Como organizarse con nenos na casa durante a corentena
Sabemos que tanto a grandes como pequenos vos encantaría pasar o día en pixama, pero se queres que os teus fillos se adapten a este confinamento e que poidades compaxinar as clases virtuais, os deberes e o teletraballo, o primeiro que debes facer é organizar a rutina diaria na casa. Aínda que somos conscientes de que cada fogar é diferente e de que a teoría é máis fácil que a realidade, queremos intentar axudarte con algúns consellos sinxelos para estes días. Esperamos que che sexan útiles!
Agora que os nenos non teñen colexio e temos que estar todos xuntos na casa todo o día, os expertos afirman que é importante que toda a familia siga mantendo unhas rutinas similares ás habituais. Non todos os fogares poderán facelo totalmente, xa que dependerá das circunstancias laborais, pero na medida do posible, intenta levantar e deitar os teus fillos á mesma hora de sempre. Isto evitará que poidan ter trastornos do sono e axudaraos a asumir esta situación dun xeito máis natural, para que, cando teñan que volver ao cole, non lles supoña ningún problema.
Se cho permite o teu traballo, aproveita que estás na casa para almorzar con eles, en familia. Podes dedicar este momento a planificar o día con eles para falarlles da importancia dunha alimentación saudable ou para distribuír as tarefas do fogar entre todos. Son bos momentos para compartir cos teus fillos as charlas que non tedes habitualmente por falta de tempo!
E logo dun bo almorzo, a lavar os dentes, asearse, vestirse... e a polo día!
Clases na casa
Se tes que traballar desde casa, é o mellor momento para que os teus fillos tamén se poñan a facer os deberes, a estudar ou ler un pouco. Se son máis pequenos, poden facer manualidades, recortar, debuxar e pintar.
Aquí tes algunhas actividades para entreter os nenos con materiais sinxelos.
Non vos esquezades de facer un descanso a media mañá! Os teus fillos estarán desexando que lles prestes un pouco máis de atención e axudarate a desconectar un intre do traballo. Preparade algo de comer, como froita, un puñado de froitos secos, un iogur… Lembra que nestes momentos é importante manter unha dieta variada e saudable. Os nenos non gastarán tanta enerxía como normalmente, polo que non deberían abusar de alimentos ricos en azucres e hidratos de carbono, que poden favorecer o aumento de peso.
A hora da comida tamén é un bo momento para facerdes cousas en familia. Podes involucrar os teus fillos na elaboración da comida ou poden axudarche a poñer a mesa mentres ti cociñas. Se non tes tempo e tes que poñerte a traballar nunha hora, podes deixar a comida feita en friameiras o día anterior ou a fin de semana. Oíches falar do batchcooking? Descubre aquí este novo concepto de moda para planificares o teu menú semanal!
Tardes para actividades extraescolares
As tardes pódense facer moi longas con nenos na casa, e máis se tedes que teletraballar; pero como dixemos, imos intentar manter as rutinas habituais!
Despois de comer, de recoller a cociña e de descansar un intre, como farían normalmente, quizais algúns nenos teñan que volver ás súas clases virtuais ou facer deberes. Se non é así, tamén podemos axudalos a que sigan activos, con libros de actividades para mellorar a súa escritura, con cadernos de matemáticas ou cos clásicos libros de vacacións con diferentes exercicios para manter a súa mente activa. Outra opción é que fagan quebracabezas: mesmo podes buscarlles algúns interactivos que poidan facer na tableta ou computador. Tamén poderían empezar a escribir o seu propio diario e fomentar a súa creatividade pedíndolles que fagan redaccións ou escriban os seus propios contos ou historias.
As primeiras horas da tarde tamén son ideais para practicar as súas actividades extraescolares desde casa. Así non perderán o costume nin a habilidade. Por exemplo, poden pasar unha horiña ensaiando se tocan algún instrumento, practicando idiomas, escoitando audios en podcasts ou traballando con libros de actividades para este fin. E non esquezamos o exercicio! Non poderán xogar ao fútbol nin ao baloncesto, pero si podedes facer exercicio na casa todos xuntos con algún videotitorial.
Dúas horas de lecer en familia
Cando o horario laboral che permita apagar o computador, podedes aproveitar para merendar e decidir en familia que ides facer nas próximas dúas horas. Algunhas ideas:
- Xogos de mesa en familia
- Unha clase de ioga para nenos
- Ordenar os nosos álbums de fotos familiares
- Preparar algunha receita doce sinxela: un biscoito, unhas galletas, unha torta…
- Ensinarlles a coidar as plantas, o xardín ou a horta, se os tedes.
- Organizar os seus armarios e o seu cuarto xunto con eles.
- Ver algunha película todos xuntos
- Organizar os seus xoguetes e facer a limpeza
- Falar cos seus amigos ou coa familia por videochamada
- Aplausos ás 20:00 horas no balcón ou xogar ao “vexo-vexo” cos teus veciños
E para á cama ben cediño!
Aínda que queiran quedar ata máis tarde vendo a tele pola noite coa escusa de non teren cole, debes intentar deitar os nenos á súa hora habitual. Permítelles cambiar os seus horarios só na fin de semana! Así, as súas semanas na casa transcorrerán con maior normalidade e poderán descansar dabondo para seguiren afrontando as súas tarefas ou clases virtuais.
Podes rematar a xornada lendo un libro con eles ou contándolles historias da túa infancia ou dos avós. Aproveita estes días para falar máis cos teus fillos e compartirdes momentos únicos!
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.