Consellos para reducir o uso de plásticos no noso día a día

Consellos para reducir o uso de plásticos no noso día a día

Consellos para reducir o uso de plásticos no noso día a día

Pon de teu para evitar a contaminación dos nosos mares con estes sinxelos consellos para reducir o consumo de plásticos dun só uso na casa!

Súmate á corrente na que todos nos beneficiamos!

Consellos para reducir o uso de plásticos

Os plásticos están moi presentes na nosa vida diaria, son versátiles e útiles para a fabricación e o empaquetado de moitos produtos, pero cando non se reciclan correctamente, unha gran parte termina nos nosos océanos, contaminando o ecosistema e a fauna mariña. De feito, as cifras son moi preocupantes, xa que máis de 8 millóns de toneladas de plástico rematan nos nosos mares cada ano. Todos podemos colaborar para evitar este gran problema medioambiental se reducimos o consumo de plásticos dun só uso!

Propoñémosche algunhas opcións que podes introducir na túa rutina habitual para evitar producir máis lixo en forma de plástico.

Antes de comezar cos consellos, sabes cales son os plásticos dun só uso? Entre eles se atopan as bolsas da compra, as pallas e paus para misturar, os cubertos e pratos de usar e tirar, os pauciños para os oídos, os envases, as botellas, vasos e tapas de polistireno, as varas para suxeitar globos, as cabichas e os produtos de plástico oxodegradable. Como podes ver, están en todas partes! Pensa en todos eses produtos que conteñen plástico e que só usas unha vez antes de desfacerte deles!  

Por suposto, o noso mellor consello sería que eliminaras da túa vida todos os plásticos dun só uso, mais sabemos que non é tan fácil erradicalos de vez. Así e todo, asegurámosche que hai cousas moi doadas que podes facer para evitar que os nosos mares tornen nun gran vertedoiro. Comezamos!

Consellos para reducir o uso de plásticos

1-Unha bolsa de tea para as túas compras sempre no teu bolso

Paraches a pensar cantas bolsas de plástico podes acumular na casa a diario? E que cada vez que fas unha compra, seguramente recibes unha bolsa.

Non sería máis cómodo e sostible ter a túa propia bolsa de tea a man para levar todas as túas compras? Deste xeito, evitas o problema de que se che rompa polo camiño ou de que se vexan os produtos que levas no interior. Mete unha ben pregadiña no teu bolso e así poderala usar cada vez que che xurda unha compra!

Lembra que, se non tes unha bolsa de tea, é mellor escoller unha de papel ou que se poida volver empregar!

Consellos para reducir o uso de plásticos

2-Opta polos envases de cristal e reemprégaos na casa

Cada vez podes atopar máis alimentos envasados en botes de cristal. Elixir estes produtos é unha forma de reducir o consumo de plásticos e, ademais, podes reempregar os botes para gardar outras cousas na casa: fariña, arroz, botóns… Tamén poden ser bonitos testos ou floreiros!

Por outra banda, sería recomendable que cambiaras o consumo de alimentos preparados ou conxelados e que cociñaras máis alimentos frescos e os conservaras en friameiras de cristal. A túa saúde, o teu peto e o medio ambiente agradecerancho! 

3-Compra alimentos sen empaquetar 

Mercar comida sen empaquetar ten moitas máis vantaxes das que pensas.

Por un lado, evitas o malgasto de comida porque podes comprar a cantidade xusta que necesitas. Por outro, evitas o consumo de envases e tan só necesitas algún recipiente de cristal que teñas por casa, coma os tarros dos que falabamos no anterior consello.

Ademais, os prezos dos produtos sen empaquetar son máis económicos e contribúes ao crecemento da economía local cun consumo de proximidade!

4- Utensilios de cociña de madeira ou aceiro inoxidable

Á hora de escoller o teu enxoval de cociña, mellor optar por materiais como a madeira, o bambú e o aceiro inoxidable, que son moito máis sostibles, duradeiros e económicos. Os de plástico non acostuman a soportar temperaturas moi elevadas e moitos deles conteñen Bisnefol-A (BPA), que non é recomendable. Sen embargo, todos os nosos produtos deseñados para estar en contacto con alimentos, como os envases, botellas e utensilios de cociña, non conteñen este químico.  

5- A túa botella de auga que se pode volver empregar

Para evitar o consumo de auga embotellada, que xera milleiros de toneladas de residuos que rematan no mar, leva sempre contigo unha botella que se poida reempregar. Poderás personalizala, escoller a súa cor e o seu tamaño, e tela sempre a man: na oficina, no ximnasio ou en calquera viaxe.

6- Recicla sempre que poidas, tamén no traballo

Todo comeza por non empregar plásticos dun só uso e continúa por reciclar adecuadamente os plásticos que consumas. Non basta con que o fagas no teu fogar. Pensa nas horas que pasas no traballo e en todos eses produtos con envases de plástico que empregas! E cando estás no parque ou na praia?

Recicla sempre que poidas porque lle darás unha segunda vida a produtos e materiais que acabarían sendo residuos contaminantes para os nosos mares e ecosistemas, e axudarás a crear novos empregos. Ademais, usar materiais reciclados contamina menos que fabricar un produto con materias primas.

Consellos para reducir o uso de plásticos

No seguinte vídeo amosámosche tamén opcións para reciclar na casa, aínda que teñas pouco espazo. Non terás escusa!

Tamén che pode interesar este artigo: Como reciclar e non desperdiciar comida para aforrar e sermos máis sostibles 

 7. Fai compras máis responsables!

Decátate de que produtos ou marcas xa están traballando por producir menos plástico ou reciclar máis, e opta por eles. Pouco a pouco, paso a paso, ti tamén poderás contribuír a que as empresas muden a súa forma de producir e sexan máis sostibles. En IKEA temos xa máis de 500 produtos de plástico reciclado e aspiramos a que en 2030 todos os plásticos que empreguemos procedan de materiais renovables ou reciclados.

Se che interesan os produtos sostibles, temos máis de 70 coleccións elaboradas con materiais renovables ou reciclables! Descúbreas!

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.