Como iluminar un dormitorio para descansar mellor
A iluminación que escollas para o teu dormitorio pode influír de forma positiva ou negativa no teu sono. A cantidade de luz, así como a súa cor, son aspectos que debes ter en conta á hora de iluminar un cuarto pensado para o descanso. Toma nota dos consellos que nos deron os expertos da Sociedade Española do Sono (SES) sobre o tipo de iluminación que debes elixir para conseguir o cuarto perfecto para durmires ben!


O primeiro consello que os especialistas do sono recomendan é que o dormitorio estea o máis escuro posible á hora de durmir. Parece obvio, pero non todos os fogares o poden conseguir, xa que depende do tipo de fiestras que teñan. Se non tes persianas ou un estor que impida o paso da luz, podes optar por colocar dúas cortinas: unha fina para o día e outra máis grosa para a noite.
Doutra banda, ten en conta que, para conseguir esa escuridade total, debes evitar ter calquera dispositivo electrónico no cuarto. O móbil, a tablet, a computadora, a TV ou o espertador dixital son distraccións luminosas que poden impedir que concilies ben o sono. Sabías que os estudos indican que o uso de dispositivos electrónicos está aumentando o número de persoas que padecen insomnio? O recomendable é que deixemos de usar o móbil ou calquera outro aparello que emita luz azul un par de horas antes de ir durmir.
Luz xeral no dormitorio
Segundo a SES, a luz xeral (a lámpada de teito) debe ser ambiental e difusa. A intensidade non debería ser superior a 75 luxes, cunha temperatura de cor que non supere os 3000 K, aínda que o ideal serían 2750 K. É máis aconsellable usar lámpadas LED con tonalidade cálida, a mellor opción para conseguir unha luz ambiental apta para relaxarse e prepararse para durmir.
Por que non optas por unha lámpada regulable para que poidas cambiar a unha luz cálida cando queiras? Coñeces a nosa lámpada intelixente TRÅDFRI? Co kit de lámpada e mando podes acender e apagar a luz, e elixir o ton de branco e a intensidade.
Se tes dúbidas sobre como elixir as túas lámpadas aquí tes un vídeo explicativo que che ha axudar na túa elección:

Luz de seguridade
Para os expertos, a luz de seguridade é a luz auxiliar que temos na mesa de noite ou nun aplique na parede. Esta luz tamén debería ser o máis cálida e tenue posible, xa que só cumpre unha función práctica, por se precisas levantarte pola noite. Aínda que moitas persoas adoitan ler un libro ou traballar na cama, os doutores do sono non recomendan facer ningunha actividade no dormitorio que non sexa durmir. Se non podes evitar ter o móbil no cuarto ou é o teu espertador habitual, o ideal é que o manteñas en modo avión durante a noite.
Como puideches comprobar, a luz xoga un papel fundamental no dormitorio para un bo descanso, pero non é o único aspecto que debes ter en conta. Neste artigo contámosche como inflúe a cor das paredes no noso estado de ánimo e o sono.
Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.