Saltar

Visita a un fogar: 2 cociñas pequenas, mais en perfecta orde

Crees que unha cociña pequena non pode ser eficiente? Amosámosche como aproveitar o espazo con pequenas solucións de almacenaxe a través destes dous casos de cociñas reais. Non o perdas!

Dúas cociñas brancas con estilos diferentes
Dúas cociñas brancas con estilos diferentes

Para moita xente, ter a cociña dos seus soños implica que esta sexa moi grande, luminosa e con espazo para gardar unha morea de cousas. Pero para que unha cociña sexa perfecta, realmente ten que ser xigante? A nosa resposta é que, claramente, non.  
 
A clave para que unha cociña sexa eficiente non é o tamaño, senón a súa organización. E a verdade é que hai unha enorme variedade de solucións de almacenaxe e truquiños para que todo o espazo estea perfectamente aproveitado e cumpra a súa función.  
 
Para demostrarcho, recorremos a dúas das nosas embaixadoras IKEA para que nos conten de primeira man como o conseguiron e para que a súa sabedoría na cociña nos sirva a todos de guía e inspiración.

 

A cociña de Sandra.

Sandra, tamén coñecida nas redes como @pasitoapasitodecorando, vive co seu mozo nunha bonita casa cunha cociña pequeniña pero marabillosa (duns 2,5 x 2,5 m mais a zona da despensa, de 1 m de ancho e 2,5 m de longo).  
 
Para Sandra e a súa parella, a practicidade é o máis importante na súa cociña. "Traballamos todo o día fóra da casa, polo que na cociña estamos aproximadamente unha hora diaria facendo ceas e preparando a comida do día seguinte. Como temos pouco tempo, é imprescindible telo todo á man para que ese tempo sexa o máis breve posible e poidamos descansar". 

A despensa

A despensa pode ser unha zona máis sinxela de organizar se xogamos con caixas para separar e diferenciar os alimentos. Ademais, a estética é máis ordenada e homoxénea.  
 
"Para gañar unha dobre altura, utilicei a cesta OBSERVATÖR e para saber que contén cada caixa, coloquei etiquetas identificativas. Como non hai que desaproveitar ningún espazo, engadín estantes e colgadoiros na porta. As bolsas KUNGSFORS son unha opción xenial para realizar a compra a granel, por iso logo de facer a compra volvémolas colocar aquí". 

O caldeiro de lixo e reciclaxe 

"O caldeiro KNODD, cos seus compartimentos KARDORNA, fai que clasificar a reciclaxe sexa moi doado. Como non estamos moito na casa, non xeramos demasiado lixo, polo que este caldeiro é perfecto para nós". 

Vivimos en Madrid, polo que saímos moi cedo a traballar e non adoitamos volver á casa ata a tarde. Se temos que chegar e o temos todo desordenado, perderiamos moito tempo colocando as cousas e preparando as ceas e as comidas para o día seguinte. Por iso nos gusta que cada cousa estea no seu sitio. Así é máis doado manter a orde!

Orde nos caixóns

Os caixóns son outro dos grandes retos na cociña. Sandra utilizou estratexicamente o método Marie Kondo para gardar trapos e manteis. Así, dunha simple ollada ten localizado o que quere e sen ocupar espazo. 
 
Para clasificar as tixolas e cazolas, colocou as pequenas no soporte para tapas VARIERA. As grandes están amontoadas unhas sobre outras e, como sobraba oco, engadiu un cesto VARIERA de bambú con asa, para que sexa máis fácil extraelo. 
 
No caso do caixón de tarros de comida, optou por utilizar unha mesma gama (concretamente, os tarros modelo KORKEN en diferentes tamaños). "Ao seren transparentes, pódese ver facilmente o contido de cada tarro", engade. 

O frigorífico

No frigorífico tamén utilizaron caixas da liña VARIERA para separar os alimentos, aínda que desta vez nun tamaño máis pequeno para que caiban perfectamente. Ademais de reorganizaren a comida, fixeron unha renovación dos envases e botellas, eliminando definitivamente os de plástico e substituíndoos por botellas e friameiras de vidro.

A vaixela

E que pasa con todos os pratos e vasos? Sandra optou por gardar toda a vaixela neste armario, aínda que cunha axuda extra. "Cos estantes VARIERA triplicamos a capacidade de almacenaxe. Puxemos as cuncas que máis utilizamos nuns colgadoiros xusto embaixo. No mesado, ademais, temos as táboas de cortar e os condimentos que máis utilizamos colocados nun cestiño. De xeito que, cada vez que cociñamos, temos todo á man". 

