Saltar

Ideas para aproveitar un balcón

Cantos tedes un balcón na casa que non sabedes moi ben como aproveitar? Estamos seguros de que aínda lle podes sacar máis proveito, ou darlle un "lavado de imaxe" do máis acaído. O balcón é ese pequeno recuncho que nos permite conectar co exterior, relaxarnos, almorzar ao sol nas mañás de verán… En resumo: ese lugar que nos fai ser un chisco máis felices en casa. Dámosche unhas cantas ideas para aproveitar un balcón.

Aproveita o espazo: xardín vertical no balcón

Nos balcóns pequenos, é fundamental ter presente que cada centímetro de espazo conta, tamén en vertical. É importante saber aproveitar o espazo das paredes:

  • Coloca plantas para crear unha sensación de frondosidade e intimidade sen ter que ocupar espazo no chan.
  • Utiliza estruturas como esta, que apenas ocupan espazo ao ancho, pero axudan a cubrir toda unha parede.
  • Outra boa forma é usar testos colgantes que podes ancorar do teito se é posible, ou ben da varanda.
  • Tamén podes pendurar na parede un enreixado de madeira tradicional no que deixes gabear ata arriba unha planta como a rubideira.
  • Sempre podes apostar polos testos con soporte para penduralos da propia varanda do balcón e enchelos de plantas e flores sen ocupar espazo na parede e no chan.

Mobiliario pequeno e pregable

Continuamos cun dos puntos fundamentais en calquera balcón que mereza tal nome: o mobiliario de exterior para espazos pequenos.

Se temos poucos metros cadrados, é importante conseguir que sexan o máis versátiles posible. Como? Con mobiliario que ocupe o espazo xusto e que sexa lixeiro e pregable, como este conxunto de comedor para exterior.

Iso si, pregable non é sinónimo de "eslamiado" ou "de quita e pon". Engade coxíns de exterior e outros téxtiles que fagan máis cómodos os teus momentos ao aire libre, pendura unha mantiña do respaldo, coloca un parasol se tes espazo... Dálle personalidade!

Pequenos detalles: decoración para o balcón

Nun balcón non só é fundamental contar cun espazo no que descansar e relaxarse ou cun recuncho no que poñer plantas. A decoración, ao igual que acontece no interior da nosa casa, tamén é importante e exerce o seu papel. Pensa que: 

  • As plantas con flores e os mobles e accesorios de cores rechamantes enchen de luz os espazos escuros.
  • Optar por testos orixinais ou alternar diferentes materiais dará un toque especial ao teu balcón pequeno.
  • Coas candeas ou as grilandas de luces decorarás o espazo e daraslle unha luz romántica e acolledora para as tardes e noites.
  • Usa unha mantiña para abrigarte cando refresque e dar cor ou un toque acolledor ás cadeiras do balcón.
  • Os coxíns para exterior son ideais para engadir comodidade e alegrar o teu balcón. Si, mesmo se só cabe unha cadeira! Terás que estar cómodo, non?
  • Pensaches en colocar unha alfombra? Aquí atoparás moitísimos accesorios para exterior!
  • Se aínda non coñeces as nosas lámpadas SOLVINDEN , que se cargan coa luz solar, este é o momento perfecto!

Cultivar herbas aromáticas na casa

Encántanos a xardinaría a pequena escala. Si, aínda que sexa nun balcón pequeno de cidade. Sempre hai distintos tipos de herbas aromáticas e outro tipo de cultivos sinxelos cos que traballar.
Estas son algunhas das plantas máis fáciles de cultivar na casa:

Romeu 

Esta é unha das plantas máis resistentes das "básicas" da nosa cociña. Dura todo o ano e non precisa ningún tipo de coidado especial.

Alfábega

Precisa moito sol e moita auga, pero mantela é sinxelo. Ademais, a salsa pesto é unha das mellores cousas que hai... Non podes dicir que non!

Lavanda 

É moi resistente e adáptase a calquera espazo que teña moita luz de sol. Pódela sementar nunha xardineira grande ou noutra máis pequena e despois transplantala. A diferenza das demais, esta non a utilizaremos para cociñar, senón para darlle un recendo MARABILLOSO aos nosos armarios e caixóns. 
 

Gustouche este artigo? Non perdas o resto de ideas e consellos que deixamos ao final para o coidado de plantas e aproveitamento de exteriores.

Se queres máis inspiración, bota unha ollada a este vídeo de Pregúntalle a Allen e descubre máis ideas para poñer a punto o teu espazo ao aire libre.

 Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, cómpre lembrar que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.