4 ideas para renovar a decoración da túa casa no outono
Quizais xa remataron os longos días de relaxación estivais, pero non te preocupes! Podes reavivar esa sensación inundando a túa casa de luz e calidez. Con iluminación ambiental e téxtiles suaves, podes transformala nun oasis acolledor. Anota estas sinxelas ideas para renovar a decoración no outono.
É habitual que cando falamos de renovar a decoración da casa, asociemos esta acción con moito tempo e diñeiro. Isto fai que a maioría das veces apracemos este tipo de cambios que melloran o benestar no fogar, porque consideramos que non é o momento axeitado para afrontar máis gastos.
Pero o certo é que actualizar a decoración dunha estancia ou darlle un toque diferente non ten por que ser caro ou implicar moita dedicación. Non crees? A continuación, demostrarémosche como podes renovar a decoración con pequenos cambios. Toma nota!
1. Mantas e coxíns en cores outonais
O sofá ou a cama son os protagonistas dos cuartos como a sala ou o dormitorio, polo que, se estás buscando renovar a decoración, debes centrarte neles. Darlles un toque totalmente diferente é tan sinxelo como cambiar os seus accesorios. Agora que volve o frío, o mellor é apostares por mantas e coxíns novos que se adapten ao estilo que queres no cuarto.
Nesta ocasión, como a temática xira arredor do outono, a nosa recomendación é apostares por cores que predominen na natureza nesta estación, coma o laranxa, o marrón ou os verdes máis apagados. Con estas cores poderás crear diferentes combinacións e conseguir que a túa cadeira de brazos ou cama parezan moito máis acolledores.
Se pos máis dunha manta e non queres que ocupen moito espazo cando non as esteades utilizando, unha boa idea pode ser contar cunha cesta para gardalas. Para que acheguen calidez e se integren co aire outonal, a nosa recomendación é optares polas de ratán.
2. A alfombra, moito máis ca un adorno
Unha alfombra é moito máis ca un elemento decorativo. Pode dar luz a un cuarto, facer que se converta no teu lugar favorito para relaxarte tomando un té ou lendo ou achegando calidez a un chan frío. Por iso, non pode fallar para renovar a decoración da túa casa en outono; será o elemento clave para vestir a estancia na que a coloques e achegar ese confort que todos buscamos cando comeza a facer frío.
De novo, como no caso das mantas e os coxíns, o deseño que elixas debe aliñarse coa estética global que esteas buscando. Neste caso, recomendámosche apostar por un ton cru claro que achegue luminosidade ou ben, se queres que sexa máis escura, podes elixir a gama cromática que mencionamos anteriormente (laranxas, marróns...).
En canto aos materiais, os nosos preferidos, tanto por suavidade como por durabilidade son as fibras naturais. Son unha marabilla ao tacto!
3. Detalles decorativos para crear ambiente
Outro xeito sinxelo de achegar o outono e a natureza ao teu fogar é utilizar detalles decorativos que estean relacionados con esta estación do ano.
Por exemplo, colocar podallas ou flores outonais en floreiros en diferentes puntos da casa, como o recibidor ou a cómoda do teu dormitorio. O mellor de utilizar este truco en diferentes lugares é que actuará como fío condutor da decoración da casa e reinará un estilo semellante en todos os cuartos. Por suposto, podes incluír variantes en cada cuarto (como optar por floreiros ou flores diferentes), para o resultado ser moito máis especial. O noso consello é apostares por flores artificiais para que poidas utilizalas nas próximas tempadas.
4. Xoga coa iluminación
Cando os días son máis curtos e as noites máis longas, comezamos a botar de menos a luz e a calidade estival. Engadir iluminación ambiental aos recunchos escuros pode facer que calquera cuarto pareza máis cálido e acolledor.
E se o que estrañas son as fogueiras de San Xoán, que marcan o inicio do verán, podes conseguir ese efecto na casa de xeito seguro agrupando candeas normais e LED, e incorporar grilandas luminosas debaixo de cúpulas de cristal. Crearás un ambiente agradable ao instante onde e cando queiras.
Como podes ver, pódese conseguir moito cuns pequenos cambios. Non hai escusas para dar un toque diferente á túa casa cada tempada! E se necesitas máis inspiración, bota unha ollada a estes artigos.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e os cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.