Como ordenar a casa inflúe no noso benestar emocional
Se sabes como ordenar a casa, saberás como ordenar a túa mente despois. A orde e a almacenaxe fannos un pouquiño máis felices, sabíalo?


Ter unha casa ordenada inflúe moitísimo no noso benestar, nas nosas sensacións e emocións. Cando todo no noso arredor ten o seu lugar é máis doado que a nosa mente tamén o teña. Cando ordenamos o armario tamén ordenamos todo o que temos na cabeza, poñéndolle claridade ao que antes era caos. Por iso queremos que vexas como ordenar a túa casa pode axudarche moitísimo a ordenar a túa cabeciña. Se comezas a facer pequenos cambios, vas notar a diferenza!
Orde con calidez que nos permita mellores sensacións
Poñer orde transmítenos unha gran sensación de paz. Sabemos que moitas veces dentro do caos da rutina é complicado. Pero sacar un oco para facelo polo menos unha ou dúas veces por semana (e xa non digamos unha por día) é fundamental para reestruturar tamén a nosa mente.
As mellores sensacións virán cando combines á vez calidez e orde. Como? Coas caixas BULLIG de bambú ou de madeira, con ganchos para clasificar na parede con estes mesmos materiais…
Con estes sinxelos toques e outros tantos, as túas rutinas matinais serán moito máis lixeiras e confortables, atopando todas as túas cousas rapidamente grazas a toda esta estrutura de orde. Por suposto, un pequeno espello é ideal para botarte unha última ollada antes de afrontar o día. Ánimo!
A cociña debe manter a súa orde: busca os mellores aliados
Debemos puntualizar unha cousa: a orde non é o mesmo para todo o mundo. Non ter as cousas clasificadas por tamaños ou cores non quere dicir ser desordenado. Ter obxectos enchendo as superficies non implica caos. Por suposto, o minimalismo sempre axuda a conseguir esa sensación de limpeza e meticulosidade, pero non ten por que ser o único tipo de orde. Trátase de ter as cousas organizadas, limpas e gardando certa harmonía.
Por iso sabemos que a cociña é unha das zonas da casa nas que máis custa que isto se leve a cabo. Unha boa solución para as froitas, por exemplo, é colgalas en bolsas de rede nas que poden manterse frescas por máis tempo ao permitir que o aire circule ao redor. Ademais axudarás a reducir as bolsas de plástico!
Unhas cantas táboas de cortar e pratos ou fontes colocados estratexicamente preto do lugar no que preparas as comidas axudaranche á hora de facelo e son ideais para darlle un toque decorativo á túa cociña. Ter as cousas á man cando as precisas é un dos mellores "alivios" para a mente.
A paz no dormitorio: fundamental para comezar o día con bo pé
Acaso sentes o mesmo cando te ergues unha mañá e ves o dormitorio con todo no seu sitio, despexado, coa luz entrando pola ventá e os paxariños cantando que cando abres os ollos e ves unha morea de roupa nunha cadeira, os coxíns tirados polo chan ou a mesa de noite cheísima de cousas?
Enfrontarte de cara co que nós denominamos "desorde diaria", é dicir, esa que xeramos cada día, axudarache a durmir e erguerte moito máis tranquilo. Coa mente máis en calma.
Trucos para un dormitorio máis ordenado e acolledor:
- Unha cesta ou baúl aos pés da cama na que colocar todos os coxíns decorativos cando nos metemos na cama.
- Pequenas cestiñas ou organizadores de caixóns que nos permitan ter a mesa de noite ordenada tanto por fóra como por dentro.
- Un colgadoiro de porta ou un colgadoiro de roupa no que colocar de forma ordenada (e estirada) a roupa que queremos volver poñer ou a que temos preparada para o día seguinte. Di adeus á cadeira-armario!
- Roupa de cama acolledora, 100 % algodón transpirable
- Decoración e almacenaxe en madeira e fibras naturais que lle dea calidez e sensación de benestar.
- Non o perdas: 4 ideas de decoración de salón e dormitorio para sentirse a gusto na casa.
Desprázate a un spa cada vez que entres no teu baño
O baño é un espazo da casa que, ao igual que o dormitorio, reflicte reparación, reinicio e desconexión. A nosa mente cambia de estado e busca esa paz, ese benestar emocional.
Está demostrado que a auga nos relaxa e nos fai sentir un pouquiño máis felices. Por iso é tan importante que coides como te fai sentir o teu baño!
E iso é tan sinxelo como pensar nos seus pequenos detalles, que o cambiarán todo. Se as túas toallas xa pasaron o seu mellor momento, por que non as cambias e te regalas unhas novas, máis suaves e bonitas? Despois, despexa os teus estantes, caixóns e demais superficies. Tira todo o innecesario e introduce elementos como candeas aromáticas, cremas, xabóns... Todo enfocado a coidarte a ti e só a ti.
O mesmo sucede cos pequenos complementos e accesorios de baño: ao igual que no resto da casa, os materiais naturais axudarannos a crear harmonía visual e unha sensación relaxante que nos invite a desconectar.
É o teu momento, gózao!