6 consellos para refrescar a casa sen aire acondicionado
Cando vai moita calor, o que todos anhelamos é estar na casa o máis fresquiños posible, non si? Con todo, aínda que teñamos aire acondicionado, non debe estar posto todo o día. Hai moreas de alternativas e pequenos hábitos sostibles que che permitirán aforrar na túa factura da luz mantendo a túa casa máis fresca no verán.
Velaquí 6 consellos para refrescar a casa sen aire acondicionado!

1. Cando ventilar a casa no verán
Para manter a casa fresca no verán, unha das cousas máis importantes é ventilala ás horas axeitas. Isto que quere dicir? Que non vale calquera momento do día para abrir as fiestras de par en par, nin sequera para ter as persianas subidas.
O mellor para ventilar é facelo á primeira hora da mañá (entre as 6 e as 8) e, despois, pechar as fiestras. Non volvas abrilas ata as 11 da noite aproximadamente: un par de horas despois de que caia o sol. Nese momento será fundamental que aproveites as correntes, abrindo fiestras contrapostas.
Ademais, é moi recomendable baixar as persianas ou botar unhas cortinas opacas cando o sol estea incidindo directamente nas fiestras. Así, evitaremos que a calor penetre a través dos cristais.
Por certo, sabías que poñendo unhas cortinas, sabas ou toallas humedecidas diante da fiestra podes facer baixar as temperaturas ao bloquear a luz solar e arrefriar a brisa que entra? Podes manter as teas humedecidas cun pulverizador de plantas.
2. Escolle materiais naturais
Tanto para vestir a cama como para vestir o resto da casa (cortinas, alfombras, fundas de coxín…) é moi importante que escollas os tecidos axeitados para esta época do ano, se queres estar fresco/a sen aire acondicionado. Tecidos que, por si sós, teñen unha frescura natural: algodón, liño, seda e lyocell, entre outros. Estes tecidos axudaranche a minimizar os efectos da calor e a humidade.
Emprega tamén este tipo de materiais naturais, como o algodón ou o liño, na túa roupa de estar por casa e no teu pixama. Asegurámosche que o cambio de tecidos sintéticos a estas teas é moi significativo.
3. Como reducir a calor para durmir mellor
As noites cálidas fan que non sexa doado durmir. Pero podemos aplicar unha serie de consellos para reducir a calor que poida quedar acumulada no noso dormitorio refrescándoo sen aire acondicionado.
Como diciamos ao principio, é fundamental que airees o cuarto ás horas que che indicamos, facendo especial fincapé en xerar refachos de aire xusto antes de deitarte. Tamén é máis que recomendable que despexes o dormitorio de cousas innecesarias, apostando polo minimalismo, sobre todo no que á roupa de cama se refire: só as sabas, nada máis.
Ten preto auga para hidratarte durante a noite, un humidificador para conectalo durante o día (coas persianas baixadas) e, por suposto, un ventilador que te axude coas noites máis calorosas.
4. Refréscate por dentro e por fóra
Non só é importante o que facemos na nosa casa, tamén é fundamental que nos manteñamos "fresquiños por dentro" para que esa sensación de calor abafante desapareza.
Sabías que o 75% do corpo dos cativos é auga e, no caso dos adultos, é do 60%? Ademais, ao longo do día, unha persoa perde aproximadamente 2,5 litros de auga. Unha cantidade que debemos recuperar, sobre todo nesta época do ano, para evitar sentirnos deshidratados e acalorados.
Bebe polo menos dous litros de auga ao día, evita o alcol, toma polo menos 3 pezas de froita ao día, prepara xeados e zumes caseiros fresquiños, e aliméntate con produtos frescos, poñendo o foco nas verduras de tempada durante estes meses.
5. Rega as plantas pola noite
Se tes plantas na terraza, no balcón ou incluso na fiestra da sala de estar ou no dormitorio, régaas pola noite. Así, ao regalas e abrir a fiestra, refrescarás esa zona e a contigua. Cantas máis plantas teñas, mellor.
Para as túas plantas tamén é máis recomendable que, durante o verán, as regues ao chegar a noite, xa que aproveitan de forma máis eficiente a auga por unha menor evaporación.
Ademais, o olor a terra mollada é un dos mellores que existen…
6. Un uso correcto da tecnoloxía e a luz
Como sabes, hai moitos aparellos eléctricos que desprenden calor na casa, como pode ser a vitro despois de usala, a lavalouza, o forno e incluso a televisión.
Fai un uso "responsable" destes aparellos, que, á fin e ao cabo, son fontes de calor no fogar, o que nos dificulta manter a casa fresca sen poñer o aire. Na medida do posible, evita conectar varios á vez e acender as luces.
Iso si, para aforrar luz e evitar a calor, o mellor que podes facer é:
- Apostar por lámpadas LED en toda a casa.
- Na terraza, utilizar iluminación solar.
- Cambiar os teus electrodomésticos por outros de baixo consumo.
Velaquí unhas cantas ideas para aforrar enerxía na casa nun santiamén:

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Pero debes ter en conta que as modificacións e os cambios que introduzas nos produtos IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.