixestes e aprendestes ese día. Ao final desta corentena, poderedes xuntar todas as gravacións nun só vídeo para ver a vosa evolución.
Xa sabedes, estas son soamente unhas poucas ideas das miles que podedes chegar a facer. É só cuestión de deixarvos levar pola vosa imaxinación. Se che gustou este artigo e queres máis inspiración para organizarte cos peques na casa e pasar mellor estas semanas, non perdas estes artigos.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.