Como decorar unha cociña en tons escuros
Aínda que o branco e a claridade sexan un dos estilos que están máis en auxe, existen moitísimas maneiras de deseñar e decorar unha casa. Por exemplo, hoxe imos amosarche diferentes posibilidades para decorar unha cociña en tons escuros. Verás que estilo!
A personalidade dunha cociña escura
Cando pensamos nunha cociña, normalmente imaxinamos un espazo luminoso e amplo no que predominen os tons claros, non si? Porén, existe unha gran variedade de estilos e paletas cos que xogar durante o deseño. E sen que se perda a sensación de estar nun espazo agradable!
Xogar con tons máis escuros, como marróns e negros, permitirache darlle un toque diferenciador á cociña. Porén, este tipo de cores son máis recomendables para espazos amplos, para achegar un pouco de calidez e delimitar a zona. Se, pola contra, a túa cociña non ten grandes dimensións, recomendámosche introducires algúns elementos claros para non perder amplitude visual (como nos mesados ou na cor das paredes).
Como combinar unha cociña escura
Á hora de deseñar unha cociña con elementos escuros, pódense crear distintas combinacións tan só cambiando o mesado. E o efecto é completamente diferente! Mira estas opcións.
Neste caso, por exemplo, optamos por xogar co negro e o marrón escuro. O resultado é unha cociña moderna e con carácter, perfecta para os amantes dun estilo máis industrial.
Con este acabado, recomendámosche que o espazo estea moi ben iluminado, quer dunha forma natural quer por medio da combinación de lámpadas e focos. Do contrario, pode que a escuridade sexa excesiva e se estrague o resultado final.
Se queres que a túa cociña gañe calidez e non perda luminosidade aínda optando polas cores escuras, sempre podes combinar unhas frontes máis escuras cun mesado en tons crus.
Deste xeito, non se crea un contraste tan "agresivo" como coa cor branca pura, pero si se achega un toque extra de luz, aínda que máis suavizado. Este tipo de mestura é perfecto para as cociñas nas que se quere resaltar o estilo natural en tons terra con detalles de madeira.
Aínda que se trata dun estilo máis tradicional, neste exemplo amosámosche outra opción para introducir as cores escuras nunha cociña rústica.
Neste caso xogamos coa personalidade dos acabados máis robustos, como as vigas de madeira ou as paredes rugosas. Os caixóns e vitrinas están tinguidos por completo de negro, pero a cor da madeira do mesado é o nexo de unión perfecto entre as cores do espazo. Que che parece? Mantívose o encanto das cociñas tradicionais rurais, pero co toque moderno e elegante que achega a cor negra.
Un consello: se tes un mesado de madeira, non esquezas tratalo cun aceite específico para madeira a fin de protexelo e darlle brillo. Así aumentarás a súa vida e beleza.
Unha cociña escura e sostible
Sabes que se pode lograr unha cociña moito máis sostible só co deseño dos mobles? A nosa cociña KUNGSBACKA é un dos mellores exemplos, xa que está fabricada con materiais reciclados, para aproveitar mellor os recursos e ser máis respectuosos co medio ambiente.
De feito, as portas dos armarios son de madeira reciclada recuberta cunha lámina obtida mediante a reciclaxe de botellas de plástico PET. Desta maneira, reducimos a produción de refugallos e dámoslle un novo uso ao plástico.
O resultado? Unha cociña en tons escuros moderna, duradeira e con alma.
Que che pareceu? Cres que as cores escuras poden quedar ben na túa cociña? Se tes dúbidas ou cres que necesitas axuda neste proceso, non dubides en poñerte en contacto cos nosos asesores especialistas. Estaremos encantados de axudarche a decorar a cociña dos teus soños.
Sigue inspirándote coas nosas ideas sobre decoración e orde, e prepara a casa con estes consellos.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.