Saltar

6 consellos para organizarse facilmente despois das vacacións

As vacacións son xeniais, pero adoitan traer consigo un desaxuste de horarios e certo caos que é necesario ir corrixindo pouco a pouco cando rematan. Para que sexa moito máis sinxelo, propoñémosche varios consellos para organizarte tras os días de descansoVolveraste adaptar nun chiscar de ollos! 

Durante as vacacións deitámonos máis tarde, poñémonos o primeiro que collemos para saír a dar unha volta, esquecemos facer deporte e moitas veces comemos a deshora. Por iso, cando rematan, é bastante frecuente que nos custe un pouco volver a adaptarnos ás nosas rutinasA orde na casa é a clave para retomar de novo as actividades do día a día. Tanto é así que, como verás, mesmo pode axudarte a coller hábitos saudables como levar unha alimentación equilibrada, facer exercicio ou durmir máis. Imos aló... 

1. Organiza a roupa por actividades 

 

Aínda que o remate das vacacións non signifique un cambio de temperatura, si que suporá un nas túas actividades. Quer pola volta ao traballo quer porque non vaias á praia ou á piscina, a roupa que precisarás será diferente. Por iso, o mellor é que non adíes o cambio de armario ata as temperaturas baixaren e empeces a gardar todo aquilo que xa non vas precisar: bañadores, chancletas, sombreiros... o que sexa! Deste xeito, terás moito máis espazo para dar prioridade ao que si vas precisar cada día e, así, escoller os teus conxuntos diarios será moito máis sinxelo.  

Isto inclúe tamén os accesorios, aos que lles podes buscar un oco específico que che quede á man para sacarlles o máximo partido. Unha boa idea pode ser penduralos en paneis ou taboleiros perforados na porta do armario, como na foto. Así rematará iso de non atopar o cinto, os pendentes ou os anteollos que usas practicamente a diario. Os accesorios que menos utilices podes colocalos noutro lugar (zapateiro, cómoda...). Trátase de identificares os que máis adoitas usar para non perder nin un segundo en buscalos.  

2. Prepara a roupa o día de antes

 

Cústache elixir a roupa polas mañás? Entón, recomendámosche que probes a deixar os conxuntos preparados o día anterior. Podes pendurar e colocar nunha percha todas as pezas e accesorios que vaias levar. A clave para acertar é que penses ben no que vas facer durante todo o día (traballo, reunións, citas...) e elixas roupa coa que te vaias sentir máis a gusto. Se dubidas entre un par de pezas, sempre podes deixar ambas opcións para optar pola que máis che apeteza xusto ao levantarte.

Nese sentido, tamén che recomendamos que deixes preparado o bolso, a mochila ou a bolsa con todo o que vaias precisar (documentos, ordenador, neceser...). Aforrarás uns cantos minutos que poderás investir en facer outras cousas como, por exemplo, almorzar tranquilamente para empezar o día con bo pé.  

3. Ordena o baño de forma práctica

 

O baño é outra das paradas obrigatorias pola mañá e unha das estancias da casa que pode roubarnos máis tempo se non a organizamos ben. Se es das persoas que acumula máis e máis produtos no armario ou xunto ao lavabo e cústache atopar xusto o que realmente precisas, chegou o momento de pórlle fin! 

Para logralo, o primeiro paso será quitar todos os produtos que teñas almacenados e colocalos no chan para facer inventario. É moi probable que cando vexas todo o que tes, queiras saír correndo, pero que non se propague o pánicoaxiña estará todo moito mellor organizado.

O seguinte paso será descartar todo o que está caducado (si, os cosméticos tamén caducan). Co resto terás que seleccionar o que realmente utilices e descartar o que non. Unha vez teñas esta selección, chegará o momento de ordenar todo o que utilices. Para que sexa o máis práctico posible, recomendámosche que penses a orde da túa rutina de mañá. Un organizador coma o da foto pode ser moi útil para iso, xa que ten diferentes compartimentos nos que poderás colocar as cousiñas segundo o seu uso.  

 

Se te preguntas que facer con todos eses produtos que non usas tanto, pero que non están caducados, tes dúas opcións: gardalos nun armario ou outro lugar de almacenaxe ao que accedas con menos frecuencia ou regalarllos aos teus amigos ou familiares, ti elixes!  

