Como encher a túa casa de personalidade e estilo propio
Ter unha casa que reflicta o que somos é moito máis complicado do que parece, pero non imposible. Aquí tes uns truquiños que esperamos sexan útiles para descubrir como ter unha casa con personalidade.


A túa decoración fala de ti: non teñas medo de expoñela
O feito de que a nosa decoración conte unha historia sobre nós é algo fundamental á hora de elixir os elementos adecuados para a nosa casa. Se nos encanta viaxar e encher a nosa casa de recordos de viaxes, se temos algún tipo de colección que queremos mostrar, se somos amantes das plantas...
A decoración fala de nós, e pode facelo tras as portas de cristal dunha vitrina (para protexer do po os detalles máis delicados), nuns andeis, nas paredes ou sobre algún moble.
Amosa as túas paixóns!
Cando vemos este recuncho da casa, podemos imaxinar que a persoa que vive aquí é xornalista de viaxes (por exemplo). Así, neste pequeno espazo de traballo conseguiu reflectir fielmente quen é, pero dunha forma incriblemente orixinal.
É incrible como engadindo uns simples marcos decorativos á parede se consegue un aire moito máis moderno e rechamante.
Elixe unha paleta de cores que harmonice
Unha das cousas que máis nos custan á hora de decorar a nosa casa é elixir as cores adecuadas para as paredes. Aquí tes uns sinxelos consellos á hora de elixir que cores van máis contigo e como combinalas:
- Paleta de cor monocromática: usar unha gama monocromática non ten por que significar usar unha única cor, senón xogar cunha gama de cor en distintos tons (por exemplo, distintos tons de branco). Unha vez temos isto claro, usaremos o tons máis claro na superficie máis grande se o que buscamos e darlle amplitude, luminosidade e tranquilidade ao entorno. Se queres máis carácter, faino xustamente ao contrario: que destaque o máis forte.
- Paleta de cor complementaria e análoga: cando nos referimos ás cores complementarias son aquelas opostas que, cando se xuntan, crean un efecto do máis rechamante. Estas son ideais para darlle personalidade á cociña, por exemplo. Por outro lado, as cores denominadas análogas son aquelas que están máis preto na roda de cores, conseguindo un efecto máis tranquilo, cunha maior harmonía.
- Cores neutras: as cores neutras son as que mellor resultan como base, dende a cal se introducen posteriormente outras máis fortes que contrasten. Son aquelas que están máis preto na paleta de cores ao branco ou negro, pero para as paredes da túa casa normalmente serán máis recomendables as que estean máis preto ao branco.
- Cores acromáticas: escoitaras algunha vez o que son as acromáticas? Son combinacións de branco, negro e gris. Podes complementalas con toques de cores vivas para darlle un maior dinamismo ao ambiente que doutra forma quizais quedaría un tanto apagado.
Mantén uns poucos tons complementarios para que o teu espazo estea máis coordinado".”
Hans Blomquist, decorador
Traballa as túas paredes!
Tes toooooodas as paredes iguais? Pois pode que chegase o momento de darlle unha volta! Por suposto, non che diremos que debes facer ou non facer (iso forma parte de ti e dos teus gustos) pero queremos darche unha serie de ideas que quizais che resulten interesantes:
- Na cociña ou no baño podes combinar unha parede de azulexo con outra pintada, sempre cunha pintura lavable e resistente á auga/humidade, fundamental nesta zona da casa.
- Podes introducir unha parte de azulexos estampados nunha zona pequena/mediana das paredes para darlle algo de dinamismo se tes un azulexo neutro no resto da área. Podes, por exemplo, destacar cun azulexo ou cerámica distintas a parte dos fogóns ou ao redor da fiestra.
- Os vinilos poden ser unha boa opción á hora de ter unha solución decorativa temporal que poidas cambiar facilmente.
- A pintura para azulexos tamén pode ser unha boa idea á hora de cambiar o estilo do teu baño ou cociña sen facer obra.
Por que agochar a roupa?
Estamos acostumados a pensar sempre nun armario tradicional no dormitorio. Non obstante, outra boa opción é amosar a todo o mundo a nosa roupa. É un pouquiño arriscado, xa que podemos acabar amosando unicamente o caos, a desorde. Pero se a túa paixón é a roupa e queres amosala, un armario aberto ou con portas transparentes pode ser unha boa idea.
Debes ocultar todo aquilo que non sume nada
Se ben é certo que amosar os nosos obxectos e prendas máis valiosas e persoais pode ser o mellor aliado do noso proxecto de casa con personalidade, tampouco podemos pasarnos.
É fundamental ter espazos nos que "agochar" todas esas cousas que é inevitable que estean, pero que non queremos que se vexan. Utiliza organizadores de caixóns e caixiñas que che permitan ter certa orde tamén no seu interior (ao fin e ao cabo, ti si que os ves cada vez que os abres…)
Todas as fotos extraéronse do Catálogo IKEA 2019.