Saltar

3 ideas para xogar cos teus fillos con elementos básicos da casa 

Os teus fillos abúrrense facilmente dos seus xoguetes? Non te preocupes! Con estas ideas imos amosarche que ata o obxecto máis cotián do fogar pode converterse nun xogo se lle botas un pouco de imaxinación. Apunta estas ideas para xogar coas túas crianzas con cousas que seguro que tes pola casa

É probable que máis dunha vez vises aos teus fillos entretidos con calquera cousa da casa no canto de cos seus xoguetes, non si? Se hai algo que lles sobra aos nenos, é imaxinación. Porén, ás veces tamén está ben que lles axudes un pouco con ideas de xogos con obxectos da casa para que non se aburran. Por iso, dende aquí queremos darche diferentes opcións coas que o pasaredes xenial. Toma nota! 

1. Pescando doces 

 

Para este xogo vas necesitar o seguinte:  

  • Unha barra
  • Unha cortina de ducha
  • Un pau
  • Unha corda ou un fío
  • Unha pinza de tender a roupa
  • Sobres ou bolsas  
  • Lambetadas ou doces 

O primeiro que deberás facer será colocar a barra coa cortina no oco dunha porta. Despois, para preparar a túa cana improvisada, ata unha corda ao pau, e unha pinza a un dos seus extremos. Deseguido, enche varios sobres coas lambetadas ou os doces preferidos dos teus fillos e algunha que outra sorpresa especial en cada un. Colócaos detrás da cortina, separados uns dos outros.

Para empezar a xogar, os teus fillos teñen que colocarse en fila e, ao outro lado da cortina, ti e as lambetadas. Cada un ten unha oportunidade de pescar un dos sobres desde o outro lado. O noso consello é que escollas a orde a sortes para que non haxa conflitos. Ti estarás preto dos sobres ou das bolsas e engancharás a corda ao que máis se achegue cada un.  

2. O baile do limbo 

 

Se buscas un xogo no que os teus fillos teñan que estar máis activos, este é o idóneo. Co baile do limbo, ademais de pasalo moi ben, traballarán o equilibrio e a axilidade. Por suposto, os maiores tamén podedes participar e gozar duns momentos divertidísimos en familia. Que precisas?

  • Unha barra
  • Tiras de cores a modo de cortina
  • A vosa música favorita 

Como é evidente, amais do material, as ganas de bailar e pasalo ben non poden faltar para este xogo ser un éxito.

Cando teñas todo, o primeiro paso será colocar a barra coa cortina a tiras nunha porta. É importante que diante e detrás dela haxa espazo abondo para vos mover con liberdade.

O seguinte paso será poñervos en fila e ir pasando un a un ao ritmo da música, intentando inclinarvos o máximo posible. Para que a cousa sexa aínda máis interesante, podedes poñer adhesivos con nomes que indiquen a altura á que pase cada un e facer unha pequena competición entre todos. E que gane o mellor! 

3. Agasallos colgantes

 

Este xogo é ideal para facer eses días nos que os teus fillos che piden un agasallo, ou ben se estás a preparar unha festa na casa con varios amigos seus. A idea é converter o feito de darlles un pequeno agasallo nun proceso máis especial e emocionante para eles. Para preparalo vas necesitar o seguinte:

  • Unha barra
  • Lazos de cores
  • Peluches pequenos ou outros bonecos
  • Unha tea para cubrir os ollos  
  • Unhas tesoiras infantís  
  • Papel e lapis 

Unha vez que o teñas todo, coloca a barra nunha porta ou entre un armario e unha parede. Anoa os lazos á barra e ata os peluches ao extremo final.

Tras isto, prepara varias preguntas sobre as súas películas favoritas (ou o tema que prefiras) e anótaas en papeis coa resposta correcta.

Fai unha pregunta a cada un e, cando acerten, chegará o momento de recoller o premio. Para que sexa máis divertido, taparaslles os ollos e, con moito coidado, terán que cortar un dos lazos para gañar un dos peluches.   

Cal destes xogos cres que lles gustará máis aos teus fillos? Se necesitas máis ideas, aquí tes un par de artigos con máis xogos para que na túa casa non haxa nin un só minuto de aburrimento.  

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.