Saltar

Como ensinar aos nenos a seren ordenados

Ensinar aos nenos a seren ordenados é un hábito saudable e útil para o seu futuro. Por que non aproveitas estes días que estades todos na casa para empezares a inculcarlles a importancia da orde? Nós temos algúns consellos que che poden axudar! 

Ter a nosa casa ordenada axúdanos psicoloxicamente a estarmos máis tranquilos e sermos máis felices, como diría Marie Kondo, a gurú da orde. Estes beneficios tamén afectan aos máis cativos da casa, pero ademais, ordenar as súas cousas tamén lles axuda a teren máis autonomía e a melloraren a súa autoestima. É un xeito de demostrarlles que poden facer cousas por si mesmos, que teñen os seus roles dentro da casa e que confiamos neles para facelo.  

Para que os nenos aprendan a importancia da orde son fundamentais dous aspectos: comezar axiña coa aprendizaxe e predicar co exemplo. Os teus fillos non serán ordenados se ti non o es, aínda que nunca é tarde para selo! Apunta estas pautas e, en pouco tempo, descubrirás como a orde axuda os teus fillos e a unha mellor convivencia en familia! 

Ensinar a ordenar desde pequeniños 

Os expertos en psicoloxía infantil coinciden en que canto antes empecen a recoller os seus xoguetes e as súas cousas, máis fácil lles será asimilalo como un hábito. Ao principio, con dous ou tres anos, non entenderán por que se lles pide facer esa tarefa, pero podes axudalos a que se vaian afacendo. Como? O principal é que vós, os papis e mamis, tamén sexades ordenados. A esa idade, os nenos copian todo o que ven e escoitan ao seu redor con moita rapidez e facilidade.  

Por outra banda, tamén podedes facer desta tarefa un xogo ou cantardes cancións para este fin. Axudaralles a entender mellor que teñen que recoller os seus xoguetes cando acaban de xogar. Nun principio podedes axudarlles a recollelos e explicarlles onde deben colocar cada cousa, pero co tempo é importante que, aínda que non o recollan todo no momento, non o fagades vós. Deste xeito, non se afarán a esa comodidade.  

Aínda que os nenos non sexan tan pequenos, estes consellos tamén vos han servir. Quizais lles leve máis tempo incorporaren esta rutina ao súa día a día, pero aos poucos podédelo lograr todos xuntos, empezando por que vós lle deades a importancia necesaria á orde do fogar.

Mobles adaptados á súa idade  

Para que os teus fillos poidan ter as súas cousas ordenadas, precisan un espazo de seu, adaptado a eles a ás súas necesidades. Por exemplo, cómpre que tanto a cama, como o armario e o seu escritorio sexan os axeitados segundo a súa idade e as súas medidas corporais, para que precisamente poidan ser independentes en cada momento e en cada unha das súas actividades. 

Todos os nosos mobles infantís están pensados e adaptados para conseguirmos espazos seguros e acolledores. Se queres ver as nosas opcións, velaquí tes a sección de cuartos infantís e xuvenís. 

Cada cousa no seu sitio con caixas e organizadores 

Xa sabemos que os nenos non paran, e máis cando son pequenos. Por iso cómpre que teñan unha zona de xogos na que deixar voar a súa imaxinación e poder ciscar con liberdade todos os seus xoguetes. Non é malo que o fagan, pero sempre coa condición de que os recollan cando remate a hora de xogar. Para iso, debes facilitarlles ao máximo posible a recollida con baúis, caixas ou armarios reservados unicamente para as súas cousas. 

Co noso sistema modular TROFAST tes unha chea de opcións de diferentes tamaños e cores para adaptares a almacenaxe de xoguetes (ou de calquera outra cousa) a calquera espazo.  

Ademais, cada caixa debería ter un só uso para que eles poidan distinguir mellor onde poñer cada cousa. Se aínda non saben ler, podes etiquetar as caixas con algún debuxo sinxelo. Deste xeito recoñeceranas dunha primeira ollada. E que che parece o noso carriño FLISAT?  Un caixón e un xoguete que o teu peque pode levar aló onde vaia. 
 
Quizais non teñas espazo dabondo ou mesmo tes que ter os xoguetes no salón... pero aí tamén poden ter o seu sitio en caixas, carriños ou nalgún armario do moble principal do cuarto. 

Deixámosche por aquí algunhas opcións de caixas para ordenar as cousas dos peques.  

Velaquí tes un vídeo no que che amosamos algunhas opcións para gardar os xoguetes no salón.

Ordenar tamén a súa roupa e zapatos 

Aos poucos, á medida que van medrando, as tarefas de orde e organización na casa deben ir abranguendo máis que os xoguetes e o cuarto. Podedes empezar por ensinarlles a organizaren o seu armario, colocando sempre a roupa no mesmo lugar, ou en caixas ou organizadores de armario. Deste xeito saberán que cada cousa ten o seu sitio.  

Logo podedes ir introducindo novas tarefas, como colocar os libros e debuxos no escritorio, as cousas que non usa acotío embaixo da cama e os zapatos no zapateiro, no recibidor ou nun armario destinado para ese efecto. 

O seguinte paso sería que comezase a facer a cama, axudar a poñer a mesa ou recollela e, na fin de semana, unha tarefa para limpar ou recoller outra peza da casa. Así comprenderá que a orde se ten que estender a todo o fogar. Deben entender, explicándollo tranquilamente, que se axuda na casa e se mantén a orde, logo poderedes pasar máis tempo libre xuntos e que é preciso para non perder tempo buscando cousas.  

Esperamos que che servisen os nosos consellos! Se queres saber máis sobre como a orde inflúe no noso benestar emocional, contámoscho no seguinte artigo.

Encántanos que os clientes utilicen os nosos produtos dunha forma creativa. Atrévete ti tamén! Porén, debes ter en conta que as modificacións e cambios que introduzas nos produtos de IKEA impiden que se poidan volver vender ou empregar para o seu uso orixinal, polo que invalidan as garantías comerciais de IKEA e o dereito a devolución.