Saltar

Decorar con fotos: enmarca as túas lembranzas de xeito orixinal

Decorar a casa con fotos, cadros e láminas de xeito orixinal é o que dá verdadeira personalidade ao noso fogar.

Decorar con fotos: enmarca as túas lembranzas de xeito orixinal
Decorar con fotos: enmarca as túas lembranzas de xeito orixinal

En IKEA adoramos reflexionar sobre o que fai que o espazo onde vivimos sexa un verdadeiro fogar. Unha das cousas que máis poden chegar a marcar a diferenza é a decoración das paredes coas nosas fotos, as nosas láminas ou pintándoas dun xeito creativo. Estes detalles demostran como somos, que nos gusta e que queremos reflectir co noso fogar. Por iso queremos que as túas lembranzas se reflictan do xeito máis orixinal posible. Temos ideas para todos os gustos!

Pinta as paredes de xeito orixinal

Se tes unha parede completamente baleira na que queres plasmar algo distinto e rechamante, por que non pintar directamente na parede?

Podes facelo ti mesmo con formas xeométricas axudándote de fita illante para delimitar o espazo. É dicir, fai unha forma que che guste con fita e despois pinta no seu interior ou mesmo un chisco por riba da fita. Despégaa e verás que quedou perfecto!

Tamén podes encargar a algún profesional que faga un debuxo espectacular na túa parede ou ben colocar un vinilo decorativo que che guste, cun debuxo ou outro en función da zona da túa casa. A nós parécenos unha idea fantástica para o cuarto dos nenos...

Crea composicións con marcos de fotos

Xa sabes que "unha imaxe vale máis que mil palabras". Entón, que pasa se xuntamos moitas imaxes nun mesmo espazo? Unha das ideas que máis nos gusta é a seguinte:

Escolle marcos co mesmo acabado (madeira, branco, negro, metal...) e dun tamaño máis ou menos similar. Despois, colócaos na parede completamente xuntos, facendo que encaixen xogando coa verticalidade e horizontalidade. Case coma un xogo de Tetris!

Para fotografías, recomendámosche que elixas unha temática arredor da que moverte. Por exemplo: fotos dos membros da familia, dunha viaxe en concreto, da vosa mascota, de paisaxes... Así crearás unha especie de “recanto dos recordos” que non deixará indiferente a ninguén.

Expón a túa natureza favorita

Gústache saír a dar longos paseos ao campo? Es máis de praia ou de montaña? Non importa! Podes expoñer o máis bonito da natureza en todas as súas formas no interior da túa casa.

Colle unhas cantas follas secas ou verdes, ramiñas e mesmo algo de area de praia se te atreves (é un pouquiño máis complicado). Para enmarcalo, retira a parte de atrás de dous marcos para fotos ou láminas (cartón ou papel opaco) da mesma medida e xunta os seus cristais co que queiras expoñer perfectamente prensado no seu interior.

Fíxate como con varios deles con plantas podemos crear unha especie de xardín enmarcado que resulta sinxelamente espectacular.

Colga as túas láminas nunha corda con pinzas

Se es dos que se aburren doadamente do que teñen exposto na casa, por que non xogar a cambialo cada pouco tempo? Só terás que colocar dous enganches, cada un a un extremo da parede. Neles, agarra unha corda da cor e do material que máis che guste para despois ir colocando fotos, láminas, debuxos ou postais enganchados con clips. Cánsaste deles ou queres actualizarte? Cambialos por outros non pode ser máis sinxelo!

Andeis para expoñer todos os teus cadros e fotos

Empregar andeis para colocar todos os nosos cadros e fotos pode ser unha idea xenial. Se queres levar a cabo no teu fogar algo deste estilo, comeza por colocar na parte inferior os andeis máis anchos para dar unha maior sensación de profundidade. Así tamén poderás colocar libros e revistas para aproveitar ao máximo o espazo.

Non é preciso que todos os cadros se vexan completamente: tamén podes xogar coas perspectivas, sobrepoñer parte duns sobre outros e colocar os máis pequeniños diante dos máis grandes. Ademais, pensa que ao non ir ancorados podes ir cambiándoos de sitio e movéndoos ata atopar a combinación que máis che guste.

Unha parede cuberta de todas as túas lembranzas

Dende unha colección de fotos en branco e negro ata páxinas do seu libro favorito, as túas paredes poden converterse nunha auténtica colaxe de momentos. O límite é a túa imaxinación!

A nós esta idea gústanos concretamente para o cuarto dun adolescente, que procura así reflectir os seus momentos cos seus amigos, as súas lembranzas con entradas de concertos, as súas letras de cancións... todo isto á vez que lle dá vida e estilo propio ao seu dormitorio.

Encántanos o fogar

Fai que o teu fogar te reflicta! Consigue que sexa o espello dos teus sentimentos, das túas vivencias e das túas crenzas. No libro Nos encanta el hogar poderás ver xeniais titoriais sobre a cor, os téxtiles e a iluminación.
 
Ademais, os nosos estilistas visitan sete casas moi persoais para ver como as decoraron, atopar inspiración e aprender delas. Curiosamente, todos os donos deses fogares afirman que non precisas moitos cartos para crear un fogar persoal e cheo de carisma.
 
Queres máis inspiración? Non perdas: “A visita: ideas para facer exposicións creativas para todas as estancias".
 

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Pero debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou utilizar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.