Saltar

Ideas para entreter os nenos mentres teletraballas

Combinar o traballo dende casa cos nenos non é doado, sabémolo. Por iso, queremos ofrecerche varias ideas para que os teus peques estean entretidos mentres ti teletraballas nas vindeiras semanas. Unha das claves que non debes pasar por alto é a organización. Establecer horarios axudarache a desempeñar as túas tarefas moito mellor.  

Toma nota! 

A organización é o primeiro

Para que as ideas que che imos dar funcionen, hai que partir da base da organización clara da xornada. Así pois, é fundamental que tanto ti coma os teus fillos teñades horarios e cada un saiba o que ten que facer en cada momento. Aínda que isto dependerá da idade de cada neno, cando esta o permita, é importante que lles expliques a nova situación e como poden contribuír a que todo funcione na casa. 

Para que sexa máis ameno, especialmente no caso dos máis peques, podedes elaborar entre todos un horario de luns a venres e colgalo nalgunha zona común e visible da casa, como a cociña. Isto permitiralles entender que non están de vacacións e hai que seguir certos horarios e normas. O que non quita, por suposto, que haxa certo grao de flexibilidade para que todos vos adaptedes.  

Tamén é importante que teñas en conta o lugar no que van estar os teus fillos mentres ti teletraballas. Se son moi pequenos, terás que telos máis preto, polo que podes acondicionar unha zona próxima ao teu escritorio ou despacho, e, se son maiores, poderán estar no seu cuarto ou no salón.  

Outro consello que pode ser útil é que madrugues un pouco máis do normal e aproveites ese tempo no que os nenos aínda están durmidos para adiantar algunha tarefa. Porén, como sabemos que hai varias horas nas que o teletraballo coincidirá cos peques, velaquí che deixamos varias ideas para que o leves moito mellor.

1- Actividades escolares 

A maioría dos nenos, a excepción dos máis pequenos, teñen que facer tarefas escolares online durante estas semanas. Aínda que nalgúns momentos requiran a túa axuda e teñas que prestarlles atención, que as realicen pola mañá, no mesmo horario no que ti traballas, permitirá que estea entretidos e ti teñas máis tempo para o teu.  

O ideal é que, antes de empezar, fagades un repaso de todas as tarefas que teñen para cada día, de xeito que saibas o tempo que lles van levar e en que momentos necesitarán que lles axudes. Que che parece apuntalas nun papel ou nun pequeno encerado e ir riscando as que vaian realizando? Seguro que lles resulta motivador! Por suposto, para que estean concentrados, o mellor é que as fagan nun escritorio e con todo o que necesiten á man.  

Ademais, é interesante que programes tamén un tempo de recreo, coma no colexio, para que o traballo lles resulte máis ameno. Podes aproveitar ese momento para facer ti tamén un pequeno descanso do teletraballo.  

2- Unha hora de lectura ao día

Unha vez rematadas as tarefas escolares, unha boa idea para que os pequenos estean tranquilos e ocupados é a lectura. Para animalos, o mellor é que elixan libros de temáticas que lles gusten realmente, de xeito que o tempo de lectura se converta nun momento de ocio e non nunha obriga aburrida. Para aumentar a súa motivación, podedes crear no salón un pequeno espazo de lectura no que se sintan cómodos.   
 
Ademais, cando remates de teletraballar, podedes dedicar un anaco a falar do que leron, de xeito que sintan que todos sodes partícipes desa actividade.

3- Manualidades divertidas 

Cansos de ler? Facer manualidades é unha gran alternativa que adoita apaixonar os máis pequenos. Podedes buscar titoriais de manualidades, seguir algún libro ou simplemente dar renda solta á imaxinación. Neste sentido, por suposto, tamén hai que ter en conta a súa idade. Non se trata de que fagan unha obra de arte, senón de que se divirtan experimentando coas cores e as texturas. 
 
Para as manualidades seguro que dispós de moito material na casa, e tamén podedes reutilizar algunhas cousiñas, pero, se che faltan cousas, podes atopalas aquí.  
 
Por certo! Non esquezas protexer a zona na que os nenos vaian crear con papel de periódico e plástico para non manchar nada. 

4- Xogos educativos

Xogar é un dos xeitos máis eficaces de aprender, polo que, cando rematen as tarefas do colexio, poden adicar un anaco a xogar mentres ti teletraballas. Neste caso o ideal é que apostes por xogos educativos ou de mesa cos que se entreteñan sen moverse moito nin facer moito ruído.  
 
Se tes máis dun fillo, este momento pode ser compartido e, se non, non hai problema, podes apostar por xogos individuais cos que o teu fillo aprenda e o pase ben a partes iguais. Hai moitísimas opcións!  

5- Tempo de cine

Outra actividade que podes incluír no horario dos teus peques mentres teletraballas, xa sexa todos os días da semana ou só algún, é ver unha película ou serie que lles guste. Seguro que pasan un momento moi divertido e entretido. Quizais o mellor sexa deixar esta actividade para a tarde, cando o seu horario escolar xa rematou, pero ti aínda segues teletraballando.  

Por suposto, non se trata de que pasen o día pegados á pantalla, polo que o ideal é establecer un tempo límite. Para que sexa unha actividade máis organizada, podedes elixir xuntos a película ou os debuxos, incluso a tarde anterior. 

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.