DIY e Traballos manuais con caixas recicladas, papel de agasallo, latas ou botellas

DIY e Traballos manuais con caixas recicladas, papel de agasallo, latas ou botellas.

DIY e Traballos manuais con caixas recicladas, papel de agasallo, latas ou botellas

En IKEA somos, simplemente, amantes das segundas oportunidades. Segundas oportunidades de mobles, de latas, de caixas, de decoración. Case todo pode volver utilizarse, polo menos, unha segunda vez: os recipientes de plástico, as latas, as caixas de zapatos, os botes de cristal, as rollas e mesmo os obxectos rotos. Só precisas un pouco de pintura, pegamento, parafusos e toda a túa creatividade. Proba estas ideas DIY para reciclar! Así crearás un mundo máis sostible e poderás aforrar cartos na casa. Apúntaste?

1. Recipientes de cociña con latas baleiras

Apetéceche darlle á túa cociña un toque moderno e industrial? Entón deixa á man os cubertos e os utensilios de cociña en bonitas latas sobre o mesado. É moi doado de levar a cabo:

  • Quítalles as etiquetas ás latas e retira as posibles manchas de pegamento.

  • Límpaas a fondo por dentro e por fóra antes de comezar a pintalas.

  • Píntaas como máis che gusten! Νós personalizámolas cunha pintura con textura que imita o cemento para seguir co estilo moderno e industrial da cociña, pero podes facelo coas cores que mellor vaian contigo ou coa túa decoración.
Botes de vidro para gardar utensilios no baño.

2. Botes de cristal para poñer orde no baño

Os botes de cristal permiten ver que hai e canto queda. Así, trasladamos esta idea dende a cociña ata o baño.

Se queres levala a cabo, limpa e airea os botes usados. A continuación pégalles unha asa ou un tirador na tapa. Mesmo podes pintala da cor que máis che guste.

Obterás unha divertida versión dos vellos botes de botica!

Bote de vidro con pastillas de xabón.
Pintando caixas de zapatos para convertelas en caixas de almacenaxe.

3. Caixas vellas de zapatos transformadas en nova almacenaxe

As caixas de zapatos son moi prácticas para gardar cousas. Así que... por que agochalas? Decóraas e déixaas á vista para gardar todo tipo de obxectos.

  • Colle tres ou catro caixas de diferentes tamaños: de máis grande a máis pequeniñas.

  • Escolle teas, anacos de periódico ou páxinas de libros vellos para que combinen coa decoración da estancia.

  • Pégaas con cola á superficie da caixa, como forrándoas. Unha brocha virache xenial para estender o adhesivo de xeito uniforme.

  • Déixaas secar unhas horas ata que te asegures de que están listas para usarse.

Podes colocalas no salón, o dormitorio, o baño e aínda dentro do armario para clasificar complementos. A orde é fundamental e se ademais a creamos nós mesmos, mellor que mellor!

Caixas vellas de zapatos transformadas en nova almacenaxe

4. Colgadoiros de xoias feitos con rollas

Gústache gardar as rollas das botellas por se algún día queres facer algo con elas? Pois hoxe é ese día! Utilízaas para facer un xoieiro.

  • Colle unhas cantas rollas de botella e uns pousavasos do mesmo material.

  • Despois, aparafusa os primeiros aos segundos.

  • Por último, colócaos na parede para despois poñer en cada unha das rollas diferentes colares, pendentes, pulseiras ou aneis.
Organizador de parede feito con residuos.

5. Organizadores de parede feitos con residuos

A maioría dos envases son estupendos para crear solucións de almacenaxe. E o mesmo sucede cos obxectos rotos. Así que imos empregar ambas cousas para facer un organizador de parede.

  • Utilizamos unha táboa a modo de base e limpamos ben todo.

  • Probamos diferentes deseños e cortamos os obxectos coa forma adecuada.

  • Despois, pegamos todo cun pegamento moi forte.

  • Por último, pintamos cun spray ou aplicamos varias capas de pintura.

6. Como reciclar papel de agasallo

Cando o papel de agasallo se acumula tras unhas festas de Nadal, un aniversario ou calquera outro tipo de celebración, é fundamental que saibamos que facer con el para darlle unha nova vida ou reciclalo correctamente.

Obviamente, o máis sinxelo é o segundo, depositándoo nun contedor de papel para que volva reutilizarse. Pero tamén podes facer moitas cousas creativas para darlle unha "segunda oportunidade" na casa:

  • Se abriches con coidado o agasallo, poderás aproveitalo para máis ocasións.

  • Que tal unha grilanda de papel? Colle anacos dos diferentes papeis de regalo e recórtaos con formas que che gusten: estrelas, triángulos, corazóns... Despois, úneos cunha corda e cólgao para decorar algunha festa ou algún cuarto.

  • Como forro para cadernos, libros ou caixas: outra boa opción para reutilizar o papel é utilizalo como forro para libros de texto ou lectura, así como para forrar caixas de zapatos e darlles un novo aire.

  • Sinxelo: confeti para a túa seguinte festa! Se cortas o que queda do papel de agasallo en mil anaquiños pequenos, terás confeti de sobra para alegrar a túa próxima festa.

  • Quedaches con ganas de aprender máis? Non podes deixar de ler: 6 formas doadas de reciclar na casa.


Ademais, se che gustaron estas ideas e queres aprender a reciclar mellor na casa, nesta ligazón contámosche todo o que necesitas saber.

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Pero debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou utilizar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.