Saltar

Ideas para decorar recibidores pequenos

É un feito. Os recibidores son o primeiro e o último que vemos da nosa casa. Quizais no lles teñamos dado a importancia que merecen. E é que un recibidor pequeno, pode converterse nun lugar moi útil á vez que bonito. Ademais, é a primeira impresión que teñen as visitas cando entran na túa casa, que non é pouco.

No entanto, non só a decoración é importante: ter un recibidor ben ordenado, evitará que perdas tempo á procura de cousas antes de saír. Se engades un espello e unha boa iluminación, incluso poderás empregalo de aseo para terminar de arranxarte antes de saír ou se o baño principal estiver ocupado. Sabemos que estas cousas acontecen.

Vexamos ideas para decorar recibidores pequenos, modernos e útiles.

1. O banco para descalzarse e almacenar cousas

O banco con almacenaxe será un dos teus mellores aliados á hora de decorar recibidores pequenos, grandes e medianos: non pode faltar! Porque é moi útil para calzarse e descalzarse, e porque aproveita o espazo ao máximo, o que permite gardar dentro del calquera cousa que precises.

2. O colgadoiro para as túas chaquetas e os teus bolsos

Os colgadoiros non precisan carta de presentación, son útiles e necesarios para ter as chaquetas á man, ou mesmo o bolso ou o fular. 

Os máis atrevidos quizais o usen para pendurar as zapatillas de deporte. Se así for, non está de máis empregar un panel de parede ou protector para previr golpes e rozaduras. E se es máis clásico, os colgadoiros de toda a vida seguen á orde do día.

3. A iluminación e o espello para velo todo á primeira

Os espellos, ademais de deixarnos comprobar o noso aspecto antes de saír, son un elemento decorativo que sempre transmite unha sensación de amplitude. 

Quedan xenial tanto enriba dun moble como enganchados á parede. A elección xa dependerá do espazo que teñas ou a utilidade que lle queiras dar. 

4. Por último, pero non menos importante: un zapateiro!

Se o teu recibidor o permite, podes colocar un zapateiro, grande ou pequeno, dentro ou fóra do teu moble de recibidor. Ti elixes!

E lembra sempre pensar nos mobles do recibidor como un conxunto. O recibidor é un lugar moi útil, pero ademais podes facelo especial mantendo un mesmo estilo en toda a estancia. 

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.