Consellos e receitas para non desperdiciar comida este Nadal
A comida é, sen dúbida, unha das grandes protagonistas do Nadal (e de calquera celebración). Neste tipo de ocasións especiais, en familia ou con amigos, é habitual que cociñemos máis cantidade e que sobre, aínda que este ano non se vaian a facer grandes reunións. Por se acaso, preparamos algúns consellos e receitas para non desperdiciar nada.
Facermos un bo uso dos recursos sempre foi moi importante para nós. Pero este ano, coa situación xerada pola pandemia, que está a afectar a moitas familias, aínda máis. Por iso, propuxémonos poñer o noso gran de area con algúns consellos que axuden a aproveitar ao máximo a comida durante as datas de Nadal.
Pasos moi sinxelos cos que poderás aforrar un diñeiro e axudar a que todos avancemos cara a unha sociedade máis sostible. Por suposto, estes trucos poderás aplicalos máis aló das datas de Nadal, en calquera momento no que che sobrase comida. Aínda que non o pareza, as sobras pódense converter en todo un manxar se lle botamos un pouco de imaxinación… Comezamos!
Como gardar as sobras para que se conserven mellor
O primeiro paso para non desperdiciar nin un gramo de comida será gardalo todo correctamente cando remate a celebración. Para iso, dámosche os seguintes consellos:
- Utiliza recipientes de vidro: este material non absorbe os cheiros, polo que os alimentos se conservan mellor. Ademais, non se tingue coas salsas e é apto para o forno ou o microondas, polo que poderás quecer os alimentos sen necesidade de cambialos a outro recipiente.
- Aposta por tapas de calidade: se queres que os teus alimentos se conserven frescos moito máis tempo, é fundamental que a tapa que lles poñas aos recipientes sexa a axeitada. Se se trata dunha friameira, recomendámosche que utilices ou unha tapa hermética, que evita que se forme xeo no interior e que saian os líquidos, ou unha tapa de silicona como as da nosa colección IKEA 365+ con efecto baleiro, que ademais de conservar, mantén a temperatura. No caso de que se trate doutro recipiente, como unha ensaladeira ou unha fonte, recomendámosche ÖVERMÄTT, unha tapa de silicona suave e elástica, que se adapta a diferentes tamaños e axuda a conservar os alimentos. O mellor? É reutilizable, así que é unha opción moito máis sostible que o papel filme ou o de aluminio.
- Non mestures alimentos: para que se conserve ben a comida, é preferible non gardar no mesmo recipiente todo o que che sobrou, senón que o fagas por separado. Deste xeito, evitarás que se mesturen sabores ou líquidos que poidan empeorar o estado.
- Etiqueta os recipientes coa data na que os gardas, deste xeito, non terás que facer memoria e saberás que debes consumir antes. Se, como che recomendamos, o fas en recipientes de vidro, saberás dunha ollada que son. Pero se é un recipiente opaco, ademais da data, podes apuntar o alimento que é para non ter que abrilo.
Onde gardar as sobras
Cando as sobras de comida estean gardadas, ben tapadas e etiquetadas nos teus recipientes, chega o momento de decidir onde as gardar para que se conserven mellor. No frigorífico ou no conxelador? Isto dependerá, principalmente, de dous factores. Por unha banda, do tipo de alimento e por outro, de cando vaias consumilo. Se o vas a tomar pronto, non será preciso conxelalo, pero se vas estar fóra ou tes outras comidas programadas, si será recomendable, para que non se poña mala.
Porén, é importante ter en conta se é recomendable conxelar o tipo de alimento en cuestión ou non. Isto é porque o sabor dalgúns, como os lácteos, a pasta ou o arroz, entre outros, se ve afectado negativamente cando os sometemos a temperaturas tan baixas.
Elixas frigorífico ou conxelador, é moi importante colocar os recipientes de forma ordenada, como ves na imaxe, para facilitar o acceso a eles e, de paso, non esquezas ningún. Como diciamos, tanto a etiquetaxe como o feito de que sexan recipientes transparentes axudarán a localizalos moito mellor.
