Saltar

Ideas para pasar un día cos amigos e a familia no xardín

Encántanos o verán e os seus plans! E é que non hai nada como pasar o día entre amigos ou familiares sen ningunha outra obriga que non sexa gozar e estar ben a gusto. Gustaríache ver algunhas ideas para preparar unha comida de verán no xardín? Non perdas este artigo!

Prepara a mesa para os invitados 

Se tiveres unha pérgola ou un xeitoso soportal no que poder refuxiarte dos raios de sol, tes o escenario perfecto para montar e preparar a mesa. Coloca un mantel alegre e decora a contorna cuns farois ou algunhas grilandas de luces LED para darlle ambiente ao espazo tanto de día ben como se o plan se alonga ata despois do solpor.

Lembra que, mesmo que sexas o anfitrión ou a anfitrioa da casa, tamén debes gozar do momento, así que facilítate o traballo todo o posible. Non é preciso complicarse tanto! Por exemplo, recomendámosche que agrupes todos os pratos e complementos que vaias empregar e que os coloques nunha pequena mesa auxiliar para telos á man. Así non irás facendo viaxes de acó para aló continuamente.  

Toda a comida e a bebida na mesa

Como non terás que sacar a comida ata practicamente o último momento, recomendámosche que o fagas dunha soa vez, por exemplo, coa axuda dunha caixa máis ou menos profunda e con asas para facilitar o transporte. Ademais, se amontoas varias friameiras ou recipientes con comida, favorecerás a súa conservación, posto que se manterán máis frescos se están xuntos. Ah! Coidado co peso da caixa.  

Fontes para servirse un mesmo

Ao final, o máis práctico é colocar pratos un pouco máis grandes con culleres e espátulas para que cada comensal poida servirse o que lle apeteza en cada momento. E é que, ademais de aforrarche o tempo de servir cada ración, poderás gardar o que sobre das pratas centrais sen ter que desperdiciar comida. É unha boa solución para asegurarte de que, independentemente da cantidade de comida, non se tirará nada. Que che parece? 

Unha festa para os cativos

Se houber nenos no plan, tamén merecen pasalo ben. Como sabemos que a sobremesa non vai con eles, argalla algo para que o pasen en grande.  

Por exemplo, recompila nunha caixa algúns peluches, xoguetes ou outros obxectos, como un balón ou unhas pas. Así poderán escoller libremente e xogar ao que lles apeteza.  

Aínda que non poidamos envolvelos en papel de burbullas para que non se fagan ningún negrón nin rabuño, si podes botar man duns tapetes para cando se tiren ao chan a xogar. Cando menos, estarán moito máis cómodos e vós moito máis tranquilos.  

Queres máis ideas para que o pasen sempre en grande? Bótalle unha ollada a este artigo e inspírate con todas as ideas de manualidades e actividades infantís. 

Unha zona de relax no xardín

Un espazo máis chill out e calmo é perfecto tanto para os adultos que queren repousar un anaco como para os mozos e adolescentes sempre á procura dun pouco máis de intimidade. E resistente aos mosquitos! 
 
Como o fixemos? Moi sinxelo. Só precisamos un mosquiteiro ou unha rede, como a nosa SOLIG, unhas cantas luces, coxíns e dúas cómodas butacas de xardín.  

Por se a noite refresca 

Se o plan se alonga e se presenta a típica noite de verán á fresca, ten á man uns cantos aliados para que a viruxe non incomode a ninguén. Coloca nunhas cestas algunhas mantas suaves e coxíns adicionais (que sempre veñen moi ben).  

E listo! O teu día entre amigos ou familiares será de dez e a proba de calquera público e termóstato. Se quixeres máis ideas para gozar ao máximo dos plans no teu pequeno paraíso privado, non perdas este artigo.  

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.