Dous estilos de decoración para dar a benvida ao outono
Temos o último en decoración para o outono! A decoradora Linda Åhman explica o sinxelo que é incorporar toques de tendencia no teu fogar para a nova estación a través de dous estilos diferentes. Imos velos...
Cando falamos de renovar a decoración, é habitual que se nos pase pola cabeza un gran cambio que supoña moito tempo e orzamento. Porén, isto non ten por que ser así. É posible mudar o estilo da decoración da casa a través de pequenos accesorios ou detalles que dean un aire completamente novo ás estancias. Isto é precisamente o que nos amosa Linda Åhman coas súas propostas. Ambas teñen un estilo completamente distinto, pero adáptanse moi ben ás diferentes bases.
1. Decoración en tons pastel
Gústanche as cores pastel? Este estilo xira en torno a elas, á suavidade e ao confort que achegan ao espazo. Para conseguilo, a decoradora escolleu diferentes accesorios do fogar en texturas agradables como o veludo e o liño.
O mellor desta gama cromática é que combina moi ben con case todo (brancos, madeira, grises...), polo que poderás utilizar o que xa tes como base e conseguir un cambio engadindo elementos sinxelos que non supoñan un gasto moi elevado e que poidas incluír sen complicacións na decoración do teu fogar. As fundas de coxíns e outros téxtiles, as lámpadas de mesa ou os floreiros converteranse nos teus grandes aliados para conseguilo.
Polo tanto, o que terás que facer será botar unha ollada ao estilo actual da túa decoración e detectar eses detalles que podes incluír para os tons pastel seren os grandes protagonistas. Xa verás que divertido!
Para demostrarnos que é moito máis sinxelo do que parece, a decoradora Linda Åhman aplicou este proceso a unha vitrina branca. Se tes unha similar o en calquera outro ton neutro, poderás imitalo no teu fogar facilmente.
O primeiro será sacar todo o que teñas nela que non encaixe coas cores que queremos que predominen como, por exemplo, libros en tons escuros ou rechamantes. E non te preocupes, porque non terás que buscarlles outro armario, senón que poderás organizalos en caixas brancas como as que ves na foto.
Os libros e as pezas decorativas que si sexan en tons neutros poderás colocalos á vista. Estes converteranse na base dos novos toques que porás para conseguir esa suavidade que estamos a buscar. Para iso, a nosa decoradora non precisou máis que dous floreiros en cor rosa. Que che parece o resultado?
2. Decoración neutra con toques rechamantes
Se o que buscas é unha decoración máis potente e chea de personalidade, esta opción é para ti! Atrévete a ser máis persoal e crea un fogar que sexa moi teu. A nosa decoradora comeza cunha base neutra, como mobles claros que xa teñas na casa, e logo consigue darlle máis personalidade con algunhas almofadas en cores vivas e accesorios con estampados mixtos en branco e negro. Para que destaque moito máis, combina formas orgánicas e toques cerámicos en tons máis claros.
Aínda que en xeral creas que precisas un gran cambio, logrou todo isto a través das pezas que ves na foto: téxtiles e pequenos accesorios decorativos. O resto trátase de probar diferentes combinacións e botarlle un pouco de imaxinación.
Unha forma fantástica de amosar quen es é encher unha vitrina cos teus tesouros máis prezados, como se dunha exposición se tratase. A idea que nos propón Linda Åhman é agrupar distintos obxectos de diferentes formas e tamaños para crear un espectáculo visual.
Como ves na foto, con catro ou cinco pezas podes conseguir un resultado sorprendente, elegante e totalmente diferente ao que estamos acostumados a ver habitualmente en decoración.
Tes verte como un artista cun lenzo en branco. Podes adaptar o que xa tes ao teu estilo e os teus gustos».”
Linda Åhman, decoradora de interiores sueca
Cal destes dous estilos prefires? Se antes de te decidires por un queres continuar inspirándote con máis ideas para a decoración de outono, aquí che deixamos un par de artigos cheos delas.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.