Receitas con sobras para non desperdiciar a comida
E agora que xa repasamos algúns conselliños para sabermos como e onde gardar as sobras, imos con algunhas receitas que podes facer a partir deses alimentos. Comezamos!
1. Lasaña
A lasaña é un prato que conquista á maioría, especialmente aos máis pequerrechos. E o mellor, é que se pode facer a partir de moitos alimentos (carne, peixe, verduras…), polo que é unha opción ideal para aproveitar as sobras. Neste sentido, partindo, por exemplo, de que che sobrou carne, precisarás os seguintes ingredientes:
- Placas de pasta (tamén podes substituílas por rodas finas de cabaciña ou berenxena)
- 1 cebola
- Salsa de tomate
- Queixo relado (do tipo que tiveres)
- ½ litro de leite
- 2 culleradas de fariña
- ½ culleradiña de noz moscada
- Aceite de oliva virxe extra
- Ourego
- Sal
Preparación:
- Pica a carne e a cebola que che sobrasen.
- Pon unha tixola a lume medio cun chorriño de aceite e, cando estea quente, rustre a cebola.
- Engade a carne e o tomate. Move todo ben, engade un pouquiño de ourego e reserva.
- Sigue as instrucións do paquete para cocer as placas de pasta. No caso de usares berenxena ou o cabaciña, córtaos en rodas finas e longas.
- Pon a quentar a lume suave unha cullerada de aceite para comezar a preparar a bechamel.
- Engade a fariña e remove cunhas variñas ata que se doure.
- Incorpora o leite e a noz moscada. Remove durante 4 ou 5 minutos ata conseguir unha mestura homoxénea e sen grumos.
- Monta a lasaña nunha fonte de vidro: unha capa de placas ou verdura, un pouco de bechamel, rechea coa carne con tomate e así ata as capas que queiras.
- Cubre a última capa con queixo relado e enforna durante 15-20 minutos a 180º, ata que o queixo estea gratinado.
2. Salsas ou purés de verduras
Sobráronche verduras e non sabes que facer con elas? Unha boa idea pode ser preparar salsas de verduras ou puré. Por exemplo, se che sobraron tomates, podes facer unha deliciosa salsa de tomate caseira. É moi doado.
Ingredientes:
- Tomates
- 1 cebola
- 1 pemento verde
- Aceite de oliva virxe extra
- Sal
Preparación:
- Pica os tomates.
- Pica a cebola e o pemento en xuliana.
- Pon un cazo ao lume cun bo chorro de aceite de oliva virxe extra.
- Rustre todo ata que a cebola estea dourada.
- Engádelle o tomate e deixa que cociñe a lume lento durante 30 minutos. Remove de cando en vez.
- Pasado este tempo, tritura a salsa, salpementa e volve poñela a lume lento durante outra media hora. E listo!
Se che sobraron outras verduras como cabaciña, cenorias ou cabaza, podes facer puré. Só terás que cocelas (se non o están xa), facer un pequeno rustrido con aceite de oliva virxe extra e ceboliña para que teñan máis sabor, engadir a cantidade de auga correspondente, sal e especias ao gusto, e a bater! San, delicioso e superrápido.
3. Albóndegas
Por último, pero non menos importante, unhas deliciosas albóndegas! Aínda que as máis clásicas son as de carne, o certo é que tamén as podes facer de peixe ou de legumes.
Elixas a opción que elixires, o único que terás que facer será mesturar a carne, o peixe ou os legumes (previamente picados), nun cunco con dous ovos, noz moscada e perexil fresco. Tamén podes engadir cebola e allo picadiños, en cru ou rustridos.
Cando se faga unha masa homoxénea, abondará con facer as boliñas do tamaño que prefiras e cociñalas, quer tixola con aceite de oliva, quer ao forno a 180º, uns 20 minutos con calor arriba e abaixo. Podes comelas así ou acompañalas cunha rica salsa caseira, como a que preparamos na receita anterior. Ti elixes!
Tomaches nota? Desde IKEA esperamos que pases un bo Nadal e que non desperdicies nin un bocado. Ademais, deixamos algúns artigos con outros consellos para aproveitares ao máximo a comida e receitas que che poden interesar.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.