Saltar

6 consellos para aforrar no aire acondicionado

Chegaron as altas temperaturas e o aire acondicionado vólvese tornar o noso gran aliado para combatelas. Porén, se che preocupa o gasto que supón e propuxécheste utilizalo dunha forma máis sostible, isto interésache. Dámosche varios consellos que poden axudarte a aforrar no aire acondicionado.  

O aire acondicionado é, sen dúbida, a medida máis eficaz para librarse da calor durante o verán. Porén, o seu uso descontrolado pode supor un gran gasto económico. Isto, ademais, non é en absoluto sostible nin beneficioso para o medio ambiente. Por iso, se este ano propuxécheste usalo dun xeito máis responsable para aforrar uns euros na factura da luz e por o teu gran de area para coidar o planeta, toma nota! 

1. Elixe un aparato con eficiencia enerxética alta 

 

O principal punto que ter en conta para aforrar no aire acondicionado é apostar por un que teña unha cualificación alta en eficiencia enerxética. Así que, se aínda non tes aire acondicionado na casa ou o vas renovar, fíxate ben na etiqueta! Isto pode supoñer un aforro de ata o 60 % respecto a un aparato convencional. Ademais, os novos modelos adoitan integrar o modo eco, que adapta as temperaturas á época do ano para aforrar enerxía.

Recorda que este consello pódese aplicar a todos os electrodomésticos do teu fogar, así que telo en conta á hora de compralos. 

2. Colócao no lugar adecuado

 

Aínda que non o pareza, a situación do aire acondicionado inflúe no seu funcionamento e gasto de enerxía. Para que sexa máis eficaz e gaste menos, o ideal é colocalo onde non estea exposto ao sol. Tampouco convén que estea en zonas nas que haxa correntes externas ou fontes de calor coma o forno, xa que en ambos casos a súa medición da temperatura pódese ver afectada.  

3. Coida o seu mantemento

 

Se queres que o aire acondicionado funcione ben é imprescindible que coides del. Para iso só terás que limpar os seus filtros unha ou dúas veces ao ano. Este paso é clave para aforrar, xa que cando o aparato está sucio precisa gastar máis enerxía para manter a temperatura indicada.

Como se fai? Moi doado: só terás que sacar os filtros, limpalos cun pouco de auga e xabón líquido e deixar que sequen antes de colocalos. Non obstante, o noso consello é que comprobes as indicacións do fabricante, en caso de que houbese algunha recomendación específica para o teu aparato.   

4. Mantén a temperatura entre 23 °C e 25 °C 

 

Cando fai calor é tentador poñer o aire acondicionado a unha temperatura moi baixa, pero isto non é necesario e supón un gasto moito maior. Tanto que, por cada grao menos, o consumo pode aumentar ata un 8 %.  
 
A normativa española determina no Regulamento de instalacións térmicas nos edificios que a temperatura óptima no interior durante o verán oscila entre os 23 °C e os 25 °C, cunha humidade de entre o 45 % e o 60 %. En inverno recoméndase entre 21 °C e 23 °C. Ademais, tamén é importante que a diferenza entre a temperatura da rúa e da casa non supere nunca os 12 graos, xa que o choque térmico que se pode provocar non é nada beneficioso.  

5. Procura illar ben a túa casa 

 

Tanto para a calor coma para o frío, é fundamental que a túa casa estea ben illada para manter unha temperatura agradable no interior. Por iso é importante que as portas e ventás cumpran coa súa función.

Algo tan simple como baixar as persianas, os estores ou os toldos durante as horas de máis calor pode facer que as temperaturas se reduzan considerablemente e non precises poñer tanto tempo o aire acondicionado. O ideal é que abras as ventás a primeira hora da maña e que, a partir das 10:00 h, baixes as persianas ata que comece a refrescar pola tarde. Tamén é importante que durante esas horas teñas as portas pechadas.

Sabías que en IKEA temos un estor que permite aforrar enerxía? Así é. O seu nome é HOPPVALS e está inspirado nunha das criaturas máis sabias: a abella. A súa estrutura interna está deseñada en forma de panal, o que crea unha capa illante que axuda a reducir o gasto en calefacción e, por suposto, aire acondicionado. O estor diminúe, polo tanto, o nivel xeral de luz e evita que se vexa o interior da estancia dende fóra.

6. Evita deixar o aire acondicionado posto mentres dormes 

 

Deixar o aire acondicionado acendido durante toda a noite supón un gran gasto enerxético e, ademais, pode ser prexudicial para a saúde. Por iso, se a calor non te deixa durmir, o mellor é que o acendas e programes para que se apague media hora ou unha hora despois, aproximadamente. Para entón xa estarás a durmir e as temperaturas irán baixando paulatinamente, polo que non o precisarás.

En caso de que se trate dunha noite moi calorosa e precises deixalo acendido, utiliza o termóstato para que a temperatura non baixe máis da conta.  

Tomaches nota? Á parte de todo o que che contamos, hai outras formas de conseguir que a casa estea moito máis fresquiña sen necesidade de utilizar o aire acondicionado. Practícaas e xa verás como notas a diferenza. Contámoschas todas aquí:  

E se queres aforrar aínda máis enerxía no fogar, non perdas este vídeo con consellos doados e prácticos.  

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.