Saltar

Como renovar o armario e o Instagram sen gastar nin un euro

Se aínda non coñeces as vantaxes de darlles unha segunda vida aos produtos, estás perdendo milleiros de oportunidades de renovar o teu fogar ou o teu armario por moi pouco.  Queremos falarche dun xeito divertido de pasar tempo cos amigos, renovar o armario e facer unha sesión de fotos para as túas redes sociais o mesmo día, e, se queres, todo na casa. 

Dous amigos maquillándose nun cuarto en tons brancos, rosas e amarelos.
Dous amigos maquillándose nun cuarto en tons brancos, rosas e amarelos.
Espello con vasos brancos cheos de brochas de maquillaxe.

Qué é unha Swap Party?

Este termo é moi popular en países como Reino Unido, onde se practican dende hai anos porque son un dos mellores xeitos de darlle unha segunda vida á roupa sen gastar nada. Consiste en "intercambiar" pezas de roupa con amigos e amigas, a veciñanza e mesmo persoas do teu barrio. Podes facela tan grande como queiras. Se decides organizala na casa, planifica unha xuntanza cos teus amigos e amigas máis "fashionistas", cos que teñan un gusto similar ao teu, ou talvez cos que teñan máis pezas de roupa das que queiran desfacerse. Determina o que está permitido e o que non; por exemplo, que cada persoa leve un número concreto de pezas de roupa que non sexan complementos, roupa interior nin roupa infantil, e define que tipo de pezas de roupa serán benvidas. Esa chaqueta que levas sen usar dúas tempadas ou aquelas botas que tanto che gustaban pero xa te cansan poden ser un "match" absoluto para o resto. Lembra tamén que as tallas das persoas convidadas sexan similares para que todas teñan as mesmas oportunidades de facer un intercambio.  

Onde se pode organizar?

Pasar tempo cos teus amigos e amigas sempre é unha boa idea, e se, ademais, inclúes a posibilidade de marchar con roupa nova, un aperitivo e cócteles, convértese nun plan incrible! Prepara o teu fogar para recibilos: despexa algunhas zonas nas que sexa posible colocar a roupa para velo todo con comodidade. Podes pendurala nun armazón ou estendela sobre un sofá ou unha mesa. Prepara un espazo no que se poida probar a roupa, ou ben algún cuarto, biombo ou cortina para dar privacidade. Establece quendas para as "compras"; deste xeito, evitaredes os conflitos por unha mesma peza de roupa. Podes facer un sorteo con calquera aplicación para o móbil cos nomes de todos ou elixir un número ao chou. Prepara algo de comida e bebida para amenizar o plan: uns roliños de salmón, galletas salgadas ou algo doce, en función da hora do día ou o que máis vos guste. Se queres convidar moitas persoas pero non queres que o orzamento suba demasiado, podes pedirlles aos teus convidados e convidadas que traian algo para comer e beber. 

Un rapaz está apoiado nun armazón con roupa pendurada.
Unha rapaza probándose uns tacóns sentada diante dun armario cheo de roupa.

Agora, a lucir un modeliño!

Cando intercambiedes os looks, por que non rematar cunha sesión de fotos caseira que pareza sacada dunha revista de moda? Pode ser unha boa idea para lucir as túas novas adquisicións e alongar a Swap Party. Unha sesión de fotos caseira pode ser un xeito de sacar o noso lado máis creativo dunha forma íntima, a salvo das olladas dos descoñecidos que pasen pola rúa. Deixámosche ideas para aproveitar o espazo: busca un fondo monocromo e, se non tes, créao con cartolinas ou unha tea lisa. Utiliza unha boa iluminación preto dunha fiestra ou cun aro de luz artificial, e proba diferentes poses sen medo a facer o ridículo. Trátase de pasalo ben! Emprega flores, complementos, maquillaxe ou o que se che ocorra para achegar personalidade ás fotos e, por último, ás aplicacións de edición de fotos que lles dean ese toque profesional.   

A listaxe de plans incribles dos que podes gozar sen saír da casa é infinita. Se queres descubrir máis, non perdas as nosas últimas publicacións!