Como crear un recuncho chill out na terraza sen gastar moito
A túa terraza é un tesouro! Aprovéitaa! Inspírate con estas ideas para decorar a terraza e crear unha zona co máis puro estilo chill out sen gastar moitos cartos. Verás que sinxelo é! Toma nota e presume da túa terraza.
Nocións básicas do estilo chill out
En primeiro lugar, que é o chill out? Este termo que cada vez está máis de moda non é senón a referencia a unha zona determinada, destinada á relaxación e a calma. É dicir, unha zona de relaxación na que poder estar ben a gusto sen que nada nin ninguén nos amole, ou polo menos que invite a iso.
O mellor de ter esa oda á relaxación e o benestar na casa é que podes incorporalo practicamente en calquera parte e, ademais, permite que o presuposto para facelo sexa baixísimo. Nós, neste caso, ímosche dar uns consellos básicos para poñela no exterior da túa casa. Concretamente, nesa fermosa terraza que tes e que pide a gritos axeitarse ben. Veña!
Materiais e cores para unha zona chill out
A recomendación perfecta para decorar un espazo chill out nunha zona ao aire libre, sexa unha terraza, un xardín ou un balcón, é escoller un mobles e téxtiles de exterior. Por que? Por un motivo moi sinxelo: ao final, calquera obxecto que estea exposto á intemperie vaise enfrontar a unhas condicións climáticas bastante extremas; calor intenso, chuvia… e todo iso pode facer que o teu marabilloso recuncho chill out dure o mesmo que se tarda en dicir o seu nome. E non podemos consentilo!
Coloca uns bos palés ou colchonetas
É imprescindible que esta zona teña un lugar especial onde repousar o corpo durante horas e horas. Así que, como alternativa aos sofás de exterior, propoñémosche dúas ideas económicas, pero igualmente cómodas e fermosas. Se o teu presuposto é algo máis reducido ou, simplemente, queres algo diferente e artístico, estas son as nosas recomendacións:
Tes uns palés ou bandexas de carga de madeira? Dálles un toque de pintura (incluso che recomendamos que lles deas unha capa de verniz especial para exterior, para que aguanten mellor), engade uns colchóns e coxíns brandiños e xa tes lista a túa bonita, económica e relaxante zona chill out.
A segunda das nosas propostas é a que máis se rexe pola esencia do chill out, e consiste en que coloques unhas colchonetas no chan. Esta opción é moi práctica tamén se, en lugar dunha terraza, tes un balcón e cada centímetro conta. Coas colchonetas, poderás montar e desmontar esta zona cada vez que o precises. O mellor é que as poñas pegadas á parede para utilizar ese apoio como lugar no que colocar uns coxíns para as costas. Ah! Iso si, fíxate no recheo para obter verdadeira comodidade. Engade unhas mantiñas para non pasar frío pola noite e a relaxarse!
Combinación de téxtiles
Agora que temos a base ou estrutura para un recuncho chill out na terraza, é hora de decorala para crear ese oasis de relaxación. Que emoción! E o mellor de todo é que é realmente doado decorala sen gastar moito diñeiro. Mira!
O máis recomendable é que combines diferentes téxtiles, e iso podes conseguilo se cambias soamente as fundas dos coxíns. Do máis sinxelo!
Podes escoller colocar téxtiles en tons naturais (cores crema, terra e incluso tons apagados coma o verde ou o azul) para potenciar esa sensación de calma e benestar. Pero se o prefires, tamén podes darlle toques de cor coa mestura de tons e estampados.
Un consello: se tes espazo abondo, non é mala idea que teñas un banquiño ou armario no que gardalo todo. Así durará máis e sempre o terás perfecto. E se non o tes, non te preocupes; reserva un oco nalgún sobrado da casa e listo.
Un toque de verde
Hai algo máis relaxante que o recendo das plantas? Aínda que non sexa imprescindible para este estilo, aconsellámosche que reserves un oco para colocar unhas cantas plantiñas ou flores naturais. Verás que dan un toque moi acolledor ao espazo.
As plantas naturais axudan a refrescar o ambiente e incluso, se xogas con algunhas máis grandes coma pequenas árbores, poderás conseguir máis zonas de sombra, o cal non vai nada mal no verán. Ademais, se invistes en plantas perennes, duraranche anos e anos e o custo será realmente accesible. Ata poderás replantar os talos que vaias cortando a medida que crezan e multiplicar as túas plantas polo prezo dunha. Que truquiño, non si?
Iluminación para o teu recuncho chill out
Se queres engadir iluminación adicional para desfrutar do teu recuncho chill out, incluso nas horas de maior escuridade, non hai nada mellor que xogar coas luces LED. Son súper económicas! Se escolles unhas que teñan unha batería de luz solar, o gasto na túa factura da luz será de cero euros, e por se iso fose pouco, son moito máis respectuosas co medio ambiente! É unha opción perfecta, non?
Unha tira de luces LED, combinada con outros elementos coma unha lámpada de teito solar, aportarache a cantidade xusta de luz para que desfrutes das tardes e noites no teu paraíso particular.
Ah! Por que non engades unhas candeíñas? Podes elixir algunha aromática ou aproveitar e escoller algunhas cun chisquiño de repelente natural, como a citronela, para que os mosquitos non te estraguen a ocasión e non teñas que recorrer a repelentes químicos nin pomadas para picaduras.
Protéxete do sol
Se a túa terraza é desas das que están sempre soleadas, podes regular a cantidade de luz cunha pérgola ou un parasol.
Si, sabemos que isto non é (a priori) "barato", pero é un investimento que, pouco a pouco, resultarache rendible, porque ao controlar a temperatura do espazo e diminuír a exposición ao sol, estarás a protexer os teus mobles e a alongar a súa vida. Incluso te protexes a ti e aos teus convidados dunha exposición excesiva ao sol! Quen se relaxa cunha insolación? Nós non, dende logo. Iso si, non te confíes, que nos coñecemos… Aínda que esteas baixo a sombra da túa marabillosa pérgola, non deixes de botar protector solar de cando en vez, posto que podes queimarte incluso aí.
Mira neste vídeo como decorar e sacarlle todo o partido á túa terraza ou balcón!

Un pouco de música?
Agora que xa conseguiches crear o teu cobizado recuncho de chill out, só quedan os toques finais. Nós recomendámosche que, ademais de elementos decorativos coma os que che presentamos nos apartados anteriores, vaias un paso máis alá.
Que tal se acompañamos este momento de relaxación cunha lista de reprodución que harmonice con estas boas vibracións? Crea a banda sonora ideal coa axuda dun altofalante con conexión Bluetooth e completa o ambiente perfecto do teu chill out.
Un truco: se non tes un altofalante, podes facer un caseiro para o teu móbil. Soamente precisas un rolo de papel, dous vasiños de cartón e unhas tesoiras. Fai un corte no lateral do rolo (o bastante ancho para que caiba o móbil) e introduce cada extremo do rolo dentro de cada vasiño (preto da base). Coloca o móbil, dálle a "reproducir" e xa tes listo o teu altofalante!
E… agora que falta? Pois a mellor parte de todas, sabes cal é? Así é! A parte de desfrutar no teu recunchiño!
Non marches! Segue a inspirarte con estas propostas:
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.