E se non tes moito tempo, explicámosche neste vídeo como organizar o baño en tempo récord. Toma nota!

4. Planifica as túas comidas con antelación

 

Organizar ben as comidas é un punto clave para a saúde e para ter un mellor rendemento en calquera tarefa diaria, xa sexa estudar ou traballar. Porén, é bastante habitual que non planifiquemos as comidas e o deixemos ao chou, o que adoita desembocar en que comamos calquera cousa que collamos no frigorífico. Para evitalo, un bo hábito é crear un menú semanal para as comidas e as ceas; por suposto, con certa marxe de flexibilidade por se xorde algún imprevisto, pero no que quede bastante claro que pratos imos facer durante a semana. Para adquirir o hábito, o mellor é elixir un día da semana fixo para determinalo, como os domingos pola mañá, por exemplo.

Antes de planificalo, o primeiro paso será revisar que tes na despensa, que elaboracións podes facer con iso e que necesitas mercar. Isto fará que aproveites ao máximo a comida que xa tes na casa e non merques máis da conta. Unha vez teñas esta información, será o momento de poñelo sobre un papel.

Para que sexa aínda máis efectivo, recomendámosche que apostes polo batch cooking, é dicir, que reserves tamén un día para preparar algúns dos pratos e así os teñas practicamente feitos cando os vaias comer. Aínda que haxa comidas que teñas que facer no momento, poderás adiantar moitas outras e conseguir comer dunha forma máis equilibrada.

¡Pss, por certo! Para que as comidas se conserven o mellor posible, o noso consello é que as gardes e as prepares con antelación en envases de vidro, como os da nosa gama IKEA 365+ 

5. Busca un lugar para a túa roupa e para o teu material de deporte 

 

Cústache moito retomar a práctica de exercicio despois das vacacións? Algo tan sinxelo como ordenar o teu material de deporte pode ser decisivo para recuperar a motivación.

A nosa recomendación é que busques un lugar de almacenaxe específico para o teu material de deporte e mesmo para a roupa. Así, cada vez que vaias facer exercicio teralo todo nun mesmo lugar e a tarefa será máis sinxela. Podes utilizar un moble auxiliar como o da foto, reservar un apartado do teu armario que teñas libre ou recorrer a outras solucións de almacenaxe como caixas ou organizadores de armarios.  

Á parte disto, se ás veces non fas deporte por aquilo de que che falta tempo e non podes adaptarte aos horarios do ximnasio, por que non o practicas na casa? Xa non haberá escusas porque poderás facelo cando mellor che veña a ti.

Se te animas, o ideal é que busques unha zona fixa que estea bastante libre para que, de novo, non che dea pereza facelo. Con ter á man o que vaias precisar, será abondo. Non agardes máis para poñerte en marcha, o teu corpo e a túa mente o agradecerán.  

6. Aparca a tecnoloxía pola noite 

 

Por último, pero non menos importante: o descanso! Se queres que a volta das vacacións sexa máis sinxela e che custe pouco organizarte, precisarás durmir o suficienteE aínda que nisto inflúan moitos factores (horario, alimentación...), se hai un que colleu protagonismo nos últimos anos é a tecnoloxía. Adoitamos ter o malo costume de estar co móbil a todas horas, sobre todo pola noite. Vemos vídeos, revisamos as redes sociais, contestamos mensaxes e, cando queremos darnos de conta, pasou moito tempo.

Aínda que semella algo inofensivo que facemos todos, o certo é que está demostrado que recibir este tipo de estímulos xusto antes de durmir dificulta o soño e empeora a calidade do descanso. Por iso, a nosa proposta é que crees na túa casa unha especie de estación tecnolóxica na que aparquedes os vosos dispositivos a partir de certa hora da tarde. Isto, ademais de facilitar a desconexión e o sono, permitiravos conectar entre vós.  

Agora chegou o momento de pór en práctica estes consellos e retomar a orde da vida diaria. Por se precisas algún que outro consello, deixámosche aquí un par de artigos que poden resultarche útiles. Imos aló! 

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.