Ao telo todo organizado, é máis doado facer a compra, xa que sabemos en cada momento que se está acabando e hai que apuntar para comprar.

As friameiras

Neste armario, Sandra e a súa parella gardan as friameiras, as cazolas máis grandes e os accesorios do robot de cociña. Neste caso, utilizaron tamén andeis VARIERA para gañar altura e duplicar a almacenaxe. Utilizan as caixas VARIERA a xeito de caixóns para gardaren as friameiras separadas por tamaños. E como lles sobraba espazo nos laterais, aproveitaron para gardaren os gardamanteis.

Debaixo do vertedoiro

A zona de debaixo do vertedoiro, como en moitas casas, utilízana para almacenar produtos de limpeza e produtos relacionados coa bricolaxe. Para aproveitaren o espazo, tamén engadiron dúas cestas TISKEN na porta. "Aquí gardamos as pastillas da lavalouza, baetas e estropallos, así non hai que deixalos no mesado e dá unha maior sensación de orde". 

A cociña de Elena

Agora é o momento de ver un segundo exemplo de organización na cociña coa nosa embaixadora Elena (@elemorlovedecor) como anfitrioa.

Elena vive coa súa parella e dous cadelos adorables, e comparten unha cociña de 11 metros cadrados. 

"Encántanos cociñar. A min gústame moito a repostería e ao meu amore gústalle o resto, así que pasamos moito tempo xuntos na cociña. A cociña é unha das pezas da casa que máis utilizamos, pero non por iso ten que ser a máis caótica. Penso que cando hai orde todo flúe e, en concreto na cociña, parece que ata a comida sae mellor".

A despensa

Ás veces, vémonos na obriga de termos as cousas ao aire libre e renunciar aos armarios ou caixóns. No caso de Elena, é precisamente o que lle ocorre coa súa despensa.  "A maior parte da miña despensa é un espazo aberto, polo que esteticamente, o mellor é que estea ordenado". Mira como consegue que quede así de organizada e de bonita.  
 
Nos estantes máis altos, utilizou caixas para gardar os utensilios de cociña que non son de uso diario (o batedor de man, o batedor de vaso, os moldes de repostería e a máquina para facer flocos de millo). Nos seguintes estantes, máis ao seu alcance, xogou coa estética dos tarros de cristal, concretamente a serie KORKEN en distintos tamaños, para almacenar alimentos secos (como legumes, pasta, arroz, cereais, cacao...).  
 
Na parte de embaixo do estante colocou varios cestos nos que garda, metidos en botes da serie IKEA 365+, froitos secos, zumes e doces, algúns botes de cristal con tapa de madeira para galletas e cacao.

Zona de reciclaxe

A zona de reciclaxe de Elena está integrada no propio armario que hai baixo o vertedoiro, como no caso de Sandra. Para poder xogar con diferentes alturas dentro do armario e poder gardar o caldeiro da fregona, colocaron un estante adicional de armarios da serie VARIERA.

Para os ocos baleiros

Entre a lavadora e un dos armarios había un oco grande dabondo como para poder aproveitalo, pero co inconveniente de que a porta da lavadora impedía poñer calquera tipo de estante ou armario adicional. Así que a solución perfecta para Elena foi o carriño móbil RÄSKOG. Deste xeito, pode gardar unha chea de cousas como táboas de corte, especias ou aceites, e movelo a un lado cando teña que utilizar a lavadora. A que é comodísimo e queda xenial? Dentro organizou os alimentos con botes, como os das series ÖRTFYLLD ou IHÄRDIG

As friameiras

Elena e a súa parella son afeccionados á tendencia do batchcooking (se queres saber que é, preme nesta ligazón), polo que precisan gardar e conservar diferentes pratos para toda a semana. Para iso utilizan as friameiras de cristal da serie IKEA 365+. "Este tipo de friameiras permítennos conservar os alimentos moito máis tempo. E iso significa menos desperdicios e máis satisfacción", explica Elena. Ademais, como son todas da mesma gama, son moito máis sinxelas de organizar. Neste caso, eles colócanos no caixón baixo deste xeito.  

 Que che pareceu? Esperamos que os exemplos e consellos das nosas embaixadoras che sirvan de inspiración. Agora é o momento de trasladalo todo á túa propia cociña. Seguro que consegues que todo estea perfecto. Ánimo!

 

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.