8 ideas orixinais para reutilizar cousas da casa
Tes unha morea de cousas na casa que cres que deberías tirar? O noso consello é que antes botes unha ollada a estas ideas para reutilizalas. Seguro que che sorprende todo o que podes facer a partir de cousas como unha caixa vella, botes de vidro, cortizas ou perchas, entre outros.
Se un dos teus propósitos para este ano é intentar ser máis sostible, isto é para ti. Aínda que en principio poida parecer un obxectivo complicado, realmente non o é. En IKEA sabemos que todo empeza cun pequeno paso e que os pequenos cambios poden supoñer moito para o coidado do medio ambiente.
Un principio básico da sostibilidade é o uso responsable dos recursos ou, o que é o mesmo, o aproveitamento máximo do que temos. Por iso, neste artigo, propoñémosche varias ideas para reutilizar cousas da casa e dar unha segunda vida a iso que non parece ter xa ningunha función. Así non só conseguirás sacar partido a cousas que ías desbotar e aforrar uns cantos euros, senón que, ademais, pasarás un momento moi entretido; pódese pedir máis? Imos aló!
1. Crea prácticos estantes con varias caixas
Se tes varias caixas de madeira ocupando sitio pola casa ou esquecidas no rocho, estás de sorte. Podes crear con elas uns estantes nos que gardar todas esas cousiñas do dormitorio que parecen non atopar o seu lugar. Dende accesorios ata material de escritorio, ou incluso zapatos.
Montalos é moi sinxelo: só terás que encastelar unha caixa encima doutra ata acadar a altura que lle queiras dar ao moble. Para maior estabilidade, aparafusa as caixas ou pégaas con pegamento especial para madeira.
Unha vez feitos os estantes, só terás que buscarlles un sitio e xa poderás empezar a almacenar neles o que necesites. Na parte superior, ademais, podes colocar algún elemento decorativo, como unha planta, para un resultado moito máis estético.
2. Fai unha paleta para pintar cun molde que nunca uses
Se a ti ou a algún membro da túa familia vos encanta pintar, esta idea pode virvos moi ben. É moi sinxela, consiste en utilizar un molde para madalenas como paleta para pintar.
É moi habitual que compremos este tipo de utensilios de cociña e despois apenas os utilicemos, así que, se tes un molde ocupando espazo para nada e algún de vós é apaixonado da pintura, ou hai nenos na casa, podedes utilizalo para facer as mesturas de cores comodamente. Para os peques pode ser moi práctico, xa que, ao ter compartimentos profundos, poderán usar máis cantidade de pintura e manchar menos que coas paletas convencionais.
3. Prepara uns orixinais testos con botes de vidro
É habitual que na cociña se vaian acumulando botes de vidro diferentes cuxo contido xa consumiches ou ben que compraches expresamente para un fin, pero xa non teñen esa función. Nese caso, unha boa maneira de reutilizalos pode ser convertelos en testos para herbas aromáticas que utilices na cociña de xeito habitual.
Podes colocalos en guías con ganchos e poñelos cerca de onde cociñas. Así, ademais de telos á man, achegarán un toque de natureza á decoración da cociña. Como son de vidro, non só se verá a planta, senón tamén a terra.
4. Deseña un bonito atrapasoños cunha percha e cordóns
Sentes que no teu dormitorio falta un adorno? No canto de mercalo, podes facelo con cousas que teñas na casa. Neste caso, imos elaborar un atrapasoños para o dormitorio. Sigue este exemplo para ver como facelo. Necesitas:
- 1 percha de madeira
- Cordóns e lazos de diferentes largos (uns 10-12)
- Abelorios de madeira
- Plumas
Cando teñas todos os materiais, o proceso é tan sinxelo como atar os cordóns e lazos na percha, alternando os diferentes tipos para que o resultado sexa máis vistoso. No extremo superior podes colocar un abelorio e no inferior, antes de facer os nós, dous abelorios. Tamén podes engadir plumas na parte inferior, pero non en todos os cordóns, senón alternándoos, para que non quede moi recargado. O toque final será colgar un laciño máis curto con abelorios e unha pluma na parte superior da percha.
5. Dá vida á túa horta urbana cun sementeiro de plástico
As caixas de plástico poden ter moitos usos: almacenaxe de xoguetes, zapatos, roupa, libros… Pero, se tes de máis e non sabes que facer con elas, podes convertelas en sementeiros e crear unha pequena horta urbana na casa.
Para conseguilo, só necesitarás poñer substrato, plantar nel as túas plantiñas favoritas e regalas e poñelas ao sol segundo as súas necesidades. Neste sentido, recomendámosche que te informes moi ben sobre cada tipo de planta para elixir as axeitadas segundo as condicións meteorolóxicas do lugar onde vivas e a estación na que esteas. Así haberá máis posibilidades de que se dean ben. Máis adiante, dependendo do tamaño que acaden, é posible que debas transplantalas.
6. Consigue un organizador para os teus accesorios feito de cortiza
Colares por un lado, pulseiras polo outro… nunca atopas os teus accesorios? Entón esta idea é perfecta para ti. Trátase de montares un pequeno recuncho no dormitorio ou no roupeiro para os complementos e así os teñas sempre localizados.
Para facelo, só vas necesitar pequenos paneis de cortiza e cortizas de botellas que teñas na cociña. Na foto ves que optamos polos nosos gardamanteis circulares HEAT, pero podes aproveitar os que teñas na casa (cadrados, rectangulares...); ti elixes! Os tapóns de cortiza funcionarán como ganchos para que poidas colgar todo o que necesites. Para que se suxeiten ben, só terás que aparafusalos ao panel de cortiza, como se ve na foto.
Nós deixámolos ao natural, pero, se queres, podes botarlle imaxinación e pintalos de cores. Todo depende do efecto que queiras conseguir na decoración do teu cuarto.
7. Monta un orixinal revisteiro con perchas vellas
Dar un toque innovador e diferente á decoración da casa pode ser moi fácil. E esta idea é a proba: consiste en utilizar varias perchas a modo de revisteiro. Nelas poderás colgar revistas, xornais ou folletos para telos á man onde os adoites ler (na sala de estar, no despacho, nun recuncho do dormitorio...).
Só terás que poñer varios ganchos na parede e colgar as perchas que necesites. Incluso podes pintalas de diferentes cores para o resultado ser máis rechamante. Seguro que ningún dos teus familiares ou amigos ten un revisteiro tan orixinal!
8. Adorna o xardín con caixas reutilizadas
Se queres dar un paso máis na decoración do xardín, podes conseguilo cun par de caixas vellas. Só terás que pintalas dunha cor rechamante e poñer dentro varias plantas que combinen ben entre si para conseguir un fermoso expositor de plantas. Para que destaque máis, podes usar caixas de diferentes tamaños, como na foto.
Canto á colocación, podes poñelas directamente no chan, no peitoril da fiestra ou sobre outras caixas para lograr máis altura. Seguro que a máis dun veciño lle chama a atención o toque único e personalizado que consigas.
Que che pareceron estas ideas? Como ves, cunhas poucas ganas pódense aproveitar moitas cousas que en principio xa non serven. Se aínda queres máis, aquí che deixamos un par de artigos para seguir aprendendo sobre a arte de reutilizar. Non os perdas!
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.