Como decorar a sala no Nadal ao estilo nórdico
Queres cambiar a decoración de Nadal da túa sala este ano ou que sexa algo máis sinxela e elegante? Anota estes consellos e substitúe os tradicionais vermello e verde polos tons do estilo nórdico. Verás que bonito queda!
Cando chega o Nadal, as salas de estar da gran maioría dos fogares transfórmanse e vístense coas súas mellores galas para celebrar esta festa. Cando pensamos en como é esta decoración, normalmente véñennos á cabeza unha serie de complementos básicos como as luces, os accesorios en tons como o vermello, e mesmo a música que pon a banda sonora a esas datas. Que tal se este ano variamos un pouco ese esquema e probamos algo diferente?
Propoñémosche algunhas ideas sinxelas e económicas para darlle un toque moi sueco á túa casa con ideas de decoración de Nadal ao estilo nórdico tradicional. Non perdas estes consellos para levares á túa casa un ambiente invernal. Veña!
Primeiros pasos para decorares ao estilo nórdico no Nadal
Para afastarnos do estilo tradicional de Nadal, con toda esa explosión de cores e, pola contra, achegarnos a outro máis do norte, temos que buscar antes xusto o efecto contrario a esas sensacións. É dicir, debemos construír un espazo no que reine:
- Unha paleta homoxénea de cores: busca cores neutras, como o branco, e os que se tiren a tons terra. Tamén, podes engadir pequenas pinceladas de azul ou vermello, unha combinación moi típica da decoración tradicional sueca para o Nadal.
- A presenza de elementos naturais, como a madeira ou algunha planta.
- Apostar pola sinxeleza: non debemos sobrecargar o espazo.
- Un efecto de calidez apagada. É dicir, que o resultado sexa un lugar acolledor e tranquilo. Isto conseguirémolo, sobre todo, xogando co ambiente das luces.
Doado, non si? Agora que temos en mente unha pequena estrutura dos pasos básicos para decorar a sala de estar para Nadal ao estilo nórdico, imos ver exemplos prácticos para que te enchas de inspiración.
Como decorar a árbore de Nadal como farían os suecos
Empezamos polo máis básico en materia de decoración de Nadal nórdico: a árbore de Nadal. Como xa avanzamos, temos que "desaprender" (por dicilo dalgún xeito) a forma típica que temos de decorar a casa. Con respecto á árbore de Nadal, o mellor é unha decoración austera e elegante.
Se tes o tradicional abeto como árbore de Nadal, recomendámosche que utilices adobíos de Nadal en cores como o branco, o vermello ou o azul. Estes dous últimos, en pequenas doses, lembra. Os adobíos en branco son moi sinxelos de atopar e darán un aspecto á árbore moi invernal, xusto o que buscamos. O mellor é que non o cargues de máis. Como toque final, podes optar por unha grilanda de luces de Nadal que teña unha luz cálida e, a poder ser, que as luces LED sexan pequeniñas para o resultado ser máis refinado. De feito, sempre podes optar por un resultado moito máis minimalista decorando só con luces.
Existen moitas alternativas á árbore tradicional de Nadal e mil e un xeitos de decoralo. O máis importante dentro deste estilo de decoración de Nadal é que todo xire ao redor dos pequenos matices.
Envolver agasallos de Nadal ao estilo nórdico
Se queremos conseguir unha decoración 100 % nórdica, temos que coidar ata o último detalle, e os agasallos de Nadal que acompañan a decoración da árbore de Nadal non van ser menos! No canto do típico papel de agasallo cun deseño de mil cores, os nórdicos (ou polo menos os que decoran ao estilo tradicional) envolven os seus agasallos cun aspecto moito máis "natural", cun acabado como máis da casa. Imos inspirarte con dous exemplos:
Se che gusta esta idea, é tan doado como envolver os agasallos de Nadal con papel marrón, como o papel kraft, engadirlles unha bonita fita de agasallo (aquí é onde normalmente se engade algunha cor) e unha etiqueta de agasallo para escribir o nome da persoa á quen vai dirixido. Colócaos de forma decorativa ou aproveita esta idea para pór os agasallos de verdade debaixo da árbore.
