Saltar

Consellos para unha alimentación infantil saudable

Levar unha alimentación saudable desde a infancia é fundamental para o desenvolvemento físico e emocional dos nenos e nenas. Segundo datos do Ministerio de Agricultura, máis do 85 % do volume de alimentos e bebidas consómense dentro de casa. Polo tanto, a calidade e variedade de alimentos dun fogar desempeñan un papel importante na saúde e hábitos alimentarios de todos os membros da familia. 

En Formando fogar falamos coa divulgadora e experta Boticaria García, que nos deixou algúns consellos e pautas para levar unha alimentación infantil saudable. Esperamos que vos sexan útiles!

Máis consellos de Boticaria García

Marián García, máis coñecida como Boticaria García, é doutora en Farmacia e graduada en Nutrición Humana e Dietética. Cambiou a súa actividade nunha farmacia rural pola divulgación científica e sanitaria, labor que compaxina coa docencia no Grao en Nutrición e no máster en Divulgación da Ciencia da Universidad Isabel I, así como colaboracións en radio, prensa e televisión. Ademais, é autora de tres libros de grande éxito: "El paciente impaciente" (2015), "El moco radiactivo" (2017) e "El jamón de York no existe" (2019).  

Ademais de todos os consellos que Marián nos deixou no noso programa Formando fogar, quixémoslle preguntar algunhas dúbidas máis que os pais e nais adoitan ter sobre a alimentación dos seus fillos e fillas. Non perdades as súas recomendacións para levar unha alimentación infantil saudable que protexa os nenos e nenas de sufriren problemas de saúde físicos ou psicolóxicos no futuro!

Cales son as principais claves para que a dieta familiar sexa saudable?

Unha boa alimentación comeza no carriño do supermercado (boas escollas de compra) e continúa na cociña (boas técnicas culinarias), ata chegar á mesa. Que os membros da familia se involucren nas distintas partes do proceso, na medida das súas posibilidades, contribúe tamén a fomentar hábitos saudables. 

Cando debemos dar aos nenos os mesmos alimentos e pratos que a un adulto? 

A partir dos seis meses (agás excepcións claras, como por exemplo, os lácteos), os nenos poden comer a maioría dos alimentos que toman os adultos dentro dunha dieta saudable: froitas, verduras, legumes, cereais integrais, aves ou pescado, adaptando por, suposto, a presentación dos alimentos ao grao de madurez do neno. O feito de que tanto grandes como pequenos poidan compartir os mesmos alimentos cando sentan á mesa é algo moi positivo. 

Hai algunha cantidade estipulada que deben comer os nenos en cada comida?  

En condicións normais, os nenos deben comer en función do seu apetito. Nunca hai que obrigalos nin forzalos, senón estimulalos. 

Que alimentos debemos limitar na alimentación infantil? Hai algún que debería estar prohibido, como por exemplo, a bolaría e as lamberetadas?

Eu non son partidaria das prohibicións. A bolaría e as lamberetadas poden ter cabida de xeito puntual. O que si prohibiría é que se poidan facer declaracións nutricionais saudables sobre alimentos como a bolaría ou as galletas. Por exemplo, no supermercado podemos atopar galletas que "baixan o colesterol", pero cun 20 % de azucre. A mellor maneira de "baixar o colesterol" é a partir de alimentos cun 20 % de azucre? E o mesmo coas lamberetadas… nos envases dalgunhas delas dá a impresión de que practicamente estás a comer froita e, obviamente, nada máis lonxe da realidade! 

Que almorzo é o máis axeitado para un neno ou nena? E a merenda?

A boa noticia é que non existe o almorzo nin a merenda perfectos… senón que hai centos deles! O almorzo ou a merenda perfectos pode conter torradas de pan integral con tomate ou aguacate, pero tamén iogur, avea, froitos secos, calquera tipo de froita ou crudités de verduras e hortalizas, leite, ovos, pavo… Calquera alimento saudable pode formar parte dun bo almorzo. Non hai razón ningunha para encadrar nin etiquetar os alimentos nalgunha das comidas do día.

Como podemos lograr que os nosos fillos e fillas coman froitas e verduras?

En primeiro lugar, indo con eles ao súper ou ao mercado e facéndoos partícipes da variedade que hai dispoñible para que poidan decidir. Involucrándoos tamén na cociña, por suposto, dentro das súas posibilidades, e elixindo opcións de cocción e presentacións que lles poidan resultar atractivas. Hai vida máis aló das acelgas fervidas!

Cales son as principais consecuencias dunha mala alimentación infantil?

Ademais da obesidade, dislipemias, hipertensión, cancro, diabetes e problemas no desenvolvemento óseo, non podemos deixar de lado os problemas derivados de tipo psicolóxico, como o bullying.