Saltar

Ideas para decorar o balcón ou a terraza en primavera

Xa podemos sentilo… a primavera xa case está aquí! Sabes o que significa iso? Chegou o momento de preparar os nosos balcóns e terrazas para recibila cos brazos abertos. Non perdas estas ideas sinxelas para decorar o teu pequeno espazo ao aire libre.

A primavera ten algo que irremediablemente nos cativa a todos. A subida das temperaturas, a maior presenza do sol, a explosión de cor que experimenta a natureza… O caso é que a primavera é un momento que nos enche de alegría e vitalidade. Por iso, especialmente despois do duro inverno que pasamos, queremos que goces dela coa máxima comodidade e seguridade, a través da túa querida terraza ou o teu bonito balcón. Apetéceche?

Cárgate de enerxía e boas vibracións con estas ideas prácticas e económicas para a decoración de exteriores

Un sofá de exterior para espazos reducidos

Neste último ano aprendemos que se pode aproveitar calquera espazo se se utiliza ben o enxeño. E os balcóns e terrazas non ían ser menos!

Para decorar un espazo reducido ao aire libre, a primeira premisa é axudarnos de mobles multifuncionais para exteriores.

Neste caso, o rei do noso oasis é, sen dúbida, este pequeno e económico sofá de exterior, xa que un dos requisitos básicos destes espazos é que conten cun lugar no que poder acomodarse como é debido. Ao ter un formato mini, permítenos crear unha zona de relaxación que sirva tanto para ler unha boa novela como para tomar un refresco mentres escoitamos música e absorbemos vitamina D. 

E que mellores acompañantes ca uns preciosos e moles coxíns? Por un prezo moi económico, engaden unha gran dose de personalidade e cor ao espazo e, como non podía ser doutro xeito, fan que esteamos moito máis cómodos na nosa terraciña. 

Se tes a oportunidade, elixe coxíns de exterior para que sexan suficientemente resistentes a calquera fenómeno atmosférico. Os que aparecen na imaxe están especialmente deseñados para lucirse ao aire libre. Ademais, fixéronos á man artesáns expertos e tinguíronse dun xeito sostible, polo que a intensidade das cores durará máis tempo. A nós xa nos conquistaron!

Mobles de exterior pregables e resistentes

Ademais de buscar tamaños reducidos, é recomendable utilizar complementos que se poidan poñer e quitar segundo o momento ou o número de persoas presentes, como é o caso das cadeiras pregables, que encaixan perfectamente no oco entre o sofá e a parede e así non molestan. 

E aínda hai máis: se te fixas, aproveitamos o espazo de debaixo do sofá para colocar unha bolsa na que gardar o material adicional, como os coxíns ou unhas mantiñas por se refresca. Deste xeito, sempre o teremos á man e estará ben protexido do sol, a chuvia ou o po.

Todos estes trucos para gañar espazo extra son os que nos permiten non perder nin un centímetro útil ao decorar o balcón ou a terraza, cun resultado igualmente favorecedor. 

O último detalle, por exemplo, foi aproveitar as rexas do balcón para poñer unha mesiña auxiliar, á que sempre se lle saca moito partido e que a miúdo se descarta por pensar erroneamente que non cabe. Ves como sempre hai una solución?

Non te confíes, protéxete do sol

Sempre asociamos a protección solar cos meses de verán, cando as temperaturas alcanzan o seu máximo e imos buscando unha mínima sombra na que refuxiarnos. Pois ben, o certo é que o máis recomendable é empezar a protexerse en canto comeza a caloriña. Por que? Moi sinxelo. Ao vir dunha temporada de escuridade e roupa longa, a nosa pel non está afeita ao sol e se nos confiamos demasiado podemos correr o risco de queimarnos.

Por iso, recomendamos ter sempre á man un práctico parasol ou un pequeno toldo que protexan do sol. Ademais, así xa os terás preparados de cara ao verán. 

Rodéate de plantas

Unha das mellores técnicas para decorar un balcón e, sobre todo, unha terraza sen gastar demasiado diñeiro é utilizar flores e plantas. Hai algo máis primaveral ca iso? Alegran o ambiente e son estupendas cando chega o verán. 

De feito, non importa se non tes moitos mobles ou accesorios, xa que as plantas teñen a capacidade de encher os ocos; ademais, se algo temos claro, é que sempre quedan ben. Así mesmo, se as acompañas dunhas bonitas xardineiras ou uns elegantes testos, o efecto será espectacular. Sabes que os seguintes testos están feitos de plástico reciclado?

Crea un ambiente máxico con luces de exterior

 

A pesar de que aínda pode refrescar un pouco pola noite, sempre nos gusta alongar ao máximo o momento da terraza, non si? É o que pasa cando se está a gusto.

Por iso, se es dos que gozan do seu recunchiño ao aire libre ata que se pon o sol e chega a noite, recomendámosche crear un ambiente case máxico coa poderosa iluminación decorativa de exterior.

Existen unha morea de opcións para iluminar os espazos. Como vimos nas imaxes anteriores, un dos accesorios máis populares, tanto polo seu prezo como pola súa versatilidade, é a grilanda de luces. De feito, é estupenda para poñela na parede como e para enrolala na varanda.

Moitas funcionan a pilas, polo que non necesitarás enchufe e así aforrarás un chisco na luz. Non obstante, non descartes a opción de utilizar lámpadas solares, como, por exemplo, os faroliños que che amosamos aquí. Son unha opción económica, igual de efectiva e moito máis respectuosa co medio ambiente. 

Goza de todo o encanto da primavera dende a comodidade do teu pequeno paraíso particular.

Se che gustaron e te inspiraron estas ideas, recomendámosche que lle botes unha ollada á selección que che deixamos ao final. Está cargada de opcións para decorar calquera espazo de exterior.

E se non tes tempo para ler, deixámosche un vídeo de Pregúntalle a Allen, cunhas solucións moi prácticas para decorar terrazas e balcóns. Hache encantar.

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.