Como segunda proposta, que tal se substituímos o envoltorio de tea? É moi sinxelo de utilizar, sobre todo para aquelas persoas que non queren perder moito tempo envolvendo agasallos ou non teñen moito xeito para iso. Con bolsiñas coma estas, decorarás os agasallos dunha forma diferente, nórdica e moi orixinal. O detalle final consistirá nun anaquiño de corda e unhas pólas naturais.
Luces de Nadal para creares un ambiente tranquilo
Xa antes avanzáramos que as luces de Nadal tamén ocupan un papel importante na decoración no Nadal nórdico. Neste punto, o que tes que ter presente é que é mellor que as luces sexan dunha única cor e, a poder ser, brancas ou dun ton algo máis cálido.
Tes que intentar que as luces sexan como un escintileo tenue, que enchan a sala cun toque máxico. Por iso, non deberían ter lámpadas demasiado grandes nin unha luz demasiado potente que poida sobreexpoñer a iluminación do cuarto. Isto é xenial xa que, ademais de conseguir un efecto bonito, non terás que gastar moito diñeiro en iluminación de Nadal.
Podes xogar con diferentes luces decorativas. Por exemplo, podes optar polas típicas grilandas de luces de Nadal. Con elas poderás decorar practicamente calquera zona: a árbore de Nadal (como comentamos antes), o bordo dalgún moble ou fiestra, e mesmo, utilizalas como centro de mesa.
Tamén podes decantarte por candeas aromáticas ou, se prefires algo máis cómodo, por candeas de luces LED. Son perfectas se hai algún pequerrecho na casa ou se, simplemente, prefires non xogar con lume.
As lámpadas son outra das grandes alternativas. Existen modelos que, aínda que sexan máis grandes do habitual, teñen unha luz suave, perfecta para o efecto sinxelo que estamos a buscar. A clave está en poñer poucas e facer que destaquen como acontece, por exemplo, na fotografía coas lámpadas de aneis na fiestra. Tamén podes colocar algunha pantalla para lámpada en forma de estrela no chan (como na foto do inicio) ou sobre algún moble.
Como decorar a mesa de Nadal ao estilo nórdico
O último dos elementos para decorar a sala ao estilo nórdico este Nadal é a mesa do comedor. Esta é a idea que temos para ti. Se che gusta, toma nota!
Se tiveres unha mesa de madeira, tes a base perfecta para decorares unha mesa de Nadal ao estilo nórdico. Por que? Porque, como che comentamos, a madeira é un dos elementos naturais nos que se apoia este estilo, así que imos sacarlle partido. Se non a tes, ou prefires utilizar un mantel, a alternativa para decorar a mesa de Nadal ao estilo nórdico sería, por exemplo, un mantel en tons terra, moi suave.
Esta é unha decoración de Nadal sinxela e económica. Componse, principalmente, dunha vaixela en tons crus (a nosa GLADELIG) cun fino bordo dourado, uns vasos transparentes como os que podes utilizar diariamente e un xogo de cubertos básico en tons negros. O único que engadimos de "especial", é un pequeno centro de mesa composto por arume e noces, uns candelabros negros de diferentes alturas para unhas candeas que creen ambiente e, como detalle final, un pano de mesa acompañado dun adobío natural.
Esta foi a nosa proposta, pero podes xogar con diferentes elementos para que tamén teña ese aspecto nórdico que estás a buscar, por exemplo, cun mantel branco ou cun camiño de mesa que tiver algún debuxiño, algúns detalles en dourado, e mesmo nas cores que che comentamos antes (vermello e azul).
Que che pareceu? Como verás, non existe un único xeito de decorar a sala en Nadal cun estilo nórdico ou escandinavo. De feito, existen moitas opcións diferentes e igualmente válidas, a condición de que te movas dentro das características básicas que indicamos ao principio. Lembra: a sinxeleza é a clave.
Anímate e inspírate con máis ideas de decoración de Nadal para pór a túa casa a punto. Non perdas estes consellos:
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.