Saltar

3 cambios de look para o teu fogar que caben nunha bolsa IKEA

Sabemos que este ano está sendo especialmente complicado. Por iso, decidimos baixar temporalmente o prezo dalgúns dos nosos servizos para que este inicio do 2021 sexa un pouquiño máis doado e, a pesar de todo, a túa casa poida converterse nun verdadeiro fogar. Queres ver como sacarlle partido?

A continuación, dámosche unhas cantas ideas para cambiar a decoración da túa casa por moi pouco diñeiro e cuns gastos de envío mínimos, concretamente, desde 4 €. Descubre todo o que cabe nunha bolsa IKEA! 

1. Cambios de look con téxtiles

Os téxtiles, sen dúbida, son un dos produtos máis sinxelos e accesibles para facer un cambio de imaxe no fogar. E caben perfectamente na nosa bolsa IKEA!

En función da estancia, poderás xogar con diferentes produtos para darlle ese aire renovado. Para o dormitorio, por exemplo, non hai nada como cambiar a roupa de cama. Podes aproveitar para comprar unha funda nórdica e sabas cuns tons ou estampados máis acordes coa estación actual, e mesmo conseguir ese recheo novo que queres dende fai tempo.

Queres algo máis alén dos téxtiles? Podes adquirir pequenos complementos adicionais, como un pequeno foco para as túas lecturas antes de durmir.  

No caso da sala de estar ou dun espazo ao aire libre, como a terraza, facemos o mesmo. Por iso, recomendámosche que te decantes polo xogo coas fundas de coxín se queres facer un cambio de estilo. É a forma máis sinxela e económica de decorar a estancia sen apenas esforzo. Só tes que asegurarte das medidas dos teus coxíns e engadir ao carriño os modelos que máis che gusten. Ah! Non esquezas o resto de téxtiles. Que che parecen unhas mantas gustosiñas? 

Elixas o que elixas, ten presente en todo momento os requisitos para facer o envío máis económico: non exceder os 25 kg de peso e cumprir coas medidas máximas de embalaxe (78,5 cm x 55 cm x 39 cm). Do resto xa nos encargamos nós. 

2. Cestas e caixas para poñer orde e estilo

Aínda que non teñamos a casa moi desordenada, é probable que moitas veces nos angustiemos pola cantidade de cousas que acumulamos. A sala de estar, por exemplo, é unha zona bastante propensa a ter unha gran cantidade de obxectos, xa sexan de decoración ou non. O mellor nestes casos é facer unha limpeza ao estilo Marie Kondo e quedarnos só con aquilo que sexa verdadeiramente útil ou ao que lle teñamos un aprecio especial.

Non obstante, que pasa cando xa non podemos prescindir de nada máis? O noso mellor consello é que utilices o poder das cestas e as caixas para enganar á vista. Son uns produtos perfectos para engadir á decoración da nosa casa porque son superprácticas para poñer un pouco de orde e estilo en calquera estancia, amais do económicas que son.

Ao agochar no seu interior calquera obxecto, axúdannos a mellorar a percepción do espazo e a que pareza aínda máis despexado e ordenado. Utilízaas para gardar as mantas da sala de estar ou como o teu agocho perfecto para os teus vinilos de colección e revistas, e sorpréndete co resultado.

Sabes que é o mellor? Moitas delas veñen encartadas, así que poderás engadir varias na túa bolsa IKEA sen ocupar apenas espazo.  

3. Elementos decorativos para o remate final

Os complementos de decoración pequenos son bastante accesibles e, por moi pouco, poden xerar un gran cambio en calquera estancia. Por iso, son uns candidatos perfectos para a nosa compra en liña con envío económico.

Nesta imaxe, por exemplo, utilizámolos para decorar un pequeno recibidor dunha casa pequena. A nosa prioridade foi darlle un aire novo sen desperdiciar o espazo dispoñible.

Un dos elementos máis efectivos e favorecedores para espazos reducidos é o uso de espellos, tal e como fixemos aquí. O certo é que, se os empregamos ben, son perfectos para achegar luminosidade e profundidade, como é o caso. Podes crear a túa propia composición con espellos de parede pequenos e darlle ao cuarto ese toque especial que tanto desexas. Que che parece? 

Tamén podes optar por decorar o espazo cuns vasos ou floreiros. Non tes boa man para as plantas? Non te preocupes. De feito, non importa se decides vestilos cun arranxo floral ou non, pois estes complementos teñen tal beleza e personalidade que poden decorar un espazo por si mesmos perfectamente.   

Se sempre quixeches inmortalizar os teus mellores recordos, recomendámosche que decores a casa con marcos de fotos como este. Son unha forma fantástica de centrar a atención en momentos especiais e exhibilos como merecen para que, cada vez que cruces a mirada con algún deles, apareza un precioso sorriso no teu rostro. 

Xoga con estes obxectos e crea a túa bolsa IKEA perfecta para gozar mentres decoras a túa casa por moi pouco. Se precisas información técnica, non dubides en consultar todas as condicións para acceder a este servizo.  

Gustáronche estes consellos? Non perdas a nosa selección de ideas e inspiración.  

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.