Saltar

Decorar a árbore de Nadal: 6 árbores orixinais para estas festas

Se este ano che apetece innovar, non perdas estas ideas para unha árbore de Nadal orixinal que non deixará indiferente a ninguén. Ademais, tamén che damos algunhas opcións máis económicas, para non gastares moito e poidas gozar igualmente dunhas fermosas festas na casa. 

A nós encántanos a clásica árbore de Nadal, pero tamén é certo que adoramos dar un toque nórdico e diferente aos nosos espazos na casa nestas datas. Por esa razón, estas festas propoñémosche algunhas alternativas á tradicional árbore de Nadal. Toma nota e queda coa opción que máis vaia contigo e co teu fogar! 

1. Unha árbore tradicional con adornos actualizados  

Se te resistes a desfacerte da típica árbore de Nadal, tamén podes pensar en rodeala dun xeito moito máis espectacular. Alén dos adornos que colgamos nela, tamén é importante o que lle poñemos preto. 

Os nosos pequenos e adorables trasnos de Papá Noel poden ser os mellores compañeiros da túa árbore de Nadal, así como unha bonita exposición externa composta de lazos, estrelas ou unha bota na que deixar os agasallos.  

Todo isto, colocado nun mesmo recuncho da casa, creará unha contorna que parecerá practicamente saída do mesmísimo fogar de Papá Noel. A túa árbore de Nadal merece unha boa (e diferente) compaña este ano! 

2. Unha árbore sinxela e sofisticada a partes iguais

Se non buscas a típica árbore, pero queres que haxa un elemento na túa sala de estar que cumpra coa súa función, esta opción está pensada para ti. Trátase dun deseño en ton dourado que lle dará un toque moi sofisticado ao cuarto. Un conxunto de pezas xeométricas que simulan unha árbore, sen selo, e conseguen reinventar esta clásica figura de Nadal. 

Non precisa ningún adorno para destacar, así que é perfecto se o que queres é unha decoración moi sinxela para este Nadal. Iso si, podes rodealo cunha grilanda de luces para que pola noite lle dea un toque máis especial á sala de estar.  

No caso de que queiras personalizalo con bólas e outros adornos, tamén poderás facelo colocando algúns ganchos dourados.  

3. Unha árbore de Nadal ideal para salas de estar pequenas

Unha sala de estar pequena non ten por que impedirche ter unha bonita árbore de Nadal. Esta alternativa de feltro que se pega á parede é a proba diso. Trátase dunha opción que che axudará a aforrar espazo e tamén algúns euriños, xa que é económica e non precisarás tantos adornos.

O mellor? Que, amais do práctica que é, o resultado é moi rechamante e do máis orixinal. Seguro que abraiarás a máis dun convidado coa túa árbore.   

Ao igual que na foto, podes pendurar uns ganchos dourados con pequenas bólas para darlle un toque máis colorido. E se queres completar o recuncho, tamén podes engadir algún adorno bonito baixo a árbore.  

4. Unha miniárbore de Nadal para fogares contemporáneos

Se aínda non tes na casa unha vitrina de coleccionista como esta, recomendámoscha, non só para Nadal. É sinxelamente ideal para cambiar a decoración dun xeito periódico e moi doado consonte a época do ano.

No seu interior podes ir facendo diferentes tipos de exposicións temáticas, como neste caso para Nadal. Nós decidimos colocar un pequeno abeto xunto cunhas boliñas que non só colgan del, senón que tamén se deixan caer ao redor para conformar unha imaxe aínda máis de Nadal.

De novo, unha alternativa perfecta e súper orixinal para pisos pequenos nos que un abeto grande non é a mellor das ideas.  

5. Unha planta que se converte en árbore de Nadal

Unha planta de interior pode ser unha boa alternativa á hora de poñer a árbore de Nadal sen ter que recorrer ao típico abeto. E aínda que podes colocalo no chan, a nosa recomendación é que lle busques sitio na superficie dalgún moble alto. Que todo o mundo o vexa ben! 

Podes colocalos de moitos xeitos diferentes. Por exemplo, sempre podes recorrer a un soporte para testos bonito con motivos de Nadal, e mesmo usar un que pintases ti! Tamén tes a opción de crear un envoltorio con papel, simulando que a planta é o propio agasallo. Amais, se lle pos unhas luceciñas ao redor, quedará xenial e cun toque moi máxico. E, por último, unha das nosas opcións favoritas. Podes introducir a túa planta de interior nunha cesta como FLÅDIS para darlle un punto diferente. Ademais, unha cesta que despois poderás empregar para outras plantas, para gardar as mantiñas ao lado do sofá, almacenar os xoguetes dos nenos... Encántannos as cousas que teñen varias vidas e serven para moitos cometidos! 

6. Unha composición con forma de árbore

Pechamos esta lista de ideas cunha das opcións máis transgresoras de todas: unha árbore na parede creada con diferentes elementos. Se a túa intención for conseguir unha árbore de Nadal rechamante, que non ocupe moito espazo e sexa económica, anota! 

Para creala so precisarás varios listóns de madeira de diferentes medidas que cómpre colocar de menor a maior medida cara abaixo para obter a forma triangular da árbore. Despois, un elemento conector, como unha grilanda de luces ou unha cinta, que deberás suxeitar a un gancho na parte superior. E, por último, algún elemento decorativo, que poden ser adornos clásicos como as bólas da primeira opción ou algo máis innovador, como fotos coa túa familia e amigos. Por suposto, tamén podes combinar ambas se queres que o resultado sexa máis rechamante. Algo nos di que non atoparás dous iguais...  

Cal de todas estas árbores che gustou máis? Nós non sabemos por cal decidirnos, encántanos todas! O que si temos claro é que, elixamos a que elixirmos, a decoración deste ano marcará a diferencia.  Dende aquí desexámosche un bo Nadal e deixámosche varios artigos con outras ideas para seguires inspirándote. Bótalle unha ollada!   

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.