Como desenvolver a creatividade dos nenos na casa
Desenvolver a creatividade ten múltiples beneficios para os nenos e nenas no seu día a día. Axúdaos a resolver problemas cotiáns; a relativizaren a súa contorna e a súa realidade; a seren resilientes para superar situacións complexas e, por último, favorece a súa capacidade de relacionarse coas persoas, a súa familia, os seus amigos ou outros nenos e nenas. Queres saber algúns consellos e técnicas para fomentar a creatividade dende a casa? Sigue lendo!
En IKEA cremos que todo o mundo merece ter acceso a un fogar seguro, auténtico e vivo e, por iso, unha das nosas iniciativas é Formando fogar, un programa con diferentes expertos para visibilizar, concienciar e axudar a que cada fogar sexa un refuxio de benestar emocional. Para falar da creatividade e de como podemos axudar os nosos fillos a desenvolvela dende o fogar, falamos con Fernando Botella, experto en creatividade, talento e innovación, coach e entusiasta da ensinanza.
Agardamos que te axude!

Técnicas para desenvolver a creatividade
Fernando Botella é unha das persoas que máis sabe de creatividade no noso país. Licenciado en Ciencias Biolóxicas, actualmente exerce de coach para executivos e empresas españolas relevantes, coa súa consultora especializada no desenvolvemento de talento, innovación e transformación organizativa. Complementa o seu traballo coa impartición de programas en institucións públicas e entidades privadas, axudando a desenvolver o potencial creativo dos seus equipos. Ademais, é conferenciante e autor de varios libros, o último, "¿Cómo entrenar la mente?". (Alienta Editorial, 2020).
Antes de recompilar os consellos que nos deu Botella para axudarnos a fomentar a creatividade dos nenos dende o fogar, queriamos, coa súa axuda, entender mellor que é a creatividade.
Segundo o experto, todos somos creativos porque é unha capacidade do ser humano, nacemos "con ese don" ou con esa posibilidade que ten o noso cerebro para xerar alternativas ante diferentes situacións.
En palabras de Fernando Botella, "a capacidade creativa adquírese co tempo e pódese apagar ou catalizar, dende o fogar e coa educación que recibimos". Daquela, entendemos que a creatividade é un proceso que se aprende, que se adestra.
A creatividade é a capacidade de coller cousas de diferentes sitios para mesturalas entre si e crear algo novo. É importante que o neno ou a nena teñan isto presente.”
Fernando Botella
Velaquí algúns consellos que de seguro te axudarán a fomentar a creatividade dos teus fillos e fillas dende a casa:
- Axúdaos a desenvolver a creatividade a través de preguntas. Deste xeito, no día a día, podemos axudar os nosos fillos e fillas a que pensen en cuestións, dúbidas, a que vexan a realidade dun xeito desacostumado, doutra forma. A pregunta esperta a creatividade. Ademais de preguntar, debemos atender as súas respostas. É importante que se sintan escoitados e que esa pregunta se converta nun diálogo familiar, con argumentos e novas dúbidas que poidan xurdir nesa conversación. Unha maneira de aprender sobre a cotiandade e a vida dende o fogar e o seo familiar.
- A creatividade vive no cotián. Todos os temas cotiáns permítennos ser creativos, dannos a oportunidade de pensar doutro xeito, de resolver conflitos do día a día dunha maneira diferente ("desacostumada", en palabras de Botella), de sermos máis empáticos e de desenvolver a introspección, é dicir, a capacidade do ser humano de coñecerse mellor a si mesmo.
- A creatividade nace do facer. As ideas xorden de xerar prototipos. Cun folio e unhas pinturas poden crear o que logo poderán construír, é dicir, poden darlles forma ás súas ideas. A creatividade ten que ver coa capacidade de favorecer a experimentación e ese experimento non ten por que ser perfecto, porque o ser humano é imperfecto. Debemos axudalos dende esa imperfección a entender como se aprende do erro. Ademais, é moi importante que non castiguemos o erro dunha idea ou creación porque, se o facemos, os nosos fillos e fillas entenderán que non deben facer nada. É unha forma de atacar a súa autoestima e pode afectar a súa gana de querer seguir aprendendo. Non debemos usar frases como "Ti disto non sabes" ou "Xa falarás disto cando sexas maior", son mensaxes que rompen coa súa gana de facer cousas e, polo tanto, rompen a súa creatividade.
- O non facer tamén axuda a desenvolver a creatividade. É importante que os cativos e cativas fagan actividades extraescolares, pero tamén é necesario que teñan tempo libre, tempo para aburrirse e saír da rutina. Cando teñen ese tempo libre para "non facer nada" é cando pensan libremente e deixan voar a súa imaxinación. Neses momentos, o ideal é que poidas xogar con eles, que os acompañes e os escoites, é dicir, que atopen o teu apoio e motivación nas súas ideas e creacións.
- A creatividade forma fogar. A creatividade axuda a formar equipo e favorece a diversidade, axúdaos a socializar, fai que os nenos e as nenas se relacionen máis coa súa contorna.
- A creatividade pode desenvolverse a calquera idade. Pode fomentarse a calquera idade, adestrando o cerebro, pero na infancia espértase con máis facilidade e pode axudar moito os cativos e cativas no seu día a día, para resolver problemas cotiáns dun xeito máis sinxelo.
- A tecnoloxía é unha ferramenta, pero non sempre. Os nenos e nenas non deben abusar do seu consumo, porque atrapa as súas mentes e lles impide ser creativos.
- Coidado co perfeccionismo. Debemos buscar a excelencia, pero esixir o perfeccionismo aos nosos fillos e fillas é unha especie de muro que lles impide facer cousas.
- Para que os nenos desenvolvan a súa creatividade, os pais deben acompañalos co seu tempo. A importancia de dedicar tempo ao que nos importa.
A creatividade non está nun xoguete, non está no material, está na mente. As "ocorrencias" dos teus fillos e fillas son procesos creativos.”
Fernando Botella