Saltar

Decoración caseira para a túa mesa de Nadal

Queres unha decoración caseira para a mesa de Nadal deste ano? Se queres conseguir unha opción máis económica, sostible ou persoal (ou un conxunto de todas estas razóns ), isto é para ti! Dámosche varias ideas de decoración de bricolaxe para a mesa que podes facer na casa. Só necesitarás dedicarlle un pouquiño de tempo. Xa verás que resultado máis chulo!  

A mesa sempre é a gran protagonista das celebracións en familia e con amigos, pero no Nadal aínda máis. Por iso, encántanos decorala e enchela de detalles que a fagan aínda máis especial para ceas e comidas. Con todo, é certo que pode chegar a ser un gran gasto, sobre todo se queremos unha decoración diferente para cada data sinalada no calendario.

Por esta razón, e porque queremos que este Nadal todo o mundo poida decorar a súa casa, preparamos unha lista de ideas caseiras de decoración para a mesa de Nadal. O mellor? O resultado será moito máis persoal. Comezamos! 

Decoración rústica para a mesa de Nadal  

A primeira proposta que preparamos é de inspiración rústica. É sinxela, polo que apenas necesitarás elementos, pero á vez conseguirás un toque moi delicado e coidado. As cores que reinan son o branco como base e os marróns, desde claros a escuros. Repasamos todos os elementos que a compoñen e o paso a paso para montar a mesa.   

 

  • Vaixela branca: non importa a forma, o importante é que sexa desta cor para deixar todo o protagonismo aos detalles en marrón da mesa. Pode ser a do día a día que teñas na casa, non é preciso que sexa especial.   
  • Panos de mesa de tea beixe: podes utilizar tea que teñas por casa. Como ves na foto, o corte non ten que ser perfecto senón todo o contrario, xa que así lle dará un aire máis campestre.
  • Piñas: consigue varias piñas e colócaas nun cunco a xeito de centro de mesa. Podes deixalas ao natural ou pintalas de dourado para conseguir un resultado máis sofisticado.  
  • Pólas: colle varias ramiñas que atopes no campo e utilízaas para decorar os pratos. Antes de colocalas, terás que desinfectalas moi ben. Non te preocupes se son diferentes unhas doutras, isto fará que a decoración sexa aínda máis única.  
  • Cartolina cor marrón clara e cordel: como toque final, recorta cartonciños e escribe neles os nomes de cada comensal. Unha vez feito, fai un buraquiño e átalles unha ramiña co cordel.  

Decoración en tons clásicos do Nadal 

Gústanche as cores vermellas e verdes tan típicas do Nadal? Gústache a decoración clásica? Entón esta idea para a mesa é para ti. Deseguido explicamos todo o que vas precisar.  

 

  • Vaixela branca: de novo, recorremos á tonalidade branca para os pratos. É a mellor base para dar todo o protagonismo ao mantel.  
  • Tea vermella: precisarás tea desta cor para facer camiños de mesa ou manteis individuais, o que prefiras. Para iso, terás que tomar medidas da túa mesa, calculando que sobre un pouco de tea se decides facer camiños de mesa e cortala. 
  • Tea ou panos de mesa beixe: se xa tes panos de mesa desta cor, estupendo! Se non, só precisarás tea desta tonalidade ou similar que teñas na casa. Aínda que pareza complicado, se buscas, é posible que teñas roupa ou tecido desta cor que xa non utilices. Só terás que lavalo e cortalo para facer un pano de mesa para cada comensal.  
  • Ramiñas de piñeiro, cordel vermello e boliñas pequenas de Nadal: estes detalles serán os encargados de pór a cereixa no pastel. O primeiro será atar os panos de mesa xunto cunha ramiña de piñeiro e unha boliña ou adorno vermello que teñas na casa e colocalas sobre cada prato. Logo, coloca as ramiñas e adornos restantes sobre a mesa para conseguires unha decoración completa.  

Decoración romántica para a mesa de Nadal 

Agora imos cunha decoración bastante afastada do estilo tradicional que adoita estar presente na maioría das casas en Nadal, pero non por iso será menos especial. Trátase, como les no título, dunha decoración máis romántica e suave pero que, grazas ás follas, tamén é perfecta para esta época do ano. Que é o que vas precisar? 

 

  • Vaixela branca: outra vez, a base da decoración da mesa será un xogo de pratos brancos. Como ves, son moi versátiles para todo tipo de composicións, polo que paga moito a pena ter unha.  
  • Tea de raias: como case toda a decoración vai ser branca, o noso consello é que utilices unha tea estampada, pero neutra, para o mantel. Unha de raias en azul mariño e branco é ideal para romper a monotonía, pero sen que destaque demasiado. Como no anterior caso, só terás que medir a túa mesa e cortar a tea para facer os camiños de mesa.  
  • Tea branca: utilizarala para os panos de mesa. Se non tes, tamén podes utilizar panos de mesa brancos de papel.  
  • Follas naturais e fío: recolle varias follas naturais que atopes pola rúa ou o campo. Selecciona as que estean en mellor estado e se pode haber de diferentes tonalidades, mellor! Tamén podes pintar algunhas de branco para conseguir un resultado máis elegante e traballado. Unha vez feito isto, o seguinte paso será pegalas a un fío longo, non demasiado fino, para crear unha grilanda de follas que poidas colocar sobre a mesa. Iso si, lembra reservar unha folla por comensal. 
  • Cordel beixe: como último paso, só terás que enrolar os panos de mesa cos cordeis e poñer unha folliña en cada un.  

Decoración con luces de Nadal  

Por último, unha decoración para a mesa na que as protagonistas son as luces. Aínda que na foto ves unhas concretas con bonequiños de Papá Noel, é só a xeito de inspiración.  

A idea con esta proposta é que aproveites algunha tira de luces que teñas na casa doutros anos para dar un toque festivo á túa mesa. Poden ser, mesmo, das que pos na árbore de Nadal. Só terás que colocala ao longo da mesa, de xeito que non lles moleste aos comensais. Por iso, o mellor é que as poñas unha vez coloques os pratos, as copas e os vasos. Deste xeito aseguraraste de que a forma na que pos a tira queda de marabilla no conxunto.  

No tocante ao resto de elementos, só precisarás unha vaixela branca, tea ou pano de mesa vermellos e unhas ramiñas de piñeiro para darlle un toque máis especial. Rápido, sinxelo, pero moi vistoso! 

Cal destas ideas vai máis co teu estilo? Se che gusta máis dunha, sempre podes poñelas en práctica en diferentes datas como Noiteboa, Nadal ou Noitevella. E, por se quedaches con ganas de máis, velaquí deixamos outras ideas para decorares a casa este Nadal ao mellor prezo.  

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.