Como transplantar as plantas de interior paso a paso
As plantas de interior, ao crecer en testos, cómpre transplantalas periodicamente para teren máis espazo e desenvolverse de forma correcta. Chegou o momento de facelo coas túas e non sabes por onde empezar? Contámosche como facelo paso a paso.
Unha casa pode cambiar por completo grazas ás plantas de interior. Tanto é así que poden converterse nas grandes protagonistas da decoración de calquera estancia e brindar ese toque de natureza que tanto nos chista, sobre todo se non temos a sorte de contar cun xardín ou vivir preto do campo.
Pero para medraren adecuadamente, á parte dos coidados habituais, como regalas, necesitan ter espazo abondo. Por iso, se queres que estean sas e bonitas, é moi importante pór atención ao seu crecemento e transplantalas de testo cando o requiriren. O mellor momento para facelo é a primavera, xa que, o aumento das horas de sol fai que medren máis rapidamente.
Isto debe facerse seguindo determinados pasos para non danalas, xa que as plantas, no seu hábitat natural, non están preparadas para pasaren dun lugar a outro. Toma nota!
Paso 1. Revitaliza a túa planta
Non será necesario en todas as plantas, mais pode ser interesante dar un corte revitalizador antes de transplantar aquelas con moitas follas após un longo inverno. Como? Faino cunhas tesoiras especiais e corta só as pólas en expansión ou as que estiveren mortas.
E antes de tiralas, le o seguinte paso!
Paso 2. Dá unha segunda vida ao que cortes
Como diciamos, no canto de tirar todas as pólas ou follas que recortases das túas plantas, suxerímosche gardar as máis bonitas para crear un bodegón cheo de vida. Para iso, podes utilizar floreiros ou vasos de cristal con auga nos que colocar as pólas e poñelos nalgún recuncho da túa casa que estea a pedir a berros un toque de cor.
Mais o bodegón non é o único que podes facer coas follas que retirases da túa planta. Se, por exemplo, algunha xa estaba morta e ten peor aspecto, podes aproveitala para sacar o teu lado máis creativo e facer un cadro como o que che propoñemos. Só necesitarás un lenzo en branco, un lapis e pintura. Neste caso é verde, pero podes usar a cor ou as cores que máis che peten. Cando estiver listo, só terás que enmarcalo.
Paso 3. Escolle o novo testo e prepara o substrato
Agora si, após quitar as follas sobrantes da túa planta, se for que o precisa, chega o momento de elixir o novo testo no que a colocarás. Deberá ter entre 5 e 10 cm de diámetro máis có anterior, de acordo co tamaño de cada planta, para así dispor de máis espazo.
Como saberás, existen testos de moitos materiais (terracota, PVC, barro, madeira…), polo que o ideal é escoller o teu tendo en conta as necesidades das túas plantas e o lugar no que as vas colocar. Ao tratarse de plantas de interior, non precisarás que o material sexa tan resistente como se foses colocalas na terraza ou no xardín, pois non estarán expostas á chuvia nin aos cambios de temperatura bruscos. Deste xeito, o máis sinxelo é que elixires o novo testo entre os que estiveren deseñados exclusivamente para interior.
Cando escolles o testo, chega o momento de preparar o substrato para a túa planta. De novo, é importante empregares un específico para plantas de interior. Cando o teñas, engade uns cantos centímetros do substrato no fondo do novo testo. Un truco? Se tiveres un testo vello de terracota que estiver roto, podes trituralo e mesturalo coa terra para mellorar a drenaxe e as plantas medraren aínda máis.
Paso 4. Procede ao transplante
Sacar a planta do testo é o paso máis complicado. Para facelo correctamente, debes retirala con moito coidado e evitar que as raíces se dane. Tras isto, colócaa sobre a base do substrato do novo testo e reenche os laterais sen premer en exceso.
A altura á que estiver colocada a planta ten que ser similar ou algo superior á que tiña na maceta anterior.
Paso 5. Régaa e colócaa onde quixeres
O último paso será regala na medida xusta, sen encharcala, para que siga a medrar comodamente no seu novo espazo. Se o testo for bastante máis grande, é posible que teñas que cambialo de lugar para que encaixe mellor na túa casa.
Ao igual que outros elementos, as plantas son parte da decoración, así que pode ser unha boa ocasión para dar unha volta á organización das que tes no interior e conseguir que no ambiente do teu fogar se respire a primavera. Como na imaxe, podes agrupar varias nun recuncho ou ben distribuílas nas diferentes estancias. Iso é cousa túa!
Gustaríache ter máis plantas? Cultiva un xardín desde cero
Agora que remataches o transplante e a organización das plantas da túa casa, é posible que che apeteza ter máis. De ser o caso, propomos que cultives un pequeno xardín de interior desde cero. Así non só as contemplarás, senón que se converterán nunha actividade moi satisfactoria. Como? Consigue as sementes e plántaas en vasos de papel con substrato para plantas de interior. Tamén podes utilizar un fertilizante, como VÄXER, que ofreza os nutrientes necesarios ás novas plantas.
Para favorecer o seu crecemento, podes colocalas no peitoril da ventá para que lles chegue a luz que precisan. Ademais, podes colocalas nun pequeno invernadoiro, como SOCKER, que proporciona o entorno ideal para o desenvolvemento das sementes e tamén é moi estético.
Polo demais, só terás que regalas segundo as súas necesidades, agardar a que xerminen e velas crecer. Unha vez que o fagan, chegará o momento de transplantalas e repetir os pasos anteriores. É un proceso emocionante!
Necesitas saber máis? Bota unha ollada a estes artigos e saca ao xardineiro ou á xardineira que levas dentro.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.