Saltar

10 consellos para personalizar o teu piso de solteiro sen gastar moito

Vivir só ten algunhas vantaxes e unha delas é, sen dúbida, a posibilidade de decorares a casa totalmente ao teu gusto. Así que, se estás niso e queres que teña estilo sen gastares moito, estes consellos para personalizar un piso de solteiro son para ti. Como has ver, a clave está nos detalles!

1. Dálle vida á sala de estar con téxtiles e accesorios que chamen a atención

 

A sala é unha das pezas máis esenciais da casa, xa que é na que máis tempo adoitamos pasar e na que recibimos a familiares e amigos. Por iso, se o teu mobiliario é bastante sinxelo e buscas darlle un toque máis persoal, podes facelo por moi pouco diñeiro a través de téxtiles como coxíns ou mantas e outros accesorios.

O primeiro paso para elixir os máis axeitados será teres en conta as tonalidades base da túa sala de estar. Deste xeito, serache máis doado creares combinacións que funcionen ben. Neste caso, as cores que predominan son o branco, o azul e o gris, polo que optamos por mantas e fundas de coxíns en branco e negro con estampados xeométricos que xeran contraste e captan todas as miradas. 

Respecto aos accesorios, decantámonos por unha lámpada de pé en branco e unha grilanda de luces en negro, que destacan sobre o azul da parede e crean un ambiente moi acolledor ao solpor, cando non hai luz natural dabondo. Ademais de iluminar, decoran e completan a zona do sofá. 

2. Aproveita as paredes para decorar e organizar 

 

Se hai unha zona perfecta para conseguires que o teu piso se encha de personalidade dunha forma económica, esa son as paredes. Por suposto, non se trata de ateigalas sen sentido, senón de pór nelas elementos decorativos e, ao mesmo tempo, prácticos, que falen de ti.   

Para conseguilo, nós escollemos o taboleiro perforado SKÅDIS, que nos dá moitas opcións tanto para decorar como para organizar diferentes obxectos. Unha solución moi económica que se pode adaptar por completo grazas aos seus accesorios: ganchos, andeis, recipientes… Neste caso, colocamos uns ganchos na parte inferior nos que podemos colgar accesorios como os auriculares, un andel con pezas decorativas e fotos e, por último, un recipiente cun cacto. Pero, como diciamos, é unha solución moi versátil que podes personalizar segundo precises.  

3. Mantén o teu escritorio ordenado cun organizador orixinal

 

A orde é fundamental, iso está claro, pero non ten por que producir un aspecto eslamiado nin está rifada co estilo. Por iso, para o teu escritorio ou oficina, propoñémosche que escollas organizadores que lle acheguen un toque decorativo, como esta caixa metálica nun ton verde agrisado. Nela podes gardar a túa axenda de traballo, cadernos, calculadora, e todo o que precises.

Por suposto, este só é un exemplo, temos moitos outros organizadores que lle darán un aire moi especial ao teu despacho e que se adaptan a todos os petos.   

4. Dálles aos estantes un toque diferente

 

Os estantes tamén poden achegar moito á decoración. Hai moitos modelos diferentes, polo que algún atoparás que se axuste a teu peto. Pero para acadares ese efecto decorativo, é importante que o que coloques neles quede esteticamente ben. Unha idea é colocar á vista todos os libros que teñas dunha mesma cor ou de cores que combinen. Os que desentoen, pódelos colocar en revisteiros ou arquivadores para que o resultado sexa moito máis homoxéneo.

Nós apostamos por colocar á vista todos os libros brancos e gardar en dous revisteiros, desta cor tamén, os que non o son. Ademais, como toque final, puxemos dous suxeitalibros en branco en forma de B, de "books". O resultado é unha bonita libraría en branco e negro perfectamente organizada.  

5. Crea un recuncho decorativo que reflicta os teu pasatempos

 

Para que a túa esencia quede plasmada na túa casa, nada mellor que elixir elementos decorativos que mostren algo de ti: os teus gustos, os teus pasatempos, a túa profesión, etc. Neste sentido, o noso consello é que lle dediques un espazo pequeno a iso. Pode estar nun oquiño libre da túa sala de estar, no dormitorio ou mesmo no recibidor.   

