Saltar

7 ideas sinxelas para ordenar a sala de estar e ter todo no seu sitio

A túa sala de estar necesita orde e non sabes por onde comezar? Estamos aquí para axudarte! Preparamos unha selección de ideas para ordenar a sala de estar coas que conseguirás mantela sempre a punto e estar a gusto neste espazo tan importante do fogar. Como verás, a clave agóchase nas solucións de almacenaxe prácticas e versátiles

Non importa se a túa sala de estar é grande ou pequena, estas ideas de orde baseadas na almacenaxe intelixente axudarante a gozar dun espazo despexado, agradable e con todo o que realmente precises ao teu alcance. Esquécete de dedicar varias horas á semana a ordenar a desfeita dos días anteriores e limítate a atopar un lugar para cada cousa. Imos aló!

1. Aproveita o espazo libre debaixo do sofá

 

Como diciamos, non se trata de ter una sala xigante con mil armarios, senón de aproveitar ben o espazo do que dispoñemos. E un deles pode ser o que está debaixo do sofá, que normalmente esquecemos por completo, a que si?

A nosa proposta é colocares bolsas ou caixas deseñadas para esta zona (segundo as medidas tamén poden valer as da cama) e gardares nelas o que quixeres ter preto, pero non á vista. Por exemplo: mantas adicionais, coxíns ou fundas de sofá. Se tes peques, tamén podes utilizalo para gardar algúns dos seus xoguetes e así evitar que estean ciscados pola sala.

A bolsa que ves na foto está especialmente deseñada para ese diván, polo que incluso é posible colocala como un coxín máis. Pero, por suposto, temos moitas outras opcións que se poden adaptar ao teu, así que só é cuestión de que lle botes unha ollada e gañes un espazo de almacenamento que valorarás moito no día a día.

2. Aposta por unha mesa de centro con almacenaxe

 

Outra boa forma de ampliar o espazo do que dispoñemos para ter en orde a sala pode ser cunha mesa de centro con almacenaxe. E se por riba ten rodas e é portátil, moito mellor, xa que poderás movela segundo as túas necesidades e darache moito máis xogo. 

A que che propoñemos da colección RÅVAROR, a pesar de ser pequena, ten capacidade abondo e pode ser moi útil para gardar revistas, libros ou calquera outro elemento que quixeres ter preto cando sentes ou te deites no sofá. Cando remates de usalos, só terás que devolvelos ao seu interior e deixar todo despexado de novo.

Por suposto, tamén pode actuar como mesiña auxiliar se xa tiveres unha de centro. Podes colocala á beira do sofá ou en calquera outro recuncho que tiveres libre. 

3. Garda toda a tecnoloxía nun mesmo lugar

 

Auriculares, mandos, discos duros, USB... Se hai algo que cada vez está máis presente en todas as salas é a tecnoloxía e, con ela, miles de cables que fan que o espazo semelle moito menos ordenado, non si? Por non falar do tempo que perdemos desenguedellando cables por gardalos de calquera xeito.

Por iso, o noso consello é procurares un lugar específico da sala no que gardalos cando non os esteas a empregar. Pode ser unha caixa como a que che amosamos á que lle engadas unha bandexa con compartimentos para que todo estea perfectamente colocado, sen marañas que poidan estragar os teus aparatos. 

Por suposto, o tamaño desta dependerá do número de persoas que sexades na casa e os accesorios que precisedes gardar. 

4. Tira partido das paredes da sala

 

Segues a precisar máis espazo? Daquela, esta idea é para ti. As paredes da sala poden converterse nas túas aliadas para telo todo perfectamente ordenado e no seu lugar.

Para iso, só precisarás colocar algúns ganchos nunha parede que teñas libre. Estes permitiranche pendurar desde pezas como chaquetas ou batas que te quites mentres esteas na sala ata bolsas de tea nas que gardar téxtiles como mantas ou outros accesorios

Tamén podes aproveitala para poñer un foco de parede ou lámpada de lectura preto do sofá ou da cadeira de brazos se non dispós dunha mesiña ou espazo dabondo para unha de pé ou, simplemente, queres que a estancia se vexa máis despexada. 

5. Estantes móbiles que se adaptan a cada momento

 

Un dos principais problemas de orde na sala é que adoitamos levar as cousas dun lado para outro por separado, polo que despois é máis complicado devolvelas todas ao seu lugar.

Por iso, unha boa alternativa pode ser contar cun estante con rodas que che permita levar as cousas á zona que precises de forma organizada e coa posibilidade de devolvelas ao seu lugar inicial dunha soa vez cando remates de usalas. 

6. Cestas e caixas para gardar todo o que precises

Á parte dos estantes, tamén che recomendamos contar con outras solucións, como cestas ou caixas para gardar desde téxtiles ata libros ou mesmo documentos se tiveres unha zona da sala destinada ao traballo. 

En IKEA contamos con opcións que, alén de prácticas, teñen un deseño que contribúe á decoración do espazo, así terás unha sala de estar ordenada e bonita. 

7. Alternativas flexibles tamén no comedor

 

Por último, na túa sala tes zona de comedor pero o espazo é bastante reducido? Daquela, aconsellámoste solucións que che permitan "desmontalo" despois de almorzar ou de cear para telo máis ordenado e gañar espazo. 

Unha boa opción poden ser as cadeiras encartables, que poderás gardar facilmente ou mesmo pendurar na parede con ganchos, como diciamos no punto catro. Se tiveres unha fiestra preto con peitoril, tamén podes utilizala a xeito de banco. 

Con respecto á mesa, podes pegala á parede e que se converta nun escritorio para o ordenador o resto do tempo. Que pensas? 

Desde aquí agardamos que estas ideas che sexan útiles e consigas esa sala ordenada que todos merecemos, na que pasar momentos relaxantes e de desconexión. E, por se quedaches con ganas de máis, deixámosche unha selección de artigos sobre orde no fogar que che poden interesar.   

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, cómpre lembrar que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.