Saltar

Como lavar as sabas e outra roupa de cama para que duren máis

As sabas e as fundas nórdicas son esas pezas de roupa de fogar que queremos sempre perfectas. A sensación de meterse nunha cama limpa, estirada, suave, cun olor agradable e cun aspecto de estar como nova non ten prezo!  

Por iso queremos darche algúns sinxelos consellos sobre como lavar as sabas para que duren máis, pero tamén os coxíns, que son fundamentais no noso lugar de descanso por excelencia. Aquí tes un adianto: non por botar máis deterxente quedan máis limpas. Máis ben, todo o contrario. 

Pero imos por partes: sabas limpas, doces sonos! 

1. Le ben as instrucións de lavado: teñen moito que dicir! 

Moitas veces cortamos as instrucións de lavado que veñen nas nosas sabas ou fundas nórdicas (ou esquecemos que están aí para nos axudar). Así a todo, en moitas ocasións, atopamos nelas a chave do seu correcto lavado, para estaren perfectas e duren máis tempo.  

Isto, por suposto, tamén dependerá do material do que estiveren feitas, da nosa lavadora, do deterxente e do suavizante. Pero o primeiro que queremos recomendarche é que busques esa etiqueta, que a sigas ao pé da letra e que teñas en conta os seguintes consellos para saber como lavar as sabas.

Nas seguintes imaxes explicámosche de forma sinxela o significado dos símbolos máis habituais nas nosas sabas e na roupa de cama para que non teñas dúbidas!

2. Elixe o programa adecuado da lavadora 

Se liches a etiqueta, verás que tes unha recomendación de temperatura de lavado, o que resulta fundamental para as nosas sabas duraren máis tempo sen desgastarse.  

O máis normal é que, aínda que as sabas non teñan manchas difíciles de limpar, se laven a unha temperatura de auga quente, entre 40 e 60 °C. Por que? Porque así as desinfectas, as limpas por completo e acabas cos ácaros e bacterias que poidan ter. 

No tocante ao programa, debe adecuarse ao tecido das sabas, como o algodón, algo que adoita indicarse na maioría das lavadoras: “algodón 60 °C”.  

Se a composición for dun tecido máis delicado que o algodón ou, por exemplo, tiver algún bordado, deberemos escoller un programa especial, como o de pezas delicadas, para que non se estraguen e duren impolutas moito máis tempo. 

Por outra banda, no caso dos tecidos sintéticos o máis habitual é lavalos nun ciclo de auga fría ou morna. 

No seguinte vídeo, dámosche algúns consellos para saber que aspectos debes ter en conta á hora de mercar as túas sabas. Por exemplo, os materiais dos que están feitas e o seu mantemento.

3. Lávaas soas, sen máis pezas

Para lavar as sabas correctamente, é fundamental facelo de forma individual. É dicir, sen máis pezas no tambor da lavadora, nin sequera varios xogos de sabas. Mellor individualmente! Así nos aseguramos de que hai espazo abondo no tambor, e de que a auga e o deterxente se distribúan correctamente por todas as pezas de cama, para conseguir unha mellor limpeza.  

Cada canto tempo? O ideal é unha vez á semana, sobre todo no verán. 

4. Canto deterxente debes botar? 

Moitas persoas pensan que o mellor é botar moito deterxente ou que canto máis suavizante, maior suavidade. Pero diso nada! De feito, sucede todo o contrario: excedérmonos co deterxente fai que á lavadora lle custe máis do que debería aclarar as sabas e o resto da roupa, en xeral. Isto pode facer que cheire mal ou que teña certa sensación graxa. Ademais, non é nada favorable para o medio ambiente.  

Normalmente, para unha carga duns 4,5 ou 5 kg, como a que pode ser a das nosas sabas, abondaría con 50 ml de deterxente. Aínda así, olla as instrucións da túa lavadora e usa sempre o tapón medidor do envase. Non o botes ao chou! 

Tampouco recomendamos usar lixivia para lavar as sabas a miúdo porque pode acabar rompendo os tecidos. Tan só debes usala en casos extraordinarios se algunha mancha se resiste ou se necesitas unha desinfección máis profunda, pero controla a cantidade.

5. Como conseguir que as sabas se engurren menos e como tendelas  

O máis importante para evitar na medida do posible as engurras na nosa roupa de cama é sacalas da lavadora en canto acabe o lavado: que pase pouco tempo dentro do tambor cando remate o ciclo! Así, evitamos que colla humidade innecesaria e que engurre.  

En canto a como tendela, o mellor é secala ao aire libre, se tivermos esa posibilidade, xa que a ventilación evita que adquira certos olores e axuda a que non se engurre. Cólgaa pola metade o máis estirada que poidas mediante varias cordas perpendiculares e, se for posible, evita as pinzas.  

6. Como lavar o recheo e a funda dos coxíns de cama 

Comecemos polo recheo dos nosos coxíns! Como sempre, mira as indicacións que atoparás na etiqueta. Non deberías lavar os teus recheos a máis de 60 °C, pero dependendo do material poderás facelo a máis ou menos temperatura.

Tampouco recomendamos que empregues lixivia, e o ideal é que tamén reduzas a cantidade de deterxente que uses normalmente. Cun terzo da medida habitual será suficiente. Os nosos recheos de coxíns poden meterse na secadora, pero consulta na etiqueta a temperatura recomendada. 

E, precisamente no tocante á funda, o máis importante é revisar a etiqueta do fabricante e seguir as instrucións ao pé da letra. Aínda así, recomendámosche que, se tiveres algunha mancha, lle botes quitamanchas antes do lavado. E se for unha funda de tecido delicado, mellor á man e con deterxente neutro. 

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.