Saltar

Cultiva os teus propios fungos a partir dos pousos do café

Sabes que cando fas café só aproveitas menos do 1 % dos nutrientes que conteñen os grans? No canto de tirar o 99 % restante, por que non o convertes na base dunha plantación de fungos?

Fungos saíndo da tapa dun tarro de cristal cheo ata arriba de micelio e pousos de café.
Fungos saíndo da tapa dun tarro de cristal cheo ata arriba de micelio e pousos de café.

En "A comida do mañá", o novo libro do laboratorio de deseño e investigación SPACE10, explícasenos como plantar fungos comestibles. O único que precisas son os pousos de facer café, micelio e un tarro de vidro. Ah, e unha pouca de paciencia! Precisarás entre 6 e 8 semanas para poderes recoller os froitos.

Material

Fita microporosa
Pódela mercar na farmacia.
Tapa hermética
Unha tapa metálica de rosca é máis doada de furar que se é de vidro.
Tarro de vidro grande
Pousos de café usados
Asegúrate de deixalos arrefriar, se non, ao mesturarse, pode que a calor mate todo o micelio.
Micelio
Estrutura vexetativa dos fungos. Para atopalo, ponte en contacto cos cultivadores de fungos da túa zona.

Faino así

  1. Para cultivar fungos, é fundamental a hixiene. Así que, antes de empezares, lava ben as mans con xabón e algún desinfectante.
  2. Fura dous buracos na tapa de aproximadamente 20 mm de diámetro cada un. Para que os bordos dos buracos queden ben, pon unha peza de madeira por riba da tapa e outra debaixo, asegura o conxunto cunha abrazadeira e fúrao todo xunto. Se tes dúbidas, podes buscar máis información en Internet.
  3. A continuación, esteriliza a tapa e o tarro somerxéndoos en auga fervendo durante un minuto. Sécaos e tapa os dous buracos da tapa coa fita microporosa para te asegurares de que non poidan entrar bacterias.
  4. Mestura no tarro o micelio cos pousos dun café feito hai pouco. Tápao e gárdao nun lugar escuro. Mantén a temperatura a 20-25 °C durante 2-3 días ata que os pousos queden totalmente cubertos polo micelio branco. A continuación, engade 1-2 cm de pousos de café que acabes de facer e espera a que o micelio o volva cubrir. Sigue ata que o tarro estea cheo de pousos.
  5. Cando os últimos pousos estean brancos, coloca o tarro nun lugar húmido e ben iluminado a unha temperatura de 15-20 °C. Evita a luz directa do sol. Tras 10-14 días, brotarán os fungos de ostra polos buracos da tapa e apartarán a fita microporosa. Se a fita non se desprende soa, axuda un pouco aos fungos.
  6. Colléitaos cando haxa un grupo e os sombreiros estean horizontais. Trala segunda ou terceira colleita, o tarro xa non producirá máis fungos. Retira o 80 % do substrato, pon unha nova fita microporosa e engade novos pousos ao tarro. Xa o tes todo preparado para unha segunda ronda.

"A comida do mañá" e SPACE10
Foto dos fungos: Kasper Kristoffersen

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.