Neste caso, creamos un recuncho para unha persoa apaixonada da fotografía e nel colocamos un cadro, unha cámara e uns cantos libros de fotografía. No entanto, a idea é que o adaptes ao 100 %; por exemplo, se che encanta viaxar, podes colocar unha lámina do mapa do mundo e lembranzas das túas viaxes, se o teu é o cine, dedícalle un recanto. Ti elixes! 

6. Reserva unha zona da casa para coidarte   

 

Practicas deporte? Meditas ou fas ioga na casa? Préstache ler mentres escoitas música? Aínda que na imaxe amosamos un pequeno ximnasio caseiro, é só un exemplo. O obxectivo neste punto é que, aproveitando que vives só, reserves un espazo para coidarte ao 100% sen gastares moito diñeiro

É moito máis sinxelo do que parece. Nós, no caso do ximnasio, só colocamos un par de alfombras, uns pufs (que tamén poden funcionar moi ben para meditar) e unha guía con ganchos para colocares todo o material preciso. Se queres un espazo para ler tranquilamente, cun puf, unha alfombra agradable e unhas plantiñas terás dabondo. Que che parece?  

7. Ponlle ritmo á túa cociña cun altofalante  

Queres que a túa cociña sexa un lugar alegre no que pasares un bo momento só ou en compañía? Propoñémosche que apostes por un altofalante Bluetooth, como ENEBY. Custa 20 euros e, polo seu pequeno formato, é ideal para a cociña, xa que o podes colocar en calquera recanto. Deste xeito, aproveitarás mellor o espazo e teralo sempre á man para encher de ritmo a estancia mentres cociñas, comes ou compartes un momento agradable cos teus amigos ou familiares. Sen dúbida, será un elemento diferenciador que lembrarán todos aqueles que pasen pola túa cociña. E como é portátil, se cambias de estancia, podes levalo contigo sen problema.  

8. Utiliza algún imán especial para o frigorífico  

Adoitas deixar notiñas ou recordos pegados ao frigorífico? Se é así, recomendámosche que apostes por imáns decorativos. É unha forma moi sinxela e económica de conseguires que o que poñas no frigorífico tamén lle achegue algo á decoración da cociña. A nós encántannos estes imáns azuis en forma de pinga, pero temos outras opcións para o teu fogar.  

9. Ordena o teu baño con cestas  

 

No baño tamén é posible atopar solucións de organización que, ao mesmo tempo, adornen. Unha opción económica para logralo son as cestas NORDRANA. O mellor é que son únicas, xa que están feitas á man por artesáns expertos en centros de tecido organizados de Vietnam, que ofrecen unhas boas condicións laborais e salarios xustos.  

Grazas ás súas presillas, podes colgalas como na foto anterior, e que así ocupen o menor espazo posible, ou ben poñelas sobre un moble ou repisa coma esta. Sexa como for, nelas poderás gardar e manter organizados os teus produtos de baño, desde toallas ata esponxas ou peites.   

Se non pegan no teu baño, non te preocupes. Temos moitas outras opcións de cestas e caixas para baño moi económicas que quedarán estupendamente no teu.   

10. Coloca as túas pezas favoritas nunha armazón para roupa 

 

Por último, chega a quenda da roupa. Se queres que esta teña un protagonismo especial na túa casa, á parte do armario, unha boa idea pode ser apostar por unha armazón para roupa na que colocar algún dos teus conxuntos favoritos. E non falamos dunha armazón calquera, senón da armazón para roupa NIKKEBY, que destaca tanto pola súa estrutura como pola cor verde agrisada que ten.   

Á parte das barras, nas que poderás colgar chaquetas e camisas, tamén conta con dous andeis para deixares outro tipo de pezas, como pantalóns e zapatos. Unha solución boa, bonita e barata, coa que pechamos a nosa lista de consellos para a túa vivenda de solteiro.  

Cales destes consellos che gustaría aplicar no teu fogar? Sexa como for, esperamos que consigas ese fogar tan de teu que estás a buscar. E, por se precisas máis ideas para a decoración ou a organización da túa casa, velaquí deixamos varios artigos sobre o tema que che poden interesar.   

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.