Consellos para o mantemento de potas e tixolas

Xogo de potas e tixolas IKEA

Consellos para o mantemento de potas e tixolas

Queres prolongar a vida das túas potas e tixolas? Aprende estes trucos de mantemento e descubre como coidar das túas potas e tixolas para que duren moitísimo máis tempo.  
Longa vida aos teus utensilios de cociña! 

Olla o noso vídeo!

Algunha vez che pasou que mercaches unha pota ou tixola de maior calidade, mais acabou estragada nun chiscar de ollos? A que se debe? Basicamente, na maioría dos casos, a que o seu uso, limpeza ou mantemento non foron os axeitados. Mais non te preocupes!  
Preparámosche unha serie de consellos básicos e moi sinxelos para que non volvas a ter este problema e os teus investimentos culinarios perduren no tempo. Oído cociña? Imos aló! 

Pota de aceiro inoxidable IKEA

Aínda que non o creas, le as instrucións 

Logo da importante decisión de escoller pota ou tixola e de estar seguro que é o produto que mellor se adapta ao teu estilo de cociña e frecuencia, é o momento de informarse sobre como coidalas.  

Sabémolo, non nos gusta ler as instrucións...mais hai momentos nos que é preciso facelo. E xa que investiches os teus cartos, por que non amortizalos da mellor das maneiras? 

Todas as potas e tixolas de IKEA veñen cun pequeno folleto de instrucións e consellos básicos que te axudarán a coidar os teus produtos. Como normal xeral, sempre recomendamos que laves, enxaugues e limpes ben o produto antes de usalo por primeira vez. E para iso debes saber de que material está feita a pota ou tixola e se ademais ten un revestimento antiadherente ou non.  
 
Así que imos facer un repaso material por material: 

Lembra: a información sobre como se debe limpar o produto e para que tipos de placas é axeitada vén na etiqueta do prezo, na etiqueta do estante e, se o produto estiver empaquetado, na embalaxe.

Potas e tixolas de aceiro inoxidable 

As potas e tixolas de aceiro inoxidable destacan pola súa resistencia contra os golpes e a súa longa vida. Cal son os consellos básicos para que se cumpra esta profecía? 

Toma nota:   

  • Nunca empregues estropallos de aceiro ou pos para limpalas, poderían raiar.  
  • A menos que teñan un revestimento antiadherente, podes limpalas na lavalouza.  
  • Se a comida queda pegada na base, proba a botarlle un chisco de deterxente. Engade auga e quécea. Deixa que ferva e xa poderás limpala facilmente.  
  • A cal da auga, a agua salgada, o limón e o vinagre poden deixar manchas no metal. Podes evitalas secando inmediatamente o produto despois do fregado. Tamén podes agardar e botar a sal e o limón cando a auga estea fervendo. 
  • UN TRUCO: Se as manchas persisten, lávaa con auga e con vinagre. Verte un chisco de vinagre na pota ou na tixola e férveo. Tes que pór unha culleradiña de vinagre por litro de auga. Quedará perfecta.  

SENSUELL, a gran incomprendida 

Seguindo na liña de produtos de aceiro inoxidable, detémonos para falar dunha das nosas gamas de produtos estrela, mais incomprendidas ao mesmo tempo: a nosa gama de potas e tixolas profesionais SENSUELL. 
 
E é que esta gama, malia todas as comodidades que ten para o seu mantemento (xa que é moi sinxela de limpar e se adapta a todo tipo de placas, mesmo de indución), ten unha forma de emprego un chisco particular e distinta con respecto ao resto de potas e tixolas IKEA. Pégaseche a comida? Temos o truco para que deixe de pasar.  
 
A superficie da tixola non é antiadherente, polo que é máis sinxelo que a comida se pegue e acabe queimada se non a utilizas como é debido. O segredo para acadar os mellores resultados é quentar primeiro a tixola a fogo vivo e despois baixar a temperatura á metade antes de comezar a cociñar os alimentos. Et voilà! Os teus problemas con SENSUELL xa non son tal.  

Potas e tixolas de aluminio 

Ademais de ser un excelente condutor da calor, o aluminio é lixeiro e resistente á oxidación. Porén, precisamente por ser máis fráxil, cómpre ter especial coidado para non rabuñalo. Velaquí os nosos consellos para o seu mantemento:  

  • Non son aptas para lavalouza. Así que lávaas sempre á man.  
  • Sécaas despois de fregalas para manter o brillo.  
  • Se non ten revestimento antiadherente, evita cociñar alimentos agres (como o tomate ou o limón) para que non afecte á película de óxido da pota ou tixola. Ah! E non deixes comida nelas durante moito tempo para non descolorar o material. 
  • Emprega utensilios de madeira ou plástico sen bordos afiados para non raiar o aluminio.  
  • UN TRUCO: Emprega un protector para gardalas amontoadas con maior seguridade.   

Potas e tixolas de ferro fundido 

Coñeces o dito de "melloras cos anos"? Pois podería aplicarse aos utensilios de cociña deste material. O ferro fundido é un dos materiais máis tradicionais na produción de potas e tixolas. É duradeiro e dá excelentes resultados de dourado e fritura de alimentos. E como dixemos, este material mellora con cada uso. Sabes por que? Pois porque cando este material non se trata, absorbe restos da graxa do alimento cociñado e mellora o resultado do seguinte.  

Os consellos para coidar estes produtos son:  

  • Non limpar na lavalouza. 
  • Poden lavarse con esponxas duras ou estropallos de aceiro. Porén, non abuses do deterxente, xa que pode danar o material cando seque se non se elimina ben.  
  • Cómpre sazonar sempre as tixolas e potas de ferro fundido non tratadas. Non será necesario se teñen un recubrimento esmaltado. 
  • Se o esmalte da túa pota ou tixola non é brillante, senón mate, engraxa cun chisco de aceite antes de usala. De cando en cando, dálles un repaso cun pouco de papel mollado en aceite despois do seu uso.  
  • UN TRUCO: espalla sal na tixola ou pota (para que absorba toda a graxa que queda) e limpa con papel de cociña ou un trapo. Así a limpeza será completa.  

Limpeza de potas e tixolas con capa antiadherente 

Os produtos con este revestimento antiadherente son unha grande axuda para evitar que a nosa comida acabe queimada ou pegada á superficie. Aínda que ás veces non poden evitar a traxedia. Para limpar a tixola, emprega auga morna, deterxente e unha esponxa suave para non raiar a capa antiadherente.  
 
Se a túa tixola ou pota ten restos de comida queimada imposible de quitar, anota este truco para eliminar completamente estas manchas que non fan máis que queimarse unha e outra vez e estragar os teus pratos.  
 
Enche a pota ou tixola de auga e engade entre 4 e 5 culleres de deterxente. Colócaa sobre o lume e ferve o contido. Remove cunha culler ou espátula de madeira ou plástico e rasca coidadosamente os restos de comida. Pasados uns minutos, toda a graxa disolverase e liberará a sucidade incrustada. Unha vez feito isto, lávaa como de costume. Unha vez secada, terás que engraxala de novo.  
 

Logo de repasar os consellos para cada tipo de material das túas potas e tixolas, non está de máis que saibas tres normas básicas e fundamentais para a utilización de calquera produto, independentemente do material de que estea feito.

1-Deixa arrefriar antes de limpalas 

Algunha vez metiches a tixola ou pota directamente baixo un chorro de auga fría ou morna? Pois dirémosche que é un dos principais erros, así como un dos causantes do deterioro acelerado dos nosos utensilios de cociña. Un simple xesto, como o da agua fría pode pegar aínda máis os restos de comida que quedan nela e mesmo deformar a propia tixola.  
 
Normalmente, as bases deses utensilios teñen unha forma cóncava que se converte en plana cando entra en calor e se expande. Deste xeito, se a tixola ou a pota non teñen tempo abondo para volver á súa forma orixinal, pode chegar a quedar irregular e non ter a estabilidade suficiente. Así que xa sabes, deixa arrefriar antes de lavar.  

2-Non gardes comida no seu interior 

Lembra que as potas e as tixolas están deseñadas para cociñar e non para almacenar alimentos. Hai unha gran cantidade de comida que pode chegar a tinguir ou descolorar as tixolas e as potas se permanecen demasiado tempo no seu interior. No seu lugar, emprega tarros e friameiras de cristal para que a comida se conserve un perfecto estado e igual de deliciosa có primeiro día. 

 

3-Non amontoes sen protección 

E, por último, lembra gardar as potas e tixolas como é debido, ou do contrario todo o traballo e coidado anterior será en van. E é que se cometemos o erro de amontoar os utensilios un enriba dos outros podemos raiar sen querer a tixola ou a pota na que se introduciu outra e, así, acabar coa capa antiadherente